Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 19.10.2017 Actualizado 18:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

escrita

A vertixe atlántica

Fiona Sampson, editora da célebre "Poetry Review" británica, asegura que os poetas galegos son como "unha medicamento forte"

A.R. LÓPEZ . SANTIAGO   | 12.03.2011 
A- A+

AXENCIAS
Fiona Sampson con Jonnathan Dunne, na presentación da antoloxía no Gaiás
FOTO: AXENCIAS

Fiona Sampson naceu en Londres (1963) pero pasou seis anos en Gales e ese feito marcou de xeito decisivo o seu interese polos poetas galegos: "Gales é un país celta, un país ao oeste, un país con dúas linguas", asegura cunha mirada de divertida curiosidade tras as gafas. Onte estivo en Galicia para presentar na Cidade Da Culrura o último número de Poetry review, a máis importante revista de poesía de fala inglesa: ela é a súa editora. No número, incluíuse unha selección de 39 poemas en galego, traducidos ao inglés por Jonathan Dunne, un especialista británico que a acompaña na entrevista e que fala o galego con esmero británico.

Temos só quince minutos antes de que comecen a circular pola mesa os pratos do xantar co que o PEN Club de Galicia agasallou a Sampson e ela dá respostas curtas, atenta tanto a formular contidos facilmente comprensibles como a vocalizar de forma clara, accesible a falantes sen moita pericia. O primeiro que fai é loar a tradución de Dunne, responsable xa de varias novelas de Manuel Rivas ou de Vila-Matas publicadas na Gran Bretaña. "Os ingleses", subliña, "son moi reacios a ler os escritores traducidos e os libros só funcionan se teñen unha boa tradución, como é o caso".

Dos poetas galegos o que maís lle sorprendeu foi "o enorme parecido que hai entre os homes e as mulleres" na súa escrita. Na tradición británica, é diferente: as mulleres tenden "ao ton confesional, con freceuncia en verso libre" e os homes adoitan ser "máis formais e técnicos". En Galicia, esa división dilúese nunha poesía "chea de arquetipos, dunha lóxica do ensoño, de textos onde se recoñece que teñen moitos datos históricos pero non están ancorados no cotiá, senón na reacción". Son textos, engade, "que te trasladan rapidamente dunha imaxe a outra: é como ter varios poemas nun só".

Para Sampson, resulta moi dificil que un lector británico poda verse na poesía feita en Galicia, se ben abre a posibilidade de que as mulleres poetas de alí se recoñezan nos textos das poetas de aquí: "Nós somos empíricos, técnicos,... Somos moi bos cando se trata de cartos, de enxeñería, de ser obedientes coas regras... e os poetas galegos son desobedientes". A ela, en particular, esta característcia atráelle moito porque "é un medicamento forte".

Sobre a posibilidade de facer unha escolma semellante de poetas británicos ao galego -Sampson é tamén poeta, ademais de autora de ensaios sobre a filosofía da linuaxe e virtuosa violinista-, a editora é pesimista, "polo menos desde Poetry review", que na portada deste número especial dedicado a Galicia amosa a complexa escaleira de caracol deseñada polo arquitecto barroco Domingo Andrade para Bonaval.

Jonnathan Dunne, que estivo traducindo a entrevista, fixo xunto a Sampson a selección dos texto, se ben el se encargou de escoller os autores -dezanove- que se incluíron na antoloxía. "Eu considero que a tradución significa cruzar fronteiras e cruzar fronteiras é cruzar dalgún xeito o ego. Nese sentido, eu non son nacionalista de ningún tipo". O que el ve nos poetas galegos son "imaxes estremas, un "léxico barroquizante moi rico" e, sobre todo, "unha linguaxe que se move a moitos niveis".

PRESENTACIÓN NO GAIÁS

Anxo Lorenzo agradece a contribución dos poetas ao idioma

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director xeral do Libro, Francisco López, foron os ecnargados de presentar o monográfico de Poetry review na Cidade da Cultura. No acto, Fiona Sampson e Jonathan Dunne fixeron un recital con algúns dos textos seleccionados, entre os figuran Manuel Rivas, X.M. Álvarez Cáccamo, González Tosar, Yolanda Castaño, Xohana Torres, Fernán Vello, Baixeras, Chus Pato ou Olga Novo.

Durante a presentación, Lorenzo incidiu na "contribución dos poetas, e dos autores literarios en xeral, na elaboración dun idioma poético de calidade, dun idioma galego de calidade" ao tempo que salientou "o intenso labor dos tradutores e das tradutoras"

O volume, en palabras de Francisco López, "permitirá comprender o presente vigor das nosas letras máis alá das nosas fronteiras". Nun país de letras tan rico como Galicia, precisou, é moi complexo elixir unhas poucas voces, representativas das distintas tendencias e xeracións últimas da súa lírica, que sexan ao tempo voces singulares e con forza de autor, pero penso que, neste caso, Jonathan, foi quen de conseguilo".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS