Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

idioma

Un símbolo "case sagrado"

Prolingua reclámalle a Feijóo un "compromiso público" coa LNL e advirte de que buscará apoios para unha "resposta contundente" de ser modificada tal como pide Carlos Negreira

M. DOPICO . SANTIAGO   | 10.04.2011 
A- A+

Antonio Hernández
Imaxe de arquivo dunha presentación de ‘55 mentiras sobre a lingua galega’, nun acto de Prolingua
FOTO: Antonio Hernández

Prolingua reclamoulle onte ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma da Lei de normalización lingüística que non se produza co mesmo consenso e unanimidade coa que a Lei 3/1983 foi aprobada no seu día" e advertiu de que está disposta a "buscar o apoio da cidadanía para dar unha resposta contundente" se fose necesario para defender a LNL.

A plataforma, en representación dos seus máis de dous mil membros, escribiulle unha carta ó presidente do Goberno galego na que lle lembra que "o Partido Popular de Galicia rompería de forma unilateral o consenso acadado para a promulgación da LNL en 1983" de facer realidade as demandas de "determinados candidatos das próximas eleccións municipais" -como Carlos Negreira na Coruña- de oficializar a forma deturpada do topónimo La Coruña.

Suporía, subliñou Prolingua, "un abuso de poder dada a escasa lexitimidade democrática que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unaminidade", xa que a LNL foi aprobada no 1983 por acordo de AP, UCD, PSOE, PCG e EG -os deputados do BNPG/PSG non podían votar porque non xuraran a Constitución-. Facer oficial a forma deturpada do topónimo sería, por outra banda, "unha actuación contraria ao espírito da Constitición Española (art. 3.3), do Estatuto de Autonomía de Galicia (art. 5.3) e da Carta Europea dsa Linguas Rexionais e Minoritarias (BOE, nº 22 do 15/9/2001), que instan, todos eles, á defensa e promoción da lingua propia de Galicia", ademais dunha "constatación pública e evidente da actitude de belixerancia contra o galego que mantén o partido que sostén o goberno de Galicia".

Asinan a carta Manuel Bragado, Xabier Cordal, Xosé-Henrique Costas, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández Rei, Xosé María Lema Suárez, Antón Dobao, Antía Otero, Xabier P. Docampo, Mercedes Queixas, Xosé Luis Santiso, Óscar Sánchez López "Martin Pawley" e Alejandro Tobar. Desde a páxina web de Prolingua pódense ademais asinar as adhesións ó documento.

"Non é" -explicou onte Xabier P-. Docampo na rolda de prensa de presentación desta carta- "a LNL a lei que nos satisfaría plenamente", pero mudala "suporía unha nova utilización do DOG para agredir o galego, cando non está a aparecer no DOG ningunha orde, lei, nin nada, en favor da lingua". A lexislación sobre a toponimia, -lembrou-, ten ademais un especial valor simbólico - o artigo 10 da LNL establece que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega- xa que de eliminala non quedaría outra que defenda que se deba usar oficialmente só o galego.

"Para nós é un símbolo cun carácter de reduto case sagrado, case como unha especie de Medulio, polo que estamos dispostos a defendelo, e a buscar o apoio da cidadanía para dar unha resposta contundente se é necesario", explicou.

"Non se poden modificar leis así como así, ao estilo berlusconiano, como xa fixo a Xunta coa lei que legalizará as consultas ós pais", sinalou. Respecto da situación do ensino, Prolingua salientou que o actual Goberno "cumpriu o seu programa oculto, de deixar facer. Non hai vixianza nin inspección ningunha nin para que se cumpra a lei que hai. Así prodúcese unha impresión dunha paz lingüística que é falsa. Os que sempre incumpriron a lei xa non teñen nin que disimular".

DATOS

Os votos, a cerna da cuestión

Feijóo dixo que se os coruñeses votan "maioritariamente" o "sinónimo bilingüe" da Coruña e o pleno solicítao "formal e maioritariamente", será o Parlamento ó que lle corresponda "valorar" o posible de decisión de modificar a normativa en resposta a un posible amparo ó "topónimo bilingüe". A Coruña é a única das sete cidades galegas na que o PP non consegue gobernar, e que os populares agardan conquistar con estratexias como resucitar de cando en vez o "La Coruña". Abrazar o discurso "bilingüe" -que comparte Coriña Porro en Vigo-, é ademais para o PP coruñés un xeito de evitar que parte dos seus votos marchen para o minoritario Unión Coruñesa, outro defensor do "bilingüismo" toponímico, como a asociación Galicia Bilingüe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS