Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 11.11.2019 Actualizado 14:08
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

ORzamentos

Un "auténtico insulto"

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística denuncia que o recorte deixa política lingüística con menos da metade de recursos que hai 10 anos

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 24.10.2010 
A- A+

ramón busto
Imaxe de arquivo dun curso organizado pola CTNL, a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo
FOTO: ramón busto

O recorte do orzamento da Xunta destinado a Política Lingüística -que pasa de 15.572.633 euros no 2010 a 9.251.115 no 2011-, produciu xa as primeiras reaccións. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) considera "un auténtico insulto á política lingüística, ao proceso de normalización e a todas as persoas e sectores implicados" a rebaixa que, -apunta nunha nota de prensa-, "chega a unha cantidade de menos da metade da dos orzamentos de hai 10 anos".

A entidade salienta, á luz destes datos, que queda demostrado "unha vez máis que o goberno da Xunta só está disposto a dar pasos atrás no proceso de normalización da lingua galega, incumprindo así os acordos aos que se chegou por unanimidade no Parlamento galego (Lei de normalización lingüística e Plan xeral de normalización da lingua galega), nos que se especifica que a normalización lingüística ten que ser un proceso progresivo, e en ningún caso regresivo".

O proxecto de orzamentos presentado polo Goberno galego reflicte que, mentres as contas xerais baixan con respecto a 2010 arredor do 10%, as dedicadas á lingua fano de xeito "realmente drástico, e baixan máis do 40% sobre unhas cantidades que eran xa moi baixas e que xa sufriron en 2010 unha redución de máis do 20% con respecto a 2009. Así, en 2011 dedicaránselle á lingua máis de 6 millóns de euros menos que en 2010 e preto de 11 millóns de euros menos que, por exemplo, nos últimos orzamentos aprobados por Fraga en 2005", subliña a CTNL.

Case todas as accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sofren un importantísimo recorte. Así, redúcense drasticamente, sinala a CTNL, as partidas para accións de promoción da lingua desde asociacións sen ánimo de lucro (-45%) ou desde a administración local (-34%), para cursos e actividades de formación (-38%), para centros de estudos galegos no exterior (-42%), para estudos e traballos de investigación (-46%), para proxectos de fomento no ensino (-25%)...

DATOS

As demandas incumpridas

A CTNL lembra que Anxo Lorenzo asinou un documento na anterior lexislatura no que se recomendaba que o investimento para política lingüística fose o 0,3% do orzamento, pero este non chega no 2011 máis que ó 0,09%.

CONSECUENCIAS

O peche de servizos

Estes orzamentos significarán, ao ver da CTNL, "o peche de servizos de normalización lingüística, de lectorados, a redución de cursos e actividades e o despedimento de moito persoal investigador e de traballadores/as da lingua". Ademais, "os orzamentos non lle dedican nin un só euro á Rede de Dinamización Lingüística", ese organismo "que supostamente quere impulsar e coordinar as accións normalizadoras desde os concellos". Ademais, as contas reducen de xeito drástico a partida económica para o fomento do galego desde os concellos.

Só se salva a Real Academia

As partidas ou ben se manteñen máis ou menos iguais -así é en material, subministracións ou comunicacións da propia secretaría, por exemplo-, ou baixan moito. A única que sobe, tras todas as demandas recibidas nese sentido, é a tranferencia á Real Academia Galega -de 60.102 euros no 2010 a 135.390 no 2011-. Para lectorados, a cantidade pasa de 720.000 euros a 378.529. Para publicacións, de 910.000 a 125.000. Para corporacións locais, de 602.668 a 397.710. Para editoriais, de 525.000 a 341.575. Para campañas, de 3.337.000 a 3.148.347. euros.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS