Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

música

"Un cambio radical"

BellónMaceiras Quinteto presenta mañá en Ferrol e o día 30 en Compostela "Folkfusión", un disco co que propón un percorrido por distintos estilos do mundo e de Galicia

MONTSE DOPICO . SANTIAGO   | 20.04.2010 
A- A+

AXENCIAS
O grupo consolida con este disco a súa formación como quinteto, que arrancou do festival de Ortigueira
FOTO: AXENCIAS

Unha nova viaxe polas músicas do mundo e de Galicia. Pero, desta volta, máis "estilística", que "xeográfica". E con cinco músicos, no canto de só gaita e acordeón. É a proposta que BellónMaceiras Quinteto achega no seu disco Folkfusión, que presentou onte na Coruña no seo dunha xira que mañá mércores continuará no Teatro Jofre de Ferrol, ás 21.00 horas, e o vindeiro día 30 no Salón Teatro de Compostela, ás 20.30 horas.

Daniel Bellón e Diego Maceiras botaron a andar un proxecto musical a dúo no ano 2005. "Buscamos un oco no mundo do folk, que xa estaba bastante saturado, e atopámolo como dúo. Eramos o primeiro dúo en traballar como tal. Tentamos explorar todas as posibilidades, definir un repertorio axeitado e variado para gaita e acordeón. Xa desde o principio queriamos meter a gaita alí onte non estaba", explicou Daniel.

O seu primeiro disco, Unión das Terras, que presentaron en varios puntos da xeografía europea, ofrece un percorrido por músicas de Arxentina, Portugal, Bretaña, Oriente Medio, países do Leste, Rusia, Euskadi e Galicia. No ano 2007, a súa actuación no Festival do Mundo Celta de Ortigueira foi a oportunidade para incorporar novos músicos. Así se alicerzou o actual quinteto, co que acaban de gravar Folkfusión.

"Foi unha evolución natural. Cada membro do grupo realiza a súa achega. Se marchase alguén, non sería este grupo, senón outro", salienta Bellón. A gaita interpreta neste disco tango, swing, muiñeira, blues, habanera, jazz, samba, valse francés? "Non se trata de construír os temas arredor da gaita, senón de que esta actúe como un instrumento máis. Darlle demasiado protagonismo á gaita non consegue dignificala", reflexiona. Ademais, a improvisación xoga un importante papel neste álbum.

"É un disco que, canto máis se escoite, mellor se percibirán os seus detalles. Hai moito diálogo entre os instrumentos. Son temas longos, na súa duración, que van evolucionando...", apuntou.

"Pensamos os temas para o directo. Algúns xa cambiaron no estudo de gravación. Outros xa non son tampouco iguais que cando comezamos a tocalos, e ademais hai unha parte de improvisación que, claro, nunca é igual", engadiu.

Así, Folkfusión, contén "temas moi variados. Un vai a dúo; outro é unha nova versión da muiñeira de Pontesampaio, do anterior disco; outro ten un aire máis latino, e outro é o primeiro blues que se gravou na historia, outro é Unha noite na eira do trigo, outro ten un aire andaluz, outro soa rumano, outro a fanfarria, hai tamén valse, un tango porque nos gusta como quedara o Libertango do outro disco... Non é o típico do folk. De feito, poderiamos chamarlle Word Music", sostivo.

"Son versións doutros grupos, pero sempre con arranxos novos, e temas compostos por nós", subliñou. Os temas son o resultado dun traballo no que entre todos -Dani, gaita e saxo; Diego, acordeón e acordina; Juan Cabe, guitarra; Miguel Lamas, batería e Juan Tinaquero, contrabaixo-, fan os arranxos.

DATOS

Para mercalo, nos concertos

Folkfusión supón, segundo Dani, un "cambio radical de estilo" na traxectoria do grupo. Polo momento, o disco só pode mercarse nos seus concertos. "Boa Music encargarase de editalo, aí por maio. Estará no Itunes...", indicou.

O quinteto seguirá a súa xira, despois de Galicia, por Madrid e outros lugares, e ademais no verán tocará en festivais do país.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS