Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Cartaz das xornadas de Ciencia en Galego elaborado pola Coordinadora de Equipos de Normalización FOTO: AXENCIAS |
Máis de 12.000 alumnos de máis de cen centros educativos de toda Galicia participarán hoxe na Xornada pola Ciencia en Galego, convocada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) e que conta co apoio das asociacións de profesorado de ciencias, matemáticas e tecnoloxía (Enciga, Agapema, Apetega) do país.
Con esta iniciativa, segundo informan dende a Coordinadora, colexios e institutos de toda Galicia "reivindicarán o dereito a gozar da ciencia en galego con centos de actividades de divulgación científica". Entre elas, o Departamento de Física de Partículas da USC e a Coordinadora Galega de ENDL organizan unha videoconferencia vía web con científicos galegos da universidade e o CERN de Xenebra.
Na iniciativa participará alumnado e profesorado que quere expresar que "a lingua galega, relegada polo Decreto para o Plurilingüismo de materias como matemáticas, física e química e tecnoloxía, é idonea para a transmisión do coñecemento e o ensino nas áreas científico-tecnolóxicas", indican dende a Coordinadora. Así mesmo, a xornada pretende transmitirlle á sociedade galega "o orgullo de expresar a ciencia e a tecnoloxía en galego".
Ademais, haberá propostas comúns a toda Galicia como a elaboración dun glosario de termos tecnolóxicos de uso común a través da páxina tecnoloxia.org, ou unha videoconferencia vía web que, baixo o título Do CERN a Compostela coa Física de Partículas, organizan o Departamento de Física de Partículas da USC e a Coordinadora Galega de ENDL. Nela, investigadores galegos da universidade compostelá e do CERN (Laboratorio Europeo de Física de Partículas) explicarán dende Santiago e Xenebra os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, que terá lugar entre as 10.30 h e as 11.30 h, os centros escolares poderán interaccionar con eles mediante o chat.
Dende a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüistica dos Centros de Secundaria do Salnés, o seu responsable, Xabier Camba, explica que as actividades se centrarán en tres localidades: Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa. Nesta última cidade, 150 rapaces dos institutos participarán na divulgación de diferentes contidos arredor do mundo das ciencias, sobre todo, proxectos realizados nos centros educativos e que utilizan a lingua galega para o seu desenvolvemento. Por exemplo, celebrarán un xogo de números que consistirá en ir superando diferentes probas matemáticas ou a explicación práctica de diferentes proxectos tecnolóxicos realizados polo alumnado como un aeroxerador, martelos mecánicos ou unha bolboreta voadora.
En Vilanova de Arousa, o IES Faro das Lúas organizará un "paseo matemático" polas rúas da vila "para mostrar a importancia das matemáticas na vida diaria". Os alumnos do IES A Basella desprazaranse ao xardín da vila onde exporán un mural cos elementos químicos da táboa periódica e farán un xogo de identificación de especies e procesos ecolóxicos.
Ademais, en Cambados, máis de cen alumnos do IES Asorey, levarán á praza do concello actividades como a elaboración do Sistema Solar sobre o chan da praza, colocando os planetas representados por obxectos esféricos, e demostrarán un experimento de Eratóstenes que describe a esfericidade terrestre.
O IES Pintor Colmeiro de Silleda visitará o observatorio de Forcarei
Exposicións, obradoiros de ciencia divertida, teatro divulgativo, experimentos, instalacións electrónicas, concursos de fotografía científica e matemática, construción de planisferios e papaventos ou conferencias a cargo de profesores universitarios encherán as aulas e os patios de centros escolares públicos, concertados e privados de toda Galicia. Para iso, os centros participantes intercambiarán materiais e propostas e desenvolverán de maneira autónoma actividades e experiencias de divulgación científica pensadas e desenvolvidas en galego.
Así, no instituto de ensino secundario de Barro, a partir das 11.30 horas, a praza do concello acollerá actividades como facer figuras xeométricas no chan ou atopar outras na arquitectura da praza; facer medicións de caudal na fonte; distinguir as diferentes árbores da praza; calcular relacións matemáticas entre cordas en vibración e intervalos musicais.
Ademais, os alumnos de terceiro do IES Pintor Colmeiro de Silleda visitarán o observatorio astronómico de Forcarei. Está previsto que se simule un ceo nocturno na aula do centro para amosar aos estudantes a identificar as constelacións e proxectarase un vídeo sobre o astrónomo lalinés Aller Ulloa.
