Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 27.04.2017 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

Unha lingua indignada

“Queremos transformar a nosa indignación colectiva en futuro para a lingua, en esperanza”. Así o aseguraba onte Tina Formoso, voceira da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que onte celebraron no Museo do Pobo Galego de Compostela os seus vinte anos de actividade e renderon homenaxe a Fernández Paz.

MARÉ   | 05.06.2011 
A- A+

Antonio Hernández
Tina Formoso, voceira da Coordinadora de ENDL ante un auditorio no que figuraban, en primeira fila, Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo e Antón Reixa
FOTO: Antonio Hernández

"Dende hai meses temos un novo motivo de indignación: o intento da Xunta de baleirar de contido a normativa sobre a lingua", así de tallante se mostrou onte o escritor e profesor Agustín Fernández Paz que onte foi homenaxeado polo seu esforzo na galeguización do ensino a través do seu labor docente e da súa literatura.

Un acto, celebrado no Museo do Pobo Galego no que tamén se gabou o esforzo dos Equipos de Normalización Lingüística que dende hai vinte anos impulsan o uso da lingua entre os falantes do futuro. E así o fixo constar a portavoz da Coordinadora de ENDL, Tina Formoso que lanzou a mensaxe: "queremos transformar a nosa indignación colectiva en futuro para a lingua, en esperanza".

Para Formoso, o esencial a partir de agora é "que non se perda tanto traballo feito" e fixo súas as palabras de Galeano: "A utopía serve para camiñar". O escritor Xabier P. Docampo gabou a entrega de Fernández Paz "ao latexar da nosa lingua até a fin de todos os tempos". Pola súa parte, Fernández Paz fixo estensivo o recoñecemento "a unha xeración de ensinantes que tiñan entre 15 e 30 anos cando morreu Franco".

O escritor asegurou onte que "os que defendemos a normalización da lingua galega somos da estirpe dos indignados". A chamou a seguir sementando o idioma galego a pesar de que "somos conscientes de que o noso camiño é longo". Durante o acto interviron diferentes persoas que foron puntas de lanza deste colectivo, como Olga Iglesias, Rubén Rivas ou Paco Veiga.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS