Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 20.05.2019 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Uxía Blanco: “A revolución feminista foi pacífica e, ademais, tivo un grande éxito”

O decreto do galego feito pola Xunta é simplemente inviable. de feito, A proba é que ninguén está contento con este texto

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 17.01.2011 
A- A+

iria
Fotografía da actriz Uxía Blanco posando nun día caloroso
FOTO: iria

Cando era pequena e entrou por primeira vez nunha sala de cine, Uxía Blanco (Touro 1952) quedou paralizada pola emoción. Desde entón quixo traspasar a pantalla como Alicia e entrar en mundos absolutamente prohibidos. O seu camiño, recoñece, foi zigzagueante: licenciouse en Xeografía e Historia e gañou unha praza de profesora de instituto. Un día a oportunidade presentouse da man de Chano Piñeiro que buscaba unha actriz descoñecida para protagonizar Sempre Xonxa. Logo de escoitarlle en televisión que lles fixera cásting a 600 mulleres e non atopara a protagonista, plantouse na súa botica e díxolle: non busques máis, eu son Xonxa. José Luis Cuerda viuna nese papel e un día chamouna para facer A Lingua das Bolboretas. Considera que o traballo dun actor é como o dun atleta, que para competir nunha carreira de 100 m necesita percorrer moitos quilómetros en soidade. Síntome unha privilexiada por poder vivir ó outro lado do espello ou, como din os franceses, xogar. Rostro frecuente en varias series de televisión, participou en varias longametraxes, como Huídos de Sancho Gracia, Ni en sueños de Alber Ponte, Mis estimadas víctimas de Pedro Costa, Hotel Tívoli de Antón Reixa, Tierra de Fuego de Miguel Litin, Dagon de Stuart Gordon ou Cuarenta y ocho horas, de Manuel Escudillo. Tamén é un rostro popular na TVG polo programa Planeta Cine, do que é presentadora.

A docencia no ensino secundario foi unha etapa que soterraches definitivamente e da cal podes estar satisfeita… Podes facer algo de historia, mesmo en que lingua impartías as túas clases…?

 A docencia non a teño soterrada, son funcionaria excedente e nunca se sabe… calquera día podo volver. En todo caso foi unha grande experiencia. Foron anos de busca, de inventos, de tentar conseguir que a miña materia tivese unha dose de sedución para o alumnado. Anos de inquedanzas con alumnos e profesores. Traballamos pola introdución do vídeo nas aulas. En Pontevedra, algúns profes e alumnos dos cinco centros de Ensino Medio creamos “Carton colectivo”, un taller de vídeo no que todos nos implicabamos para facer as nosas curtas, documentais…Gustábame ler libros sobre “Historias da historia” para ter cousas atraentes que contarlles na aula e facer que se interesasen pola materia. Buscaba películas que ilustrasen un momento histórico para introducir un novo tema, por exemplo: En busca del fuego para Prehistória. Ou sorprendíaos dicíndolles: pechade os ollos e relaxádevos que vos vou contar unha historia fascinante, e comezaba a narrarlles A Odisea para interesalos polo tema de Grecia. Traballamos en contacto con outros centros, fixemos moitos intercambios con Portugal, cando traballaba en Tui e estaba encargada dos asuntos culturais. Teatro, poesía… As clases de historia, normalmente, dabámolas en galego, pero tamén impartín literatura española, en castelán, por suposto, filosofía, ética…

O de actriz é algo que xurdiu de súpeto, e ti xa reparabas niso noutros días do teu vivir?
Lembro a primeira vez que entrei no cine. Foi en Santiago de Compostela, meus padriños leváronme e xa comezara a película. Quedei abraiada pola emoción, desde entón sempre quixen pasar ao outro lado da pantalla, como lle sucedera á Alicia dos contos infantís. Pero a miña primeira vocación foi a de ser monxa, e por iso lles pedín aos meus pais ir interna a un colexio relixioso, daquela tiña eu arredor dos once anos.

Alí participaba no grupo de teatro; pero cando as monxas empezaron a poñernos algunhas películas de cine, colábame para velas tres ou catro veces, e despois no patio representaba coas miñas compañeiras as escenas que viramos. Así que desde o internado de Madrid escribinlle unha carta apaixonada a meus pais dicíndolles que o que de verdade quería era ser actriz.
 
Pódese falar con amplitude dun nidio cinema galego, ou polo contrario aínda queda moita espiga que debullar, e moito camiño para andar?
O cine galego está a dar pasos moi interesantes. Velaí as películas de novos e talentosos directores: 18 Comidas de Jorge Coira, Retornos de Luis Avilés, Os Crevinski con Tosar e De Lira, Buried de Rodrigo Cortés. Unha mención á parte merece o cine de animación, que se está a facer aquí e que tantos premios nos dá. Tampouco hai que esquecer as series que se fan para a televisión galega cunha calidade e audiencia moi notables. Pero, con todo, o cine aínda é un meniño ao que lle hai que dar moita calor para que medre. É imprescindible apoialo agora máis ca nunca. Sería interesante que as empresas que investisen en cine desgravasen, como sucede en países como México por exemplo. Deste xeito non tería que depender tanto das subvencións públicas.

 Hai novelas de escritores e escritoras da nosa nación das que se podería facer unha boa película se houbese medios non só materiais, senón todo canto supoño que require unha praxe así?
Afortunadamente, temos escritores e escritoras con historias interesantísimas para levar ao cine. Ademais contamos con figuras literarias como Rosalía, Emilia Pardo Bazán, Manuel Antonio… que poderían ser, por si mesmas, heroínas dunha película. Hai moito talento. O problema, neste intre, é só económico, porque xa está reparada a falla que un día tivemos de bos técnicos. Grazas ás escolas de imaxe e son, e ao impulso da Xunta durante anos, hoxe podemos facer boas películas con todos os técnicos e actores galegos. Aquí gustaríame facer unha homenaxe aos primeiros profes da escola da Coruña, con Manoliño da Rúa á fronte, da que saíron estupendos profesionais.

 Con máis dun texto de Xosé Luís Méndez Ferrín poderiamos facer excelentes curtametraxes e filmes de longa duración?
O meu amigo e admirado guionista Daniel Domínguez dirixiu unha interesante curtametraxe baseada en O Suso, de Mendez Ferrín. Cando releo Arraianos, sempre penso que aí hai unha película. Pero isto non só me acontece con Ferrín. Hoxe temos escritoras e escritores que teñen unha forma moi cinematográfica de narrar.

 A industria dun cine galego existe ou é un proxecto sen futuro?
Paréceme que a palabra ‘Industria’ quédalle longa, por agora. Ter en carteleira catro longametraxes interesantes á vez é o primeiro ano que sucede. Isto é magnífico, pero é difícil que se repita cada ano.O futuro depende en gran parte do apoio que obteña. A cultura galega en xeral, na cal é de rigor a lingua como sinal identitaria, goza de boa saúde? Somos un país que conta no panorama nacional no ámbito da arte, moda, literatura, cinema, de investigación científica, médica…. Pero é imprescidible investir en cultura. O feito de que se recorte drasticamente o presuposto desta área, é unha moi mala noticia. Contamos tamén cun instrumento mediático extraordinario que teriamos que aproveitar máis: a televisión. Boto en falla programas relacionados coa arte, o cine, a literatura, a ciencia divulgativa, o entretemento intelixente…

O noso idioma corre o perigo de desaparición se os gobernos non aplican políticas lingüísticas de inmersión, como as que propón o profesor Blecua con respecto do catalán, o éuskaro e o galego que, por certo foi contestado por todos e todas as lingüicidas adheridas a un bilingüismo entre disparatado e inútil para a supervivencia do idioma galego, nunha desigualdade patética con respecto ao castelán debido no español e invasor, digan o que digan, os colonizados/as desta nación negada que sen dúbida é Galicia, ou, se queres, Galiza. Podes reflexionar, Uxía?
Algo estamos facendo mal cando nas rúas das cidades se escoita tan pouco o noso idioma. O decreto do galego é simplemente inviable. A proba é que ninguén está contento con el. O de convertirnos en trilingües soa moi ben pero é imposible porque a inmensa maioría do profesorado non sabe inglés para impartir as súas clases nese idioma. Ademais, están incómodos porque non era unha materia requirida nos seus estudos nin na oposición que tiveron que gañar. E por outra banda, pregúntome ata que punto é democrático que só os pais puideran opinar sobre algo tan fundamental como é o idioma no ensino. Que pasa, vaise facer cada ano a mesma enquisa aos pais que leven por primeira vez os seus fillos ao colexio e, en consonancia, adaptar cada centro de ensino? Ou ese privilexio foi só para os que lles coincidiu ter nenos en idade escolar ese ano? Penso que o galego é ­unha inmensa riqueza, que nos permite comunicarnos, e mesmo negociar con millóns de persoas en todo o mundo, se consideramos os países lusófonos. Deberiamos mimar a lingua, como unha riqueza extraordinaria da “nosa tribu” (como di Freixanes), e non lanzala como arma arreboladiza entre partidos políticos. A lingua é de todos.

 Que película che gustaría rodar, en galego, desde o principio ata a fin en Galicia e por Galicia?
Gustaríame rodar todas as películas do mundo en galego. Non sei se sabes que tiven a sorte de participar activamente na primeira longametraxe en Galego no ano 1988, Sempre Xonxa de Chano Piñeiro. Entón, Chano dicía unha frase que ten plena vixencia hoxe: “Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario” Lembro que Mamasunción, a súa curta rodada nunha aldea, en galego, deu a volta ó mundo colleitando premios desde Australia, ate Suramérica, e tamén os máis importantes en Europa e en España. O importante é transmitir unha emoción, porque a emoción é unha linguaxe universal.

Entre o cine americano e o europeo, cales son os teus gustos, as túas preferencias. Eu, por exemplo, gusto en xeral do cine europeo, francés e italiano, onde as “luces” son, en xeral, máis suaves, menos violentas?
Gústame o bo cine, o que me emociona. Teño querencia polo europeo, movementos como o Neorrealismo italiano, a Nouvelle Vague…. pero recoñezo que hai películas americanas incribles e estou atenta a outras cinematografías: india, colombiana, mexicana….

O decurso do tempo faite cavilar en algo, na posibilidade de ser e na diferenza ou indiferenza de estar?
Estar, están os obxectos. O importante é ser, medrar como persoa, coller aire, voar!

Deste xeito, poderiamos afirmar, trátase unha evanescencia do nós?
Nós desprazámonos á velocidade da lúz cara á nosa desintegración. Quizais teñamos o tempo suficiente de botar un sorriso.
 Ti falas dunha revolución pacífica que conseguiu grandes éxitos e que suma cada vez máis
xente.
Si,falo da revolución da igualdade de dereitos entre homes e mulleres. O chamado feminismo. Falo da metade da poboación que estivo e aínda está en moitos aspectos sometida á outra metade. Falo da escravitude das mulleres que non puideron “ser” nin puideron “ter” por lei. Falo da Igrexa que non recoñeceu que a muller tivese alma até o século catorce. Falo da lei que non lle permitía á muller herdar nin ser dona do diñeiro que gañaba, nin poder comprar nada ao seu nome, nin votar, nin viaxar sen o permiso do seu pai, marido… Falo, en definitiva, da muller que non podía “ser” ela mesma, senón un apéndice do home. Falo da muller a quen se lle negou a entrada ao ensino superior até 1910. Falo da muller morta a mans de homes da “súa confianza” ao longo de todos os tempos. Falo das 71 mulleres mortas en 2010, todo un récord, despois de que o 2009 se saldase con 55 vítimas e todos pensabamos que esta lacra estaba revertindo. Falo das 140.000 denuncias que presentaron as mulleres no 2009 e do 30% de sentenzas absolutorias por falla de probas. Falo dos asasinos de mulleres en Europa 3,94 por millón, que supera os españois 2.81. (30-40% inmigrantes). Falo de países doutras latitudes, outras relixións…Falo da muller en África, en China, na India… Estiven esta primavera en Arxelia: e fixen unha reportaxe fotográfica, impresionada pola cantidade de pechaduras, de enormes chaves de ferro nas diminutas portas de madeira da Cashba, até sete contei nalgunha. No limiar quedan elas, coma os cans, que tamén desprezan no Islam, escribín. Falo da mentalidade de moitos mozos de hoxe, que pensan que a violencia é un atallo para conseguiren o que queren. Falo de que, afortunadamente, esta revolución xa non é só das mulleres, senón tamén de moitos homes que están pola igualdade. E falo porque quero transmitir a idea de que a sociedade ten moito que gañar se as mulleres e os homes son libres e independentes economicamente. Seres iguais en dereitos e deberes.

Poderías dicirme que adoitas ler, cando, como e tamén onde? Cal é o libro, ou os libros, se fose o caso, que nunca se che van da cabeza, Uxía…?
Gústame ler na casa, na intimidade, poesía, ensaio, novela… O principiño de Saint Exuperi; El libro de los abrazos de Galeano; Varios de Mario Benedetti, Octavio Paz, Cortázar, Lorca, Shakespeare… Tamén gosto moito de ler en galego e teño querencia por Manuel Antonio, Ferrín, Rosalía, Neira Vilas, Manolo Rivas, Aníbal Malvar, A María Xosé Queizán, Freixanes, Francisco Castro… Ademais, sinto pracer compartindo a lectura dun libro en voz alta.
O teatro é algo máis que unha alternativa á vida que non frecuentas tanto como cecais deberías… A que se debe?
Lémbrome ás veces de traballos sobre as táboas como a participación nun grande espectáculo de Robert Wilson: The days before, tiña como compañeira a Isabella Rosellini. Tamén dunha xira de teatro por Brasil co grupo Arte Libre e o espectáculo Ollares de Perfil de Roberto Cordobani. Neste momento estou rematando unha curtametraxe como directora : Ai Amor!; tamén traballo nuha serie de televisión, pero estou a valorar un proxecto de teatro. Os actores sempre volvemos ao teatro.

Cal é o teu posicionamento fronte ás relixións, calquera que sexan elas?
O meu posicionamento é de respecto. Creo que o ser humano inventou as relixións porque vive ­unha inmensa traxedia: a sua finitude. Sabemos que imos morrer todos, e iso é unha verdade tan terrible e irrefutable, que precisamos inventar outras formas de vida. Un bálsamo en forma de crenza, contra a máis irracional das traxedias: a morte. Até aquí, paréceme que o papel das relixións é moi positivo. O terrible é o uso que o poder fai, coa disculpa da fe. Só temos que botar unha ollada á historia para ver as guerras de relixión. As Santas Cruzadas…Pero non fai falla remontarse atrás, porque na actualidade en nome do Islam estanse a cometer as maiores crueldades. No nome da civilización occidental e cristiana cometéronse os masacres máis fortes e as torturas máis refinadas deste século. E lembro tamén a Santa Inquisición, que en cuestións de xénero, actuou contra mulleresque quixeron ser libres e foron queimadas, acusadas de bruxería. Con respecto á Igrexa Católica, na que nos criamos, paréceme incríble que en pleno século XXI siga na teima de discriminar a muller e non lle permita detentar cargos eclesiásticos. A verdade é que non sabe o que perde, porque seguro que o farían estupendamente e conseguiríanlle, ademais, moitos máis fieles. Sentín vergoña vendo reflectido isto na visita do Papa a Santiago. As mulleres estivemos representadas por tres monxiñas que limparon o altar, xusto antes de que se oficiase a misa. Ese foi todo o protagonismo feminino.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS