Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 15.08.2018 Actualizado 18:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

xornadas

Un recorte "humillante"

Escena Galega rebélase contra a rebaixa do orzamento de Cultura e a "falta de proxecto" para as artes escénicas

MARÉ . SANTIAGO   | 05.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
Pola esquerda, Manuel Guede, Juan Carlos Fernández Fasero, Xulio Lago e Roberto Taboada, onte
FOTO: AXENCIAS

"O recorte que afecta á Consellaría de Cultura deixa o orzamento de 2011 en niveis semellantes aos de 1987". A rebaixa é "humillante" e "inaceptable", polo que o que queda é "coller as pancartas". O teatro é a "última das prioridades" dun conselleiro de Cultura "paracaidista", que o que quere son "grandes eventos". E só cinco ou sete millóns dos 23 destinados á Cidade da Cultura para o 2011 bastarían para pór as artes escénicas de Galicia "ao nivel que lles corresponde", pero parece que o obxectivo é pola contra, "aniquilalas". Son só algunhas das críticas á Consellaría de Cultura que onte expresaron os profesionais que participaron na penúltima xornada do encontro As artes escénicas e a crise: presente e futuro, organizado por Escena Galega.

Actores e directores manifestaron o seu descontento ante o director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, que foi o primeiro en intervir. "Eu creo que Agadic debe ser un instrumento de axuda ás industrias culturais, e non o é de momento", recoñeceu. Opinou que a Axencia "fíxose mal" cando se creou, co goberno bipartito, e avogou por promover a súa "axilidade".

Fasero respondeu a parte das reivindicacións que o sector foi achegando durante a celebración do encontro. Sobre a proposta de estender o modelo de compañías residentes, reflexionou que "sempre hai un teito" e preguntou cantas podería haber. Antonio Simón asegurou que "sería viable" ter unha compañía profesional por cada 50.000 habitantes.

O director de Agadic considerou "fundamental" mellorar as redes -Escena Galega pedira a súa "refundación"-, e explicou que se está a traballar nunha mudanza de modelo que suporá un maior apoio, en proporción, aos concellos máis pequenos. Avogou, así mesmo, pola "apertura" das redes, de xeito que se xeren "intercambios".

Como tamén sinalara Eduardo Alonso nunha sesión anterior, Luma Gómez advertiu de que en Galicia se manteñen "certos complexos" que levan a sermos "receptores de teatro en castelán" pero non "exportadores" das creacións do país. E lembrou, como Xúlio Lago, que para traer compañías españolas xa están Caixanova e Caixa Galicia. Fasero insistiu en que o seu obxectivo é, precisamente, "exportar" mais, subliñou, se cadra hai compañías que "non queren saír" ou preséntanse dificultades como a falta de costume do público español de ler subtítulos, solución posible para "non ter que facer unha versión en español para fóra".

O responsable de Agadic opinou que o modelo de feiras das artes escénicas, - "non a nosa", "está caduco", e apostou polo sistema de coproducións e o "aumento de públicos". Salientou que, das 20 compañías máis regulares da Rede de Teatros e Auditorios, a media de funcións por ano no 2006 foi de dez, e no 2007 de 11-12. Ademais, no 2006 Agadic investiu uns 12.800 euros por función, cantidade que na actualidade se sitúa en 9.000.

"A idea é subir o número de funcións, e baixar o custo por cada unha, e facer que cada vez custen menos porque se recada máis no despacho de billetes. A media do que paga o espectador por entrada é de 3,5 euros, o número medio de espectadores no 2007 foi de 200, e a facturación por espectáculo de 500 euros. Agadic non quere cargarse o teatro galego, pero ten o orzamento que ten". Así, a súa exposición confluíu coa demanda do sector de potenciar a distribución fronte á produción, e indicou que os seus cálculos son que o orzamento para produción baixe un 30% e se manteña o dedicado a distribución nas redes. Pola súa banda, Manuel Guede, dixo que "me dá a sensación de que se quere facer da crise unha coartada para xustificar a folganza e a falta de proxecto". Aludiu á baixa actividade do CDG no último ano, no que só tivo 27 funcións, o que conduce á súa "invisibilidade", e apuntou á responsabilidade de Roberto Varela, ó que definiu como "paracaidista diplomático en territorio hostil" incapaz de evitar a "humillación" da rebaixa máis dun 30% do orzamento de Cultura. Tamén reflexionou que se cadra non é o mellor momento para reformular a Rede, xa que "os concellos non teñen nin para pan".

Sobre o papel dos concellos, Roberto Taboada lembrou que a lei non lles marca máis obriga cultural que ter unha biblioteca nos de máis de 5.000 habitantes, e pediu certa comprensión para os técnicos de Cultura, na maioría dos casos non especializados en artes escénicas.

Eduardo Alonso protestou, en relación con isto, pola "falta de formación" específica do persoal de Agadic sobre o sector. Lamentou, ademais, que ao teatro se lle faga pagar a crise "como a outros sectores", cando a "nosa realidade estaba aínda por construír", e reclamoulle a Fasero que o sector participe nos órganos de decisión de Agadic. O director da Axencia dixo que se está traballando nun Plan director con medidas concretas, e que sería posible que esa participación nas decisións a través dun Foro.

"As medidas que recolle ese plan deberían ser coñecidas previamente a facerse públicas para que o sector as puidese ratificar", retrucoulle Xulio Lago.

A xestión do CDG foi, tamén, obxecto de críticas: desde o xeito no que e cubriu o posto de dirección, ata a obra escollida para abrir a temporada e, sobre todo, a ausencia aparente dun proxecto cuns obxectivos claros e un programa de actividades ben definido.

MÁIS

Fasero: "a crise é real" e faranse "cambios" para mellorar a situación

Gustavo Pernas foi dos máis claros á hora de manifestar o malestar do sector ante o recorte dos orzamentos. Ironizou sobre os cartos que ía recibir, en comparación cos dedicados ao teatro galego, a "grande actuación" para a que se montou un palco na praza do Obradoiro, e asegurou que se son certas, e non un globo sonda, as rebaixas anunciadas, o que lle queda ó sector é "coller as pancartas". Fasero dixo que "a crise é real", que el estaría "encantado" de que fosen máis cartos para Cultura, pero a realidade non é esa. Apuntou que se cadra se poderán minimizar un pouco os efectos da rebaixa ao evitar duplicidades coa medida anunciada por Roberto Varela de pasar as competencias sobre promoción e difusión a Agadic, deixando para a dirección xeral de Francisco López-Barxas o libro e as bibliotecas.

Aclarou que a asunción de novas compentencias supón tamén que o seu orzamento irá para Agadic. E confesou que non sabía como responder á pregunta que lle formularon sobre se o CDG é un teatro nacional de repertorio. Gustavo Pernas sinalou que Agadic defende o sistema de residencias mentres non hai unha compañía institucional que resida no Salón Teatro como espazo escénico do CDG.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS