Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 13:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

maré hoxe

Unha vida pola lingua

O catedrático Ramón Lorenzo recibirá o vindeiro 26 de xuño o Premio Trasalba co que a Fundación Otero Pedrayo recoñece “unha vida dedicada ao estudo e defensa da lingua galega”. Rosario Álvarez, actual directora do Instituto da Lingua Galega, do que Lorenzo foi cofundador e no que continúa a traballar nos seus estudos sobre léxico e lingua medieval, pronunciará a ‘laudatio’ nunha Festa Literaria que se celebrará na Casa Grande Cimadevila en Amoeiro. O académico participou na elaboración dos primeiros textos para o ensino en galego.

REDACCIÓN   | 20.05.2011 
A- A+

AXENCIAS
Ramón Lorenzo é un dos maiores especialistas galegos en lingua medieval
FOTO: AXENCIAS

O catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, Ramón Lorenzo Vázquez (Eirapedriña, Ames, 1935), fíxose merecedor este ano do Premio Trasalba que concede a Fundación Otero Pedrayo por encarnar "a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura".

Lorenzo é cofundador do Instituto da Lingua Galega (ILG) en 1971, poeta, especialista en léxico e lingua medieval, editor da Crónica troyana e de importantes textos da literatura da Idade Media, fundador e director da revista Dorna, académico da RAG, tradutor, membro do Brais Pinto e mestre de varias xeracións de profesores e lingüistas galegos. O acto de entrega realizarase nunha Festa Literaria que a institución celebra na Casa Grande Cimadevila (Amoeiro) o derradeiro domingo do mes de xuño. Rosario Álvarez, actual directora do ILG, será a encargada de pronunciar a laudatio. Ademais, entre os asistentes distribuirase o Libro Homenaxe, que nesta ocasión leva por título Ramón Lorenzo. Señor das palabras, e que prepara a editorial Galaxia, con colaboración de distintos discípulos, compañeiros, admiradores e amigos. Como lembranza entregaráselle tamén unha placa e o tradicional debuxo de Isaac Díaz Pardo, que deseña especialmente todos os anos para o homenaxeado.

Ramón Lorenzo é unha figura sobranceira da moderna filoloxía galega, disciplina que a partir dos anos 70 recibe un pulo importante na universidade compostelana, vencellada con especialistas doutras universidades do mundo. O profesor Lorenzo formouse en Madrid, a carón de Dámaso Alonso, mais tamén en Alemaña (Colonia), co profesor Joseph Piel entre outros. Durante a súa estadía naquel país, nos anos 60, coñeceu a escritora Úrsula Heinze, coa que casou, e que tamén se incorporou activamente á literatura galega.

A súa especialidade principal é a lingua medieval. Son abondosos e moi recoñecidos os seus estudos sobre o galego dos primeiros séculos. Entre os seus traballos, salientan os estudos sobre as versións galegas da Crónica General e a Crónica de Castilla, que marcaron un fito e crearon un paradigma na edición de textos medievais, ademais da citada Crónica Troyana. Participou na elaboración dos primeiros textos para o ensino do galego, así como nos primeiros programas para o ensino da lingua no ámbito non universitario, a partir de 1979. Tamén foi membro da comisión (ILGA-RAG) encargada da tradución do Misal Romano, referencia obrigada no proceso de galeguización da liturxia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS