Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

galardón

Viaxe de ida e volta

Víctor Freixanes, con "Cabalo de ouros", e Marga do Val, con "A cidade sen roupa ao sol", gañan os premios da Crítica, en narrativa e poesía, respectivamente, no apartado de literatura en galego

FRAN P. LORENZO . SANTIAGO   | 10.04.2011 
A- A+

AXENCIAS
Tanto Víctor Freixanes como Marga do Val souberon a noticia de que gañaran o premio a través da chamada telefónica deste xornal
FOTO: AXENCIAS

Dúas das obras máis senlleiras do panorama editorial galego en 2010 -a novela Cabalo de Ouros (Galaxia, 2010) do narrador, editor e profesor Víctor F. Freixanes e o poemario A cidade sen roupa ao sol (Espiral Maior, 2010), asinado por Marga do Val, pseudónimo poético da ensaísta, tradutora e profesora viguesa Marga Romero- foron onte merecedores dos Premios Nacionales de la Crítica 2010.

O prestixioso galardón sen dotación económica que outorga, desde 1956, a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) distingue, nas modalidades de narrativa e de poesía, as máis importantes producións literarias en castelán, catalán, éuscaro e galego.

O xurado -no que participaba en representación das letras galegas a escritora e crítica literaria Laura Caveiro- reuniuse onte en Cáceres, contra a unha do mediodía, e minutos despois de se facer público a listaxe de escollidos os dous gañadores eran advertidos pola chamada telefónica deste xornal de que as súas obras foran as recoñecidas pola crítica española. Con moita ledicia e satisfacción acolleron ambos unha distinción que, para Freixanes vén logo de dezasete anos de silencio narrativo e despois de que os libreiros galegos recoñeceran o seu Cabalo de ouros como o mellor libro galego do ano.

"Como os actores veteranos, sempre tes certos nervios ao saír a escena, e dúbidas sobre o que fas", di o escritor, convencido de que "o segredo da literatura é que haxa resposta, lograr emocións no lector".

A boa acollida do público -o libro encara xa a súa segunda edición- e as valoracións desoutros "lectores cualificados" que son os críticos confirman o editor pontevedrés na idea de non demorar tantos anos un novo encontro coa escrita. "Teño cousas empezadas pero ando noutra novela diaria que é un mundo de empresa e de xestión, onde hai que botarlle imaxinación e buscar novos espazos...", advirte o autor que considera a literatura un "desafío persoal, que, desta volta, achou acubillo nunha "maneira de nova de enfocar o discurso literario". Sen renunciar aos trazos estilísticos que lle son propios, Freixanes regresou en Cabalo de ouros a Vilanova de Alba -territorio mítico tamén das outras dúas novelas da triloxía O triángulo inscrito na circunferencia e A cidade dos Césares- e nese retorno foi quen de cifrar unha tensión narrativa que flúe por entre os tradicionais relatos de cegos para "introducir o lector nun mundo distinto, o da posguerra", un espazo atraente, ateigado de simbolismos, que en Cabalo de ouros é evocado con singular mestría.

De regresos tamén fala a poesía de Marga do Val, autora d"A cidade sen roupa ao sol, "un libro para a cidade de Tui", unha cidade-límite na que se espellan outras fronteiras como a do tempo ou a do corpo, e que revela "sufrimentos agochados" e a "dobre linguaxe que houbo que aprender aquí despois do 36", di a poeta, quen advirte na vila da catedral-fortaleza un paralelismo con Galicia.

"Tentei facer desde Tui unha viaxe de ida e volta pola vella pel do mundo, Europa, como a chamaba Rafael Dieste", asegura a poeta. A cidade sen roupa ao sol é ademais unha "educación sentimental" e "un libro de destrución dun erotismo imposto e unha linguaxe amatoria imposta" no que a voz das mulleres se deixa sentir con claridade, ecoando por entre uns versos que son, á vez, un autorretrato en rebeldía, lúcido e conmovedor.

O arxentino Ricardo Piglia, pola súa novela Blanco nocturno, e a poeta cordobesa Juana Castro, por "Cartas de enero" foron os gañadores nas modalidades de narrativa e poesía en castelán. En lingua catalá os vencedores foron Jordi Puntí por Maletes perdudes, en narrativa, e Anna Montero en poesía por Terangines.

AS FRASES

O escritor galego Víctor Freixanes considera a literatura un desafío persoal que desta volta, en "Cabalo de ouros" acadou acubillo nunha maneira nova de enfocar o discurso literario

A poeta Marga do Val revela no seu poemario "sufrimentos agochados" e a dobre "linguaxe que houbo que aprender aquí despois do ano 1936, tras o golpe de Estado

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS