Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galardón

Un Camões merecido

O escritor brasileiro João Ubaldo Ribeiro faise co premio máis importante concedido a autores da lingua portuguesa

REDACCIÓN/EFE . RÍO DE JANEIRO   | 28.07.2008 
A- A+

João Ubaldo Ribeiro é autor de novelas e antoloxías de contos como ‘Sargento Getulio’

O escritor brasileiro João Ubaldo Ribeiro, de 67 anos, Premio Camões 2008, mostrou sen falsa modestia a súa alegría por terse adxudicado o galardón máis importante concedido a autores da lingua portuguesa. "Mira, creo que eu gañei porque o merezo", dixo Ribeiro, en declaracións á privada Axencia Estado.

O escritor e columnista do diario O Estado de São Paulo, explicou que se decatou da boa nova a través do contestador automático do teléfono da súa casa.

"Eu estaba pasando cerca e escoitei a voz do meu amigo Eduardo Portela, académico e bahiano, e era un recado dicindo que eu gañara o premio", dixo Ribeiro.

Portela é tamén membro da Academia Brasileira de Letras e como Ribeiro, tamén nativo do estado de Bahía, no nordés do país.

Ribeiro, de 67 anos, é o oitavo brasileiro distinguido con este galardón, creado polos Gobernos de Portugal e Brasil, en 1988. En 2007 o Premio Camões foille outorgado ao escritor portugués Antonio Lobo Antunes, quen precisamente recibiu o galardón o pasado venres en Lisboa, nunha cerimonia na que estivo presente o presidente de Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva.

O presidente brasileiro destacou que este premio fortalece as "manifestacións literarias da rica e diversa cultura" dos países lusófonos. Este ano, o xurado estivo formado pola catedrática da Facultade de Letras da Universidade do Porto Maria de Fátima Marinho, o escritor brasileiro Marco Lucchesi e o poeta e xornalista angoleño João Meio.

O galardón está dotado cun premio en metálico de 100.000 euros.

"Para ser sincero, non creo que sexa nada excepcional. Creo que gañei porque o merezo. Podería dicir agora toda unha hemorraxia verbal, dicindo canto estou sorprendido por gañar, pero non vou facer iso", dixo Ribeiro. Sobre a dotación en metálico que acompaña o premio afirmou que vai ser boa para complementar a súa pensión de 1.200 reais (764 dólares). "Pero que ninguén pense que me volvín millonario", dixo entre risas. A obra de Ribeiro foi traducida a varios idiomas e publicada en 16 países, a maioría de Europa, así como en Estados Unidos e Canadá.

Este galardón xa recaeu, ademais de en Antonio Lobo Antunes, en Agustina Bessa-Luis (2004), Sophia de Mello Breyner Andersen (1999), no Premio Nobel José Saramago (1995), no brasileiro Jorge Amado (1994) e no angoleño Pepetela (1997).

A CERNA

João Ubaldo Ribeiro naceu en xaneiro de 1941, na illa de Itaparica, en Bahía (Brasil). Despois de ser profesor de ciencias políticas e xornalista, decidiu dedicarse á literatura. É autor de varias novelas e antoloxías de contos. Entre os máis coñecidos: Setembro não tem sentido en 1968, Sargento Getulio (1971), Vencecavalo e o outro povo en 1974, Vila Real (1979) e Um brasileiro em Berlim en 1995.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS