Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| O decreto que prepara a Xunta está a provocar o rexeitamento de institucións, partidos políticos e sindicatos FOTO: KIKO DELGADO |
Aínda que a presidenta do Consello Consultivo, Teresa Conde-Pumpido se limitaba onte a dicir a preguntas deste xornal que "estamos obrigados a manter silencio", a última hora da tarde a axencia Europa Press -citando "fontes coñecedoras do ditame"- adiantaba que o informe do organismo sobre o polémico Decreto da Xunta presenta "dúbidas de legalidade" e chega a formular puntos de posible "ilegalidade" en que, a través de consultas, se traslade aos pais a potestade de elixir a lingua en que se imparten determinadas materias.
O documento enviado onte á Xunta polo Consultivo -que, segundo Conde-Pumpido non se faría público até a seguinte reunión do Executivo galego, mañá ou o vindeiro xoves- está formado por "dúas partes", unha "bastante dura" que se refire a aspectos de "ilegalidade" e unha segunda parte na que se indican "algúns elementos de reforma para considerar" e que achega suxestións que pretenden mellorar o texto, pero moitas están centradas en cuestións menores.
O pronunciamento do organismo é "duro" respecto á consulta vinculante aos pais, que poderían cambiar a asignación lingüística establecida por decreto sempre e cando o decidisen a metade máis un do censo de familias con alumnos en idade escolar.
Pola súa banda, o ditame inclúe dous votos particulares, un dos cales se pronuncia a favor da legalidade do decreto e outro que vai máis alá das críticas do propio texto e que reproba o precepto de que os alumnos poderán expresarse na lingua da súa preferencia na aula. Este aspecto foi un dos que xerou polémica sobre o proxecto de Decreto presentado pola Xunta.
Non se pode "delegar o dereito á educación"
A primeira parte do texto dubida da "capacidade de elección por parte dos pais" xa que considera que non se pode trasladar esa responsabilidade" ás familias, "nin delegar" cuestións que afectan a servizos básicos como "o dereito á educación", polo que advirte aspectos de "ilegalidade".
Precisamente, o borrador de Decreto prevé que a Xunta realizará cada catro anos unha consulta ás familias dos alumnos que cursan primaria e secundaria, a través da cal poderán opinar sobre a asignación lingüística establecida pola norma para as materias troncais, co que poderían modificar a atribución en caso de que o decida "a maioría" do total de pais.
A asignación lingüística prefixada establece que, en educación primaria, se impartirá en galego a materia de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, mentres que Matemáticas se impartirá en castelán. No caso de secundaria, as materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza; e Bioloxía e Xeoloxía, impartiranse en galego; mentres que Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química serán en castelán.
Respecto á repartición ao 50 por cento das materias que se imparten en ambas as dúas linguas cooficiais mentres non se introduce o terceiro idioma, este precepto non é atacado por o Consultivo por incorrer en ilegalidade, malia que foi un dos aspectos máis controvertidos do Decreto.
Pola súa parte, a Xunta conclúe que o informe do Consello Consultivo de Galicia "avala" a súa "proposta plurilingüística" e o equilibro entre o galego e o castelán, segundo informaron a Efe fontes da Xunta.
Entre as primeiras conclusións do Executivo galego tras o estudo do informe figura que este "avala" a liberdade lingüística dos alumnos para expresarse no idioma que elixan e que se introduza o inglés no ensino máis aló da materia de inglés, engadiron as mesmas fontes.
Así mesmo, ao ver da Xunta, "recomenda" que a participación dos pais "se adecúe" ás normas nas que non se contempla esta posibilidade, e realiza tamén indicacións respecto da "precisión na redacción dalgún artigo". O ditame do Consello Consultivo de Galicia constitúe o último paso para a adopción do decreto que a Xunta pretende que poida ser aplicable o próximo curso escolar 2010-2011.
O proxecto de decreto presentado en decembro pasado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suscitou o rexeitamento da maioría das asociacións, sindicatos e organismos públicos, ademais dos partidos da oposición, PSdeG e BNG, contrarios á pretensión de reducir a presenza social do galego no ensino.
Núñez Feijóo comprometeuse na súa campaña electoral para as eleccións autonómicas do 1 de marzo do ano pasado a derrogar un decreto vixente que establece a obrigatoriedade de que polo menos o 50 por cento da educación primaria e secundaria sexa impartida en galego, pero logo optou por presentar unha proposta de Decreto que foi duramente contestado por partidos políticos e institucións.
Ferrín pídelle á Xunta que "retire" o texto polo "clamor social"
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, considerou onte que o ditame do Consello Consultivo é "contrario" e mostrará unha posición "tamén crítica" respecto ó decreto do plurilingüismo no ensino non universitario, polo que pediu que "se retire".
Nunha entrevista concedida a Europa Press, Ferrín reiteroulle a súa petición ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que "retire" a súa proposta lingüística no ensino ante o "clamor social" que se postulou en contra do decreto do plurilingüismo. "A soidade do Goberno é total fronte á sociedade galega", destacou o presidente da RAG, tras recordar os informes elaborados pola Academia e polo Consello da Cultura Galega, que recomendaron a súa reelaboración. Por iso, reiterou a súa petición de "prudencia" á Xunta de Galicia respecto do seu modelo lingüístico no ensino.
Precisamente, o informe da Real Academia Galega (RAG) cualificaba de "inaceptable" e de "inconsistente legalmente" o borrador do decreto do galego no ensino non universitario, ademais de reclamar á Xunta que "rectifique" a súa postura e aposte polo "consenso" e por un acordo social "integrador" para a aprobación dun texto destas características.
Entre outros puntos, sinalaban que implicará "un retroceso no proceso de normalización da lingua galega que infrinxe a lexislación vixente e a xurisprudencia emitida polos altos tribunais", ademais de recordar que o Tribunal Constitucional "nega inequivocamente que os pais teñan dereito a elixir a lingua de ensino".
