Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Imaxe do cartel promocional do Día da Ciencia en Galego que figura no blog que recolle a iniciativa FOTO: AXENCIAS |
"Galicia precisa da Ciencia en Galego para non perder todos os trens da modernidade, das novas culturas, dos novos empregos, das novas ideas. Polo tanto, cómpre reivindicar a Ciencia Galega e a Ciencia en Gallego". Así o sinalan varios colectivos que promoven a celebración, o vindeiro día 4, do Día da Ciencia en Galego.
Ensinantes de Ciencia de Galicia (Enciga), Asociación do Profesorado de Educación Matemática de Galicia (Agapema), Asociación de Profesores de Tecnoloxía Galegos, Sociedade galega para a promoción da estatística e da investigación de operacións, Institución Galega de Ciencia, as tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega CIG-Ensino, (STEG), Nova Escola Galega, AS-PG, A Mesa pola Normalización Lingüística, Cultura da Deputación de Lugo, Normalización da Cultura da Deputación da Coruña, Adega, Prolingua e Museos Científicos Coruñeses son os primeiros convocantes.
No blog http://cienciaengalego.org/ pódese ler o documento que, a xeito de manifesto, estes colectivos apoian. "A negación da existencia de ciencia en galego e de ciencia galega terá importantes consecuencias no futuro do país, xa que transmite a idea preconcibida dun pobo sen pasado, sen ciencia, dun pobo colonizado, incapaz de xerar cultura científica, de modo que o alumnado aprenda a resignarse a ser mera man de obra dos científicos doutros países", salienta este escrito.
"Que a lingua galega é un vehículo natural para a Ciencia amósase e demóstrase na gran cantidade de publicacións en lingua galega do profesorado de Ciencias galego", nos congresos, exposicións, concursos, obradoiros, proxectos de tecnoloxía como os recollidos na web da Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia, salienta.
Nese día "reclamaremos que os galegos teñamos quen nos comunique as novas, quen nos dea conta dos últimos achados dunha forma rigorosa e crítica. Reclamamos a ciencia, o galego, e a Ciencia en Galego", engade.
O Día da Ciencia en Galego dedicarase a Afonso X, Ramón María Aller e James Clerk Maxwell. "A temática ben se pode agrupar arredor de Atopa o galego na Lúa ou Co galego chegamos á Lúa, xa que os tres homenaxeados teñen un cráter dedicado na Lúa: Atopar eses cráteres pode ser un dos exemplos de actividades nos que se dea a coñecer a imaxe de marca da Ciencia en galego: autoestima galega e poder da ciencia en galego. Un científico universal, Afonso X, que falaba galego, un dos grandes poetas galegos, ten merecidamente un cráter denominado Alphonsus polas súas contribucións á Ciencia europea mediante as traducións da ciencia árabe", afirma o documento.
"O cráter Aller-Atwood homenaxea un astrónomo que promove a modernización científica galega do seu tempo e funda o primeiro observatorio astronómico galego. A primeira Facultade de Ciencia galega é herdeira do seu labor", sinala
"James Clerk Maxwell é o noso modelo de científico galego futuro. Un científico universal, da nosa área atlántica, xenial como queremos que sexan os nosos novos científicos e as nosas novas científicas", conclúe.
Diversas entidades fan propostas de actividades para a data
Diversas entidades apoian o Día da Ciencia en Galego coas súas propostas. A da AS-PG é un Campionato de Trivial Día da Ciencia en Galego; a de Prolingua é a publicación no seu web de textos en formato de conto, poema, microrrelato, relato curto, aforismos, etc... O Servizo de normalización lingüística do Concello de Vigo desenvolverá varias actividades do 4 ó 11, como obradoiros de ciencia divertida.
En colaboración coa Coordinadora de ENDL, Apetega promove o Revoltallo de termos. A tecnoloxía en galego: actividades con vocabulario tecnolóxico.
César Pais do IES Chan do Monte oferta a visita ás súas coleccións didácticas: de moluscos,
crustáceos, peixes de Galicia, artes e aparellos de pesca e restos de cetáceos, cranios de aves mariñas, otolitos e dentes de peixes de Galicia. Agapema oferta varias exposicións, e varias editoras -Galaxia, Kalandraka, Nigra Tea, Alvarellos- participan coa distribución dalgúns exemplares de libros relacionados coa ciencia.
Tamén se propón que os centros, ademais doutras actividades que poidan facer, constrúan papaventos, carteis e exposicións para o 4 de novembro.
