Venres 03.09.2010
| Actualizado 10.39
Hemeroteca web
|
RSS
![]() |
| O escritor arxentino Juan Gelman, onte na Coruña durante a presentación do seu libro ‘Bajo lluvia ajena’ FOTO: Cabalar/efe |
Gelman aproveitou a súa estancia na Coruña para presentar na Real Academia Galega o seu libro Bajo lluvia ajena, un acto que se inscribe no III Encontro Cidade da Coruña que, baixo o título Literatura e viaxe, organizan a Concellaría de Cultura do Concello coruñés e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Segundo explicou onte pola tarde nun encontro cos medios, o libro que hoxe presenta narra "recordos dunha época en que nos botaron do país", durante o exilio que compartiu en Roma co seu compatriota Carlos Alonso, artista plástico que ilustra a portada e que, a pesar de que ambos producían "cousas moi emparentadas", como recoñeceu Gelman, nunca chegou a coñecer persoalmente.
Os textos, escritos maioritariamente en prosa foron escritos hai 30 anos e tratan sobre a "viaxe dolorosa" que representa o exilio. Gelman recoñeceu que segue escribindo, ás veces sobre o que cualificou como a "incultura ambiental" e, outras, sobre política internacional no xornal arxentino do que é columnista. "O xornal non se pode abandonar. Con todo, a poesía pode abandonar a un", apuntou. Nos seus libros fala sobre unha ditadura militar, a arxentina, que a día de hoxe segue sentando os seus responsables ante os tribunais.
Curiosamente, Arxentina iniciou agora a investigación xudicial dalgúns crimes que se cometeron durante a ditadura franquista en España e sobre a que Gelman indicou que "unha sociedade que non pon a luz sobre o ocorrido no seu pasado, sexa próximo ou afastado, non ten a posibilidade de construír unha memoria cívica sa con vistas ó futuro".