![]() Valentina Formoso
|
Valentina Formoso, voceira dos Coordinadora Equipos de Normalización Lingüística, séntese vítima dunha "caza de bruxas" por parte de Galicia Bilingüe, asociación que onte lle solicitou por escrito á Consellería de Educación "medidas cautelares inmediatas" contra a actividade de dous equipos, entre eles o de Formoso, en Rianxo.
Para Formoso, pioneira na articulación dos equipos e unha das profesionais que maiores recoñecementos acadou da Xunta pola súa actividade, Galicia Bilingüe tena "no punto de mira" e o único que pretenden é "armar conflitos para saír nos medios de comunicación".
Os equipos, engade, "facemos o traballo que se nos pide por lei, e non outra cousa e as denuncias da asociación de Gloria Lago, que non sabemos a quen representa, son surrealistas".
Galicia Bilingüe relaciona, nun comunicado remitido onte aos medios, a actividade dos equipos de normalización con colectivos independentistas como Briga. A asociación pon na diana dous blogs, o dependente do instituto de Rianxo, chamado Bico da Ría, e o blog do ENDL dun colexio de Cuntis, denominado Na Lingua de Todos.
O pasado 14 de setembro, lembra Galicia Bilingüe no seu comunicado, presentaron unha denuncia ante a Xunta de Galicia sobre "o adoutrinamento nacionalista que persiste en colexios galegos a través de accións de equipos de normalización e dinamización lingüística". Ao parecer, a "asociación achegou probas da frenética actividade de moitas destas entidades evidenciando o uso politizado da maioría ou boa parte das súas accións referidas ó idioma. Nas ditas accións publicítanse manifestos, actos, campañas e manifestacións de diferentes asociacións vinculadas a partidos políticos. En moitas delas difámase e insúltase ante os escolares a quen promove a liberdade de elección da lingua".
Como o procedemento derivado desta denuncia tardará algún tempo en resolverse, engade a entidade dirixida por Gloria Lago e o seu marido, José Manuel Pousada, "entendemos que, dada a gravidade de certos feitos, convén a adopción das referidas medidas cautelares por parte da Consellería de Educación con carácter inmediato, "a fin de evitar prexuízos irreparables que afectarían a dereitos e principios fundamentais plasmados constitucionalmente se se permite que se sigan producindo algúns dos feitos ou circunstancias denunciadas".