Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

"Un NODO das bondades do inglés"

Queremos Galego denuncia que o PP usa a TVG de xeito partidista

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 25.01.2010 
A- A+

A plataforma Queremos Galego, que convocou a manifestación do pasado día 21 contra o borrador do decreto da Xunta, denunciou onte nun comunicado o "uso partidista e manipulador que o PP está a facer dos informativos da TVG". Segundo advirten, "seguindo ao pé da letra o argumentario imposto desde o Partido Popular, como se do NODO se tratase, este medio público pretende convencernos das bondades dun decreto exterminador do galego, a través de informacións cercenadas e sen contraste de opinións".

Queremos Galego recoñece que á canle pública, "ante a imposibilidade de agochar debaixo dunha alfombra os milleiros de galegos que participaron na masiva manifestación do pasado 21 de xaneiro, non lle quedou outra que darlle cobertura". Porén, ao seu ver, "para minizar o impacto da folga no ensino e contrarrestar o seguimento que tivo entre a comunidade educativa", a TVG centrou a súa información nos "escasos centros onde o seguimento da mesma foi máis escaso, limitándose a recoller opinións do profesorado que non secundou a folga e de pais e nais que se manifestaban a favor do decreto", lamentan.

A plataforma cidadá cualifica esta cobertura de "manipulación informativa" que continúa coa "emisión de noticias sobre os beneficios de impartir en inglés determinadas materias". Ademais, consideran que "todos os pedagogos que rexeitan, por insensato e antipedagóxico, o decretazo, non aparecen na televisión pública galega". Queremos Galego denuncia que "o PP quere ocultar co inglés a súa agresión contra o galego", pois "o problema non está en aprender inglés ou outras linguas, o problema está en que este decretazo non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego, tal e como teñen denunciado con contundencia pedagogas e pedagogos de recoñecido prestixio." Na súa opinión, "estas reportaxes sobre as bondades de aprender en inglés parecen propias do NODO".

"COA MANIPULACIÓN"

"A nosa indignación está a medrar"

A plataforma Queremos Galego quere lanzarlles unha mensaxe ao PP e á dirección dos servizos informativos da TVG: "Por máis que manipulen as noticias, non van enganar as miles de persoas que o pasado día 21 colapsaban a capital de Galiza, nin a outras miles que non puideron estar porque tiñan que traballar, de que este esperpéntico borrador de decreto é bo nin para a nosa lingua, nin para a nosa cultura, nin para o noso país. Nin sequera para aprender outros idiomas". Ademais, desde Queremos Galego aseguran que "canta maior sexa a manipulación, maior será a indignación de todas aquelas e aqueles que non nos avergoñamos nin da nosa lingua, nin da nosa cultura, nin do noso país".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS