Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Engaiolouno desde o primeiro día... Uxío Novoneyra, o poeta que me fixera soñar cos Eidos, que me fixera amar Galicia ata devecer, que me descubrira as esencias máis fondas da nosa terra, estaba alí, á miña beira, naquel Madrid aínda cáseque de posguerra dos primeiros 60... Estaba alí parado, fitando e apalpando sibariticamente -como diría Patiño- unha grosa zamarra de pel e coiro que me mandaran meus tíos de Norteamérica e que eu levaba posta naquel inverno. Ó Lobo gustáballe a zamarra (Novoneyra era o noso lobo... O lobo, o lombo do lobo...). Zamarra que ficaría alí para sempre bautizada como "o lobo". Era o "lobo". O lobo do Lobo...
... Aínda existe. Alá está, na vella casa de Uxío, no Courel, despois de rolar por todo Madrid durante anos e despois de ser o "refuxio" de Novoneyra no Courel, durante algúns anos máis... Máis que unha zamarra de motorista, era unha zamarra de aviador. Coma as que levaban os pilotos que sobrevoaban e traballaban en Alasca. Eu puxéralle unha bandeira galega de feltro nunha manga -¡naquel tempo aínda sen "marcas", sen letreiros recha- mantes nas roupas, sen reclamos!-. Gustáballe tanto a Uxío a zamarra americana aquela, que me ofrecía bastante diñeiro por ela. Eu dixéralle que non. Tamén me gustaba a min. El insistía. Tivemos un raleo de feira que durou varios días. Falabamos do asunto pola súa, nos cafés, nas casas dos amigos.
Conversando sobre literatura, de política ou sobre Galicia, por Madrid adiante, con Uxío Novoneyra. Polo noso barrio, sobre todo: San Bernardo, Pez, Puebla, Infantas, Gran Vía. Comendo en Río Miño ou na Región Gallega.
"Chateando" na Libertad ou en Válgame Dios. Tomando café nos Mariscos ou no Gijón. Paseando polo Prado ou sentando na Castellana. Uxío recalaba en Madrid por segunda vez. Xa estivera antes, nos 50, como estudante. Agora, atopara un traballo na radio e na televisión. Programaba espléndidos recitais de poesía. Ademais de poeta, Novoneyra era xa daquela un enorme coñecedor de poesía, un grandísimo erudito do verso. Por eso penso moitas veces nos magníficos "obradoiros" de poesía que se poderían facer con Uxío. É difícil imaxinar un amor coñecemento das interioridades do traballo poético. A poesía e a plástica -a pintura, sobre todo- son as dúas grandes paixóns e as dúas grandes áreas do coñecemento de Uxío Novoneyra.
Con Novoneyra -¡tan novos todos!- no Madrid dos anos 60. Novoneyra e Brais Pinto. Novoneyra e Raimundo Patiño, sobre todo. No Kilombo. Todos xuntos naquel estudio da Calle da Ilustración, naquel soto tan querido, tan visitado, tan multiusos. ¡Que frutífera a relación de Patiño con Novoneyra! ¡canto sabían das artes plásticas! Patiño era un excepcional teórico, un coñecedor profundísimo das últimas tendencias e de tódolos soportes sociolóxicos da pintura. Ademais, gustáballes moitísimo ós dous experimentar practicamente: debuxos, litografías, linóleos. Tódalas tardes, o Kilombo -así bautizado por un amigo arxentino- estaba a ferver. Pintaban os dous, aínda que cada un no seu... Pero ó final e alá no fondo de todo sempre estaba a poesía. E estaba tamén Galicia e a autodeterminación. E estaba a loita antifranquista... Duraría. E non morrería. Non morreu nunca aquel intercambio ricaz, pleno e sempre compartido de Patiño e Uxío Novoneyra.
E Novoneyra con Ferrín. Sabedor cada un do que xa era cada un. Compartindo posicións de base. Un Ferrín, creador e crítico profesinal. Un Novoneyra, creador e crítico máis informal, lonxe de toda docencia formalizada. Uxío, sempre poeta e dicidor de poesía. Antes que nada e por encima de todo. Uxío, sempre a última palabra na creación poética. Patiño, sempre a última palabra nas artes plásticas. Ferrín, sempre a última palabra na literatura e mesmo no que poderiamos chamar a epistemoloxía crítica do grupo. Ferrín trataba de poñer no seu sitio a crítica, o pensamento universal, a vangarda. Galicia, o compromiso. Uxío Novoneyra levaba moi dentro daquela, moi sabido e asumido, Galicia, a poesía, o pobo, as grandes tendencias universais e o compromiso político e moral.
E despois estaba o contexto, a placenta, a vida arredor... Os amigos e coñecidos que pasaban polo Kilombo: Carlos Oroza, coa poesía-río mayakovskiana ou a admiración entre real e irónica por Evgueni Evtuchenko; Walter e Katherine Goldfrank, unha parella norteamericana que os estaba anticipando, sen sabelo, o que sería maio do 68 en California; Pérez Fuentes, que se iniciaba na poesía de combate; Quique Ortiz, coa súa militancia e o seu realismo marcados; Daniel Pino, ou a seriedade política xa madura; Luis Cochón, coa ironía e o sarcasmo sempre listos; ou as visitas ocasionais de Chantal, Rosa, Victoria, estudantes, amigas compañeiras. En fin, todos nós, tan zarandeados e "centrifugados" despois pola vida mesma...
Anos intensos aqueles con Uxío en Madrid, entreverados con estancias curtas na nosa terra, entre recitais, algún que outro traballo, unha comida... Algúns días no Courel ou á beira do mar, en Arousa ou Pontevedra. Anos de conformación de intencións. Anos, en fin pletóricos de futuro, nos que parecía que todo era posible. Mesmo o que parecía imposible... Pero non importa. Porque un día os soños teimosos retornarán...
