Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

PREmio

Unha figura incómoda

"O teatro de Carvalho Calero está minusvalorado", asegura o profesor Manuel Castelao, que acaba de recibir o galardón que leva o nome do galeguista no seu centenario

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 12.11.2010 
A- A+

AXENCIAS
Manuel Castelao, máis coñecido como Raúl Veiga en imaxe de arquivo
FOTO: AXENCIAS

"O teatro de Carvalho Calero está minusvalorado". Así o asegura o catedrático e profesor, Manuel Castelao -máis coñecido polo seudónimo cinematográfico de Raúl Veiga- que onte se fixo co premio que leva o nome do galeguista, polo seu ensaio Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas de Carvalho Calero. O xurado do premio, convocado polo Concello de Ferrol e a sociedade Medulio, resaltou que se trata dun "traballo rigoroso, interpretativo, que leva a cabo un esforzo didáctico na lectura, que o fai atractivo a un público non especializado".

Manuel Castelao recoñecía onte que a presentación ao galardón correu a cargo "da miña esposa e os amigos". A idea do ensaio, segundo o autor -do que Carvalho Calero foi profesor- naceu dun "desafío" do seu labor como docente no IES Salvador de Madariaga da Coruña, onde imparte clases de Galego. Alí impartiu uns talleres nos que utilizaba dous textos dramáticos de Carvalho Calero, A sombra de Orfeo e Auto do prisioneiro para estudalas como "obras destinadas á representación".

Para Castelao, está claro que Carvalho Calero, "é unha figura inxustamente escurecida" xa que resulta "incómoda" para "os grupos que hexemonizan a cultura galega, aos que lle pon pavor incluso despois de morto". Ao seu ver, é significativo que aínda non se lle dedicase un Día das Letras ou que "fóra da estatua que se colocou en Santiago ou de varios actos que se celebraron en Ferrol", o centenario do seu nacemento "estea pasando desapercibido", malia ser "unha das maiores figuras da cultura galega".

Este "escurantismo" débese, na súa opinión, "ás opinións de Carvalho Calero sobre o futuro da lingua, que pesa como unha maldición sobre a súa obra". Por iso, considera que existe unha "débeda" co autor ferrolán que propoñía "lucidamente" que "cumpría rectificar a historia" ou "regaleguizar as clases dirixentes".

De feito, unha das obras sobre as que realizou o estudo, A sombra de Orfeo, escrita no ano 1948, "aínda non se representou". Unha peza dramática que Carvalho Calero escribiu "despois de ser represaliado e de ser desposuído do seu traballo como docente" e que, precisamente por iso, resulta sorprendente que nese intre tan sombrío escriba unha obra na que "exclúe a representación das circunstancias que o abafan". E non o fai, ao ver de Castelao, como unha forma de evasión senón que "sitúa un mundo normalizado como proposta anticipatoria e, se cadra, utópica, con vocación normalizadora e recuperatoria da lingua galega". En Auto do prisioneiro, a outra obra de Carvalho Calero estudada por Castelao, o autor, ao seu ver, "mantén diferentes niveis de interpretación que coexisten de forma harmoniosa e mantendo as incógnitas e o poder de suxestión". Dotado con 3.700 euros e a publicación da obra en Laiovento, o galardón entregarase "probablemente" o 30 de novembro, segundo a concelleira de Cultura de Ferrol, Mercedes Carbajales.

UNHA DISTINCIÓN BIENAL

O apartado de narrativa fica deserto

Por segundo ano consecutivo, o premio quedou deserto no seu apartado de narrativa. Segundo a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, "o premio ten que ter unha calidade óptima, e as obras presentadas en narrativa non tiñan uns requisitos mínimos". A edil destacou que, de acordo coa sociedade Medulio, organizadora do premio canda o Concello ferrolán, decidiuse facer o premio bienal para darlle máis valor e prestixiar a figura de Calvalho Calero.

AS SOMBRAS

"Lese literatura biodegradable"

Como recolle o título do ensaio, o motivo da sombra "ten moita importancia" nestas obras. Segundo o autor, "o valor desas sombras reside en interpretalas, en esclarecelas". Os finais abertos das dúas pezas -A sombra de Orfeo e Auto do prisioneiro- ofrecen "múltiples sentidos" que o profesor desentrañou aproveitando a súa experiencia "no audiovisual", como guionista de dous traballos claves no audiovisual galego: Veneno Puro (1984) e Continental (1989), ambos dirixidos por Xavier Villaverde.

A Manuel Castelao preocúpalle que "os clásicos deixen de ser lidos". Asegura que "a literatura está hoxe nunha situación complicada" xa que, ao seu ver, "só se le literatura biodegradable". Por iso, nos seus estudos trata de "axudar a ler sen banalizar as obras, nin que se convertan en monumentos ou estatuas intocables".

De feito, acaba de publicar en Laiovento un estudo sobre o poemario De catro a catro de Manoel Antonio, "unha obra clave da vangarda histórica peninsular que mantén a súa potencia e actualidade". Na análise, ademais de esclarecer a "estética das vangardas", o profesor bota luz sobre a conexión do libro do escritor rianxeiro "co proxecto emancipatorio galeguista".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS