Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

sector

Unha feira con futuro

Fasero considera Culturgal unha cita "estratéxica" e compromete unha "partida orzamentaria para 2011" que asegure a súa continuidade

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 21.10.2010 
A- A+

EMERSON DÍAZ
Cándido Meixide, pola dereita, Fasero, Ignacio Vilar, Xulio Amigo, Lola Dopico, Manuel Bragado. Atrás, á esquerda, Francisco Viéitez e Víctor López
FOTO: EMERSON DÍAZ

Tras a paréntese de 2009, ano no que non se celebrou por falta de presuposto, volve con forza Culturgal, a feira das industrias culturais que celebrará a súa terceira edición do 26 ao 28 de novembro no Pazo de Congresos e Exposicións de pontevedra.

Desta volta é a Asociación Culturgal, creada o 22 de xullo deste ano polas asociacións profesionais da industria cultural galega máis importantes, quen afronta a organización, coa colaboración da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e do concello de Pontevedra, como patrocinadores. "Darlle visibilidade ao proxecto e garantir a súa continuidade, cunha folla de ruta sólida trazada activamente polo sector", é o obxectivo dos seus organizadores.

A feira, considerada como "estratéxica" por Juan Carlos F. Fasero, director de Agadic, presentouse onte na cidade do Lérez e segundo adiantou, non só haberá cita este ano senón que tamén hai "partida orzamentaria para 2011", asegurou Fasero, co que a continuidade futura está garantida.

Xulio Amigo, presidente da asociación Culturgal, apuntou como novidade que é precisamente o sector o que organiza agora o evento, a diferenza das dúas citas anteriores, cuxo protagonismo recaeu na Administración. Amigo definiu a feira como o "gran fogar da cultura, que ten as portas e fiestras abertas para o diálogo directo cos diferentes profesionais do sector e coa sociedade".

Tanto Fasero como Amigo mostráronse optimistas e vaticinaron que se en 2007 houbo sesenta expositores, que se elevaron a 75 en 2008, este ano pese ás dificultades económicas non haberá un paso atrás e "estarán nese mesmo nivel". "A creación non está notando a crise. Dos resultados económicos non me atrevo a falar", resumiu Xulio Amigo, que aclarou que o número final de participantes aínda se descoñecen porque o proceso para participar está dando os seus primeiros pasos.

O presidente de Culturgal no só convidou os produtores de cultura a participar, senón que animou as familias a desfrutar da cita, posto que a feira traballa co obxectivo de pechar unha programación atractiva tanto para o público infantil, como para a xente nova e os adultos.

Juan Carlos F. Fasero remarcou tamén esta dobre faceta, a de ser unha feira con carácter empresarial, pero tamén lúdico, na que o audiovisual, as novas tecnoloxías, os libros, a música ou os actores resulten atractivos para o público en xeral.

Fasero destacou a importancia da creación da Asociación Culturgal, "un interlocutor único coa administración, que lle dá máis carácter de futuro".

"O soño de Culturgal é que unha familia de Ribadeo tivera motivos para vir a Pontevedra", resumiu o responsable de Culturgal. Na presentación estivo a edil de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, que se mostrou orgullosa de acoller este evento, igual que fixo na súa primeira edición de 2007. A segunda celebrouse en 2008 na Coruña.

E, aínda que Pontevedra "ten cidadáns acostumados a consumir cultura", os organizadores tamén ven atractiva A Coruña -a cidade que parecía ser a elixida esta edición- para citas futuras.

"A feira das industrias culturais de Galicia é unha ferramenta necesaria e moi importante nestes momentos para posicionarnos despois da crise económica", dixo Francisco Viéitez, presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais.

 

"PROGRAMA CREATIVA"

Brasil terá tamén representación

Fasero aludiu á implementación do Culturgal coas actividades do programa Creativa. "Isto permítenos emprender accións máis ambiciosas pensando na expansión da nosa cultura fóra de Galicia, neste caso cara a Portugal e tamén ao Brasil, porque este ano traeremos a Culturgal un grupo de programadores e empresarios culturais brasileiros", indicou. O programa Creativa achegará ao Culturgal 2010 foros de debate dirixidos a profesionais, unha exposición sobre a evolución da gravación sonora en Galicia e numerosas actuación das diversas disciplinas que darán conta da excelente saúde da creación cultural das dúas beiras do Miño.

Participaron tamén no acto representantes das demais asociacións sectoriais que integran Culturgal: Manuel Bragado, presidente da AGE; Francisco Vieitez, vicepresidente da AGEM; Cándido Meixide, presidente de AGAPHONO; Víctor López, presidente de EGANET; e Ignacio Vilar, vogal da xunta directiva de AGAPI.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS