Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Arañeira

Twitteando pola lingua

A palabra "galega" situouse onte entre as máis usadas polos usuarios desta rede social en España nunha iniciativa de Radiofusión e GalegoLab á que se sumaron preto de 300 internautas

V. O. . SANTIAGO   | 07.10.2010 
A- A+

A palabra "#galega" ocupou onte os primeiros postos entre os chamados trending topics (temas do momento) máis utilizados polos usuarios de Twitter en España. Preto de 300 internautas apoiaron deste xeito a iniciativa de Radiofusión -a web das Emisoras Municipais Galegas- e o colectivo GalegoLab que pretendían difundir as potencialidades da nosa lingua utilizando a palabra "#galega" entre as 16:00 e as 17:00 horas de onte, conmemorando os 103 anos dende que Manuel Lugrís Freire deu por primeira vez un mitin político en galego celebrado en Betanzos.

Segundo indicaba onte Radiofusión, nesta acción participaron 258 internatutas que enviaron 1.148 "galegas" a esta rede social que conta con 145 millóns de usuarios. O colectivo GalegoLab, pola súa parte, engrosaba a participación a 300 usuarios que enviaron máis de 1.300 mensaxes coa palabra galega. En todo caso, durante a hora que durou, "galega" converteuse no quinto tema máis utilizado do día nas redes de Twitter en España.

Entre as mensaxes enviadas convivían as máis reivindicativas -"Eu amo a lingua galega" ou "O ourensán Ben-Cho-Shey foi outro gran promotor da lingua. Deu conferencias en Madrid falando sempre en galego"- así como as críticas coa política lingüística de Feijóo - "Nos quieren imponer la galega"- e a última polémica reaberta por Carlos Negreira sobre o topónimo da Coruña - "En Galiza a ultradereita persevera na "verborroka" coma o "L" de A Coruña, eu persevero en que o galego é a nosa única lingua propia"-.

 

"Romaría galega no twitter, que alguén avise a Luis Rial"

Pero tamén eran moitos os internautas que empregaban o humor e a retranca en mensaxes como "Que boa esa serie nova que botan na galega!! A de Miro Pereira!!", "Romaría galega no twitter, que alguén avise a Luis Rial" ou "Disque para conectar coa sociedade galega, o Papa vai repartir cartos en man, coma Piñeiro no Supermartes".

Nos comentarios dos usuarios tamén xurdiron propostas como a de utilizar a etiqueta "galega" como símbolo de identidade permanente da comunidade de internautas de Galica. E, segundo informa Redifusión, recibiron suxestións para volver organizar a iniciativa o vindeiro ano.

A PARTICIPACIÓN

Continuaban tres horas despois

As mensaxes continuaban chegando até tres horas despois de rematada a iniciativa. De feito, algúns internautas doíanse de non ter chegado a tempo, entre as catro e as cinco, para engrosar a lista das mensaxes. "Puntualidade "galega", de 4 a 5, e chegamos todos pasadas as cinco", aseguraba un dos usuarios que partipou.

O DISCURSO DE LUGRÍS

"Da súa fala nin renegan as feras"

Manuel Lugrís Freire foi membro fundador e presidente da Real Academia Galega (RAG). En 2006 dedicóuselle o Día das Letras Galegas grazas a un mérito que o singulariza: a el débeselle o primeiro discurso político en galego, na vila de Betanzos onde as súas palabras comprometidas e libres se escoitaron un día como o de onte de 1907.

"Quero hoxe falarvos na nosa fala, porque é unha fala honrada, na que aínda non se furtou, na que non se escribiron os recibos dos consumos, nin as notificacións de embargo das vosas facendas, nin a declaración de soldados que arrinca dos vosos lares os fillos cando vos fan máis falta para o duro traballo da terra". Así falaba Freire nun acto do sindicato Solidaridad Gallega, do que tamén foi fundador, ante unhas 6.000 persoas, a maioría labregos mariñáns.

Cando Freire pronunciou aquel primeiro discurso político, xa se escribiran os primeiros libros en galego, e tamén se publicaran xornais na lingua do país, pero ninguén até daquela fixera unha defensa da fala, sobre a que -como xa aseguraba daquela o fundador da RAG- "deixaron caer a súa bulra os estúpidos que renegan do que nin siquera renegan as feras".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS