Mércores 08.09.2010  | Actualizado 18.09      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Maré  |  RSS - Maré RSS

recoñecemento

Unha cuestión de alma

02.02.2010 As redaccións do Grupo Correo Gallego elixen a Asunta Rodríguez, directora da galería Trinta de Compostela, Gallega del mes de Enero

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MARÉ . SANTIAGO

Asunta Rodríguez é unha das galeristas emblemáticas que traballan en Galicia FOTO: Axencias
Asunta Rodríguez é unha das galeristas emblemáticas que traballan en Galicia
FOTO: Axencias

Asunta Rodríguez (Amandi, 1965) propietaria da galería Trinta de Santiago, foi elixida Gallega del Mes de Enero polas redaccións de EL CORREO GALLEGO, GALICIA HOXE, Radio Obradoiro, Terras de Santiago e Correo Televisión, que quixeron recoñecer así os seus 25 anos de traballo á fronte dunha galería que se converteu en todo un referente da arte contemporánea en Galicia. Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, realizou cursos de doutoramento na especialidade de Arte Moderna, ao mesmo tempo que escribía algunhas voces de artistas galegos para a Enciclopedia Galega e levaba a cabo o labor de crítica de arte para un diario local.

Asunta comezou a traballar en 1988 como asistente de dirección na galería Trinta. Aos poucos, foi asumindo máis responsabilidades á fronte deste espazo, ata que no 1991 se converteu na directora. Só un ano despois, era a propietaria. "Eu non decidín case nada na miña vida. Foron sempre as circunstancias. Con algunhas me aliei e contra outras loitei con todas as miñas forzas. Creo, sinceramente, que a galería me elixiu a min. Manda moito máis ca min. Cando penso que xa non podo máis, regálame unha pequena satisfacción que fai que o fol se volva encher de aire e de novo a remar!", explica Asunta Rodríguez.

Asunta e a galería Trinta comparten a honra de ser durante máis de quince anos a única falería galega con presenza na prestixiosa feira ARCO. Así, Trinta participou ininterrompidamente en ARCO desde 1986 a 2008. Ademais, en 1995 Trinta recibiu o premio á mellor galería española presente en ARCO, un galardón concedido por primeira vez pola Asociación Española de Críticos de Arte (AECA). De feito, no ano 2000 Asunta Rodríguez formou parte do comité organizador de ARCO.

Por outra banda, entre 1995 e 2007, a galería Trinta acudiu á Art Chicago, tendo a honra de ser pioneira á hora de traspasar as fronteiras do país. Traballadora incansable entre 2006 e 2009, Asunta ocupou o posto de vicepresidenta da Asociación Profesional de Galerías de Arte de Galicia, onde actualmente presta os seus servizos como vicepresidenta. Ademais, é membro do comité organizador de ArtMadrid.

Tantos esforzos víronse recompensados o ano pasado, cando a Fundación Iniciativas 21 recoñeceu o seu labor á fronte de Trinta, xunto coa doutras 20 mulleres galegas distinguidas pola súa entrega profesional e humana. Numerosos artistas como Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu lamas, José Freixanes, Manolo Paz, Fernando Casás, Ignacio Basallo, Silveiro, Rivas, Berta Cáccamo, Jorge Barbi ou Antonio Murado pasaron ó longo destes 25 anos por esta emblemática galería. Tampouco faltaron na Trinta as obras de Manuel Vilariño, Javier Correa-Corredoira, Quintana Martelo, Carlos Pazos, Esther Ferrer, Chema Madoz, Perjaume, Gilbert Gracin, Zush ou Georges Rousse. Con estas importantes exposicións Trinta contribuíu a enriquecer o panorama cultural da cidade e fomentou un incipiente coleccionismo que non é senón a forma privada de crear un patrimonio e activar o debate artístico.

De feito, a galería compostelá participou en feiras nacionais e internacionais de recoñecido prestixio que consolidaron a súa presenza no exterior. Agora, Asunta afronta con ilusión o reto de continuar traballando na difusión das artes plásticas e seguir á fronte de Trinta.

Se por algo se caracteriza Trinta, segundo afirma a súa propietaria, é pola fidelidade mutua entre o artista e o galerista. Vinte e cinco anos vinculado ó mesmo autor implica un labor moi ben feito por ambas as partes. O 80 por cento dos artista que traballan con Trinta, fano desde os comezos da galería na capital galega.

 

Vicepresidenta da Asociación de Profesionais

Asunta é tamén a vicepresidenta da Asociación Profesional de Galerías de Arte de Galicia, que se creou, porque "estar unidos significa que podemos ser un pouco máis fortes para contarlle ó mundo o que nós, desde o noso humilde punto de vista, cremos que está ben feito en arte contemporánea. Queremos ser un interlocutor fronte á Administración".

Para Asunta Rodríguez o fundamental á hora de seleccionar os artistas que expón no seu espazo é que o traballo lle guste. "Creo que non hai ningún segredo. Ten que existir un talento e unha intuición determinada. O traballo ha de interesarme moito e o autor ten que contarme algunha cousa e chegarme á alma".

Segundo asegura a galerista nacida en pleno corazón da Ribeira Sacra, hai arte contemporánea moi boa e tamén a hai moi mala. "Cousas que se nos venden como moi boas, son o contrario. O verdadeiro problema é que os medios de comunicación e toda a infraestrutura enorme que hai en torno á arte crearon unha imaxe espectáculo, e parece que todo vale".

 

PERSPECTIVAS

Uns comezos que non foron fáciles

Asunta Rodríguez mostrouse moi emocionada por ser elixida Gallega del Mes e asegurou que este recoñecemento axúdaa a seguir adiante co seu proxecto. "Nada me interesa máis nestes momentos que realizar unha actividade cultural vinculada coa miña contorna inmediata. Sempre a cidade de Santiago foi un fogar confortable para Trinta e o merecer ser considerada deste xeito permite, sen dúbida, que as raíces do proxecto iniciado en 1985 crezan un pouco máis no lugar no que se cultivou a semente. O cal non é pouco xa que os invernos se prognostican longos e crus". Rodríquez séntese moi satisfeita dos seus 25 anos de traballo á fronte de Trinta.

"Podo afirmar que chegar vivos ata aquí mantendo, case ó completo, o grupo inicial de artistas vinculados á galería, é motivo máis que suficiente como para sentirse orgullosa deles. Comigo, son neste momento, os galegos do mes. Berta Cáccamo, Pamen Pereira, José Freixanes, Antonio Murado, Carlos Pazos, Eva Lootz, Manuel Saiz ou Curros Ulzurrun, por exemplo, deron forma e enchido de contido ao que non era máis que unha remota posibilidade: construír un imaxinario persoal nun lugar teoricamente non apto para as manifestacións da contemporaneidade. Se, entre todos, conseguimos abrir portas, damos a misión por cumprida".

A pesar de todo, os comezos non foron fáciles. "O mundo da arte era radicalmente diferente ó da actualidade. Agora sorrío cando o recordo. Con moita enerxía e algún que outro coñecemento do tema era suficiente. Cada venda era un triunfo, pero chegaban para non desistir. Recoñezo que ser muller e menor de 30 anos non mo puña nada fácil: Todos os artistas eran, sen excepción, maiores e máis expertos ca min! E os compradores : Ensináronme a vender!".

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS