Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

poemario

Unha crítica do ser humano

A obra gañadora do I Premio Antón Tovar, "Obertura sen heroe", de Yolanda López, sairá do prelo a finais de ano na colección "Libros da Frouma" da editorial Follas Novas

MARÉ . SANTIAGO   | 10.08.2006 
A- A+

Viky García
A poeta ourensá Yolanda López vén de recibir o primeiro Premio Antón Tovar pola súa obra ‘Obertura sen heroe’
FOTO: Viky García

En Obertura sen heroe, a poeta ourensá Yolanda López (1976) fai unha "crítica do ser humano" que é "superado polos mundos que crea como a música". Así define a poeta a súa segunda obra que foi galardoada co premio Antón Tovar que lle foi entregado á poeta de Ourense o pasado domingo na casa do finado poeta limiao na Pereira (Rairiz de Veiga). "Foi unha sorpresa grata porque non o agardaba", asegura.

O concello de Rairiz de Veiga, organizador do certame de poesía, ultima a publicación do volume gañador do premio que, segundo di a autora, sairá do prelo a finais de ano dentro da colección Libros da Frouma da editorial Follas Novas, coa que está a negociar o concello nestes momentos.

Ademais, a propia poeta ourensá foi elaborando as ilustracións e os debuxos que tamén sairán na portada e acompañando os poemas de Obertura sen heroe.

O máis ilusionante para Yolanda López, que estudou Filoloxía Inglesa, foi gañar un galardón que leva o nome do finado poeta Antón Tovar "dun poeta que me gusta moito, porque abarca todo, o eu, o nós, Galicia, o existencialismo, a identidade, a natureza".

Temas que coinciden coas súas inquedanzas poéticas. Así, en Obertura sen heroe fai unha "viaxe dos infernos ás estrelas", di. Un percorrido que transita da "búsqueda da identidade no eu poético" até unha "subida cara a unha loita".

A parte final do poemario transmite, en palabras da autora, unha "mensaxe feminista e social" na que xorde un "ego social". Nalgúns poemas fala entón a muller con burka, a muller á que se lle practicou unha ablación, a muller prostituta, a que sofre unha crise de identidade, a que vive a enfermidade da esquizofrenia....

Mulleres ás que Yolanda lle confire o seu "eu poético" e que conviven con outra mensaxe "política", con poemas sobre as vítimas de bombas antipersoa, a "oilgarquía", é dicir, "o poder de poucos que controlan o petróleo, unha crítica aos países da órbita de Estados Unidos", explica a ourensá.

Na última parte do libro, triunfa o "eu poético, máis fantasioso, cunha linguaxe do realismo máxico, o optimismo e o paradisíaco".

 

Un percorrido que transcorre parello ó dos galardóns

Despois de que Verdugos impolutos, o seu primeiro poemario, recibise o 11º premio de poesía Suso Vaamonde, o percorrido de Yolanda López pola poesía transcorreu parello ó dos galardóns. Así, tamén gañou o terceiro premio Aurelio Aguirre e o segundo dos dezanove galardóns literarios Rosalía de Castro de Cornellá, en Barcelona.

Agora, traballa como bolseira no centro Ramón Piñeiro de investigación en Humanidades nun estudo sobre "Información e avaliación do galego exterior", dirixido por Elvira Fidalgo e coa colaboración de Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística.

DATOS

A pintura, unha paixón coa música

Ademais da poesía e da investigación, Yolanda López sente unha especial inclinación pola pintura. Complementa a súa poesía con ilustracións que nacen da música que tamén lle gusta escoitar e que transporta aos seus libros a través da linguaxe metafórica, ateigada de símbolos cos que transmite a súa forma de ser e de sentirse.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS