Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

óbito

Un apaixonado da escena

Falece o escritor e director teatral rianxeiro Pancho Martínez que acababa de estrear unha obra

MARÉ . SANTIAGO   | 25.11.2010 
A- A+

m. blanco
O actor e director teatral Pancho Martínez
FOTO: m. blanco

O escritor e director teatral rianxeiro Pancho Martínez, faleceu onte aos 52 anos. Descoñécese a causa do sorpresivo falecemento do tamén actor, locutor e produtor, que acababa de estrear este ano a obra escrita e dirixida por el, Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro, coa compañía Airiños de Asados, baseada en A fiestra valdeira de Rafael Dieste e Os vellos non deben de namorarse de Castelao.

Pancho Martínez, que estaba a escribir a súa última obra, O paxaro pinto, entrou en contacto co teatro grazas ao poeta Bernardino Graña, que lle deu clases de literatura no instituto de Padrón. Pouco despois, creou en Rianxo unha compañía de teatro afeccionado que botou a andar ás súas ordes coa obra O cantar dos cantares de Blanco Amor.

O servizo militar impediulle estudar Arte Dramático en Madrid. Daquela, dedicouse ao xornalismo e á dobraxe pero tamén traballou como actor con Roberto Vidal Bolaño nunha das primeiras producións da TVG e tamén participou en Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, unha das primeiras longas do cine galego. Nos últimos anos traballou en series como Rías Baixas, Terras de Miranda ou El Comisario. Tamén traballou como actor na obra do Centro Dramático Galego (CDG), O mozo que chegou de lonxe, dirixida por Mario Gas. Tamén con Vidal Bolaño recuncou en varias obras do CDG como Xelmírez ou a gloria de Compostela. Tamén traballou de produtor en Galaxia Comunicacións, cando Chano Piñeiro dirixiu a Sempre Xonxa. O funeral será hoxe ás 16.30 horas na igrexa de Santa Columba.

MONTAXE

Trabou amizade con Rafael Dieste

Pancho Martínez chegou a coñecer o seu paisano rianxeiro Rafael Dieste, co que, un día antes de morrer, percorreu toda a ribeira de Rianxo buscando asesoramento para a montaxe de A fiestra valdeira que preparaba Pancho. Unha estrea que non chegou a ir adiante.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS