Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Victorino Pérez Prieto: "É máis posible que os ósos de Compostela sexan de Prisciliano que de Santiago”

“Prisciliano é un mito e un dos símbolos que Galiza precisa para revitalizar a súa identidade”

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 14.06.2010 
A- A+

Carlos de Paz
Victorino Pérez Prieto acaba de editar en Galaxia ‘Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario’
FOTO: Carlos de Paz

Victorino Pérez Prieto naceu no concello leonés de Hospital de Órbigo (León). Estudou o Bacharelato (1965-1971), Debuxo e Pintura, Filosofía e Teoloxía (1973-79) en Santiago de Compostela, licenciándose en Teoloxía Dogmática na Universidade Pontificia de Salamanca (1981). Realizou cursos de Teoloxía e Sagrada Escritura na Universidade de Comillas en Madrid (1994-95) e fixo o Doutoramento en Teoloxía na UPSA (Salamanca) cunha tese sobre a teoloxía interrelixiosa e intercultural de Raimon Panikkar.

Foi ordenado sacerdote en Mondoñedo por Miguel-Anxo Araúxo Iglesias en 1981. Durante vinte e cinco anos (1981-2006) exerceu o ministerio como párroco no mundo rural (Lagoa, Ubeda, Cadavedo e Loboso na Pastoriza-Lugo), mariñeiro (Xove, A Rigueira e Monte na Mariña luguesa) e urbano (San Xoán de Filgueira e San Paulo de Catabois en Ferrol). Foi director de numerosos Retiros e Exercicios Espirituais, e consiliario de grupos apostólicos, etc… De 1988 a 1995 foi profesor no Instituto I.B. de Burela. Tamén foi profesor na Escola Diocesana de Teoloxía. Actualmente é profesor nas Universidades da Coruña e Santiago. Foi director da revista Irimia (Revista de Crentes Galegos) entre 1981-1983 e pertence dende 1981 ó Consello de Redacción de Encrucillada (Revista Galega de Pensamento Cristián).

É escritor prolífico en xornais, revistas e libros. Foi colaborador habitual con artigos de opinión en El Progreso (1985-1994), logo en Diario de Ferrol (1999-2005) e en La Voz de Galicia (2005-2010); tamén colaborou en La Región, El Faro de Vigo, Heraldo de Vivero, La Comarca del Eo... Publicou numerosos artigos nas revistas Irimia e Encrucillada. É colaborador habitual de A Nosa Terra e ocasional doutras revistas galegas, españolas e estranxeiras.

Publicou os seguintes libros individuais: A Xeración ‘Nós’. Galeguismo e relixión, prólogo de Xosé Chao Rego, Galaxia, Vigo (1988); Cristiáns e galeguistas, Santiago (1994); Galegos e cristiáns. Deus fratresque Gallaetiae, prólogo de Torres Queiruga, SEPT-Galaxia, Vigo (1995); Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo, Espiral Maior, A Coruña (1997); A Romaxe de Crentes Galegos. De Irimia Santa Margarida, prólogo de Chao Rego, Santiago (1998); Ecologismo y cristianismo, Sal Terrae, Santander (1999); Con cordas de tenrura, SEPT-Galaxia, Vigo (2000); Contra a síndrome N.N.A. (Non hai Ningunha Alternativa). Unha aposta pola esperanza, Xerais, Vigo (2005). Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía religiosa en galego, Toxosoutos, Noia (2007). Obras de teatro para o Nadal, Tambre-Edelvives, Madrid (2009) e Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario, Galaxia, Vigo (2010).

 

Dentro do que poderiamos chamar "mitoloxía galega"
¿Prisciliano pódese inserir coa súa transcendencia dentro da historia de Galicia como nación, historia negada e nunca contada?

Non podemos sacar as cousas do seu contexto histórico e social e colgarlle a Prisciliano o que non é, converténdoo en paradigma de toda a identidade galega. Pero si que podemos ir alén da realidade estritamente histórica, para reivindicar a Prisciliano como mito e como un dos símbolos que Galiza precisa para revitalizar a súa identidade, indo aos seus alicerces, un dos momentos estelares da cultura galega; que iso foron os séculos IV-V: a Galiza de Prisciliano, Exeria, Orosio, Baquiario e Idacio. Porque Galiza e o pobo galego, a súa historia, cultura e antropoloxía non son un invento artificioso dos románticos galegos, senón que vén de máis de mil anos atrás.

 

No Adro co que a nosa amiga Pilar García Negro presenta este libro, di que Prisciliano e a súa doutrina, á parte do mito, constitúe un xeito de anagnórise, palabra utilizada por Aristóteles na súa ‘Poética’, de orixe grega, co significado de coñecemento, revelación... É así como ti o ves?

Certamente. Os galegos non podemos coñecer o que somos sen saber de onde vimos, sen coñecer os nosos alicerces, a nosa historia, as nosas loitas, éxitos e fracasos... Coñecer a Prisciliano e o priscilianismo debe ser unha expresión máis desa necesidade de esclarecer a nosa historia, para coñecérmonos máis e afrontar mellor o noso futuro. Dalgunha maneira, tódolos galegos seguimos sendo "priscilianistas", polo peso de Prisciliano na nosa historia.

 

A Igrexa, histórica e tacitamente sempre foi aliada do Poder, algo co que non comungaba Prisciliano, igual que con outras cousas de non menor importancia. Semella que el sen saír do seu seo quería transformala pero non provocar unha escisión, unha separación. O cisma estaba servido?

Prisciliano tivo unha praxe heterodoxa, pero non foi un herexe, que se puxera á marxe da fe da Igrexa, senón un bo cristián que buscaba precisamente que a Igrexa, que xa iniciara a súa decadencia tan preto das súas orixes, por "ter caído nos brazos de Constantino" –que dixo Curros en O divino sainete– , volvera ás súas orixes: á predicación e á praxe liberadora de Xesús de Nazaret, á súa paixón pola verdade, a xustiza, a igualdade de homes e mulleres, a comuñón con todo o cosmos... O presunto cisma de que o acusaron foi unha argallada dos seus inimigos, bispos corruptos que viran perigar os seus postos de poder na Igrexa e nunha sociedade que camiñaba cara a un réxime de cristiandade. Prisciliano sobe ao patíbulo en Tréveris, tras un xuízo inicuo, coa firmeza do xusto, mantendo a integridade das súas crenzas a prol dunha Igrexa máis evanxélica.

 

Dende calquera punto de vista, a imposibilidade de que o apóstolo Santiago estivese en Galicia e fora soterrado aquí transcende ao tráxico-cómico. Quizais o ermitaño Paio vise unha luces estrañas nun bosque. Alí atoparon ou quixeron atopar o sartego de Santiago; unha invención
inútil, pero con tanta transcendencia que chega ata os nosos días, unha mentira que trouxo milleiros de turistas e negocios a Compostela. A mentira dura e a farsa continúa. Cal é a túa opinión, Victorino?

Pode que sexa excesivo dicir "dende calquera punto de vista", porque a verdade é poliédrica. Pero creo que hai máis posibilidade de que os ósos de Compostela (de "compositum", máis que de "campus stelae"...) sexan de Prisciliano e os dous compañeiros mártires enterrados con el na Galiza –como di a ‘Crónica’ de Sulpicio Severo–, que os de Santiago o Maior, que nunca andou por aquí. A memoria priscilianista e a veneración ás súas reliquias é varios séculos anterior á memoria xacobea. Pero nada máis lonxe da miña intención que querer ir contra o valor do Camiño, que, ademais de traer a Compostela "turistas e negocios" como dis, trouxo ao longo dos séculos peregrinos que fixeron un camiño de encontro consigo mesmo, afondando na súa dimensión humana e espiritual. Con todo, penso que hoxe o máis importante deste camiño e dos seus camiñantes non é chegar ata os restos do Apóstolo; e non habería problema en admitir que foran doutro santo como Prisciliano: o valor do camiño é o mesmo camiño.

 

Que relevancia ou importancia ten Prisciliano para a Historia de Galicia? Prisciliano é un mito/realidade necesario para Galicia?

O que nos queda de Prisciliano e do priscilianismo, ademais da súa memoria histórica, é a memoria mítica e a forza que a súa figura tivo na cultura galega. Prisciliano mobilizou moitos galegos na historia e pode ser aínda un necesario elemento mobilizador para a Galiza do século XXI: da lexitimidade do pobo galego fronte á intransixencia allea, dun pensamento e dunha lexítima identidade galega, dun cristianismo lexitimamente galego e aínda creador dun movemento relixioso liberador e democratizador. Prisciliano foi un home libre e pode axudarnos a todos a selo máis, a vivir sen medo.

 

Eu, Victorino, con moitísimo respecto aos crentes, calquera relixión considéroa nociva para o individuo, todas están en posesión da "súa verdade", e en calquera caso distantes da realidade das persoas. Para outras persoas, a relixión é consubstancial co individuo, unha necesidade case biolóxica; cal é a túa opinión a propósito desta miña brevísima reflexión?

Penso que a proba de que calquera relixión non é necesariamente "nociva para o individuo", é a cantidade enorme de bondade xenerosidade e xustiza que xerou ao longo da historia; evidentemente, isto está a carón de moita violencia, intransixencia e inxustiza que tamén xerou; pero que creo esta foi máis polo feito de exercer como superestrutura aproveitada polo poder, como dicía Karl Marx. En todas as grandes relixións hai verdade e bondade, e poden ser unha axuda para a felicidade e a realización humana. O importante é saber –como hoxe sabemos e reivindicamos moitos– que ningunha delas posúe a verdade e a bondade en exclusiva; e que estas están tamén fóra das relixións. En realidade, como dixo alguén "todo o que afonda converxe"; e isto sábeno ben os místicos de calquera relixión e mesmos os místicos laicos. Por outra banda, contrariamente a esa "distancia da realidade das persoas" da que falas, a verdadeira relixiosidade e espiritualidade está intimamente mergullada no ser humano, alén dos ditados das xerarquías clericais. Deus está "no máis intimo de min mesmo", como dicía Santo Agostiño; "máis preto de ti que a túa xugular", como di unha aleia do Corán... "Nel vivimos, movémonos e somos", como di Paulo de Tarso no Areópago.

 

Retornando ao priscilianismo, ti cres que aínda subxace na ánima do galego, como realidade máis que como mito?

Aínda que a meirande parte do pobo galego non coñece nada ou case nada de Prisciliano e o priscilianismo, creo que el deixou unha marca indeleble na alma galega; un peso na súa realidade relixiosa e antropolóxica; sobre todo a nivel das crenzas subxacentes e do inconsciente colectivo. Son os símbolos e os mitos os que chegan realmente a ese inconsciente colectivo, máis que os conceptos. O cristianismo galego popular non deixou nunca de ser priscilianista, cos seus ritos, mitos e santos particulares, a pesar das pauliñas da xerarquía eclesiástica.

 

É posíbel unha escisión do priscilianismo dentro da Igrexa católica romana, ou carece de sentido e ou interese?

Se iso significa querer facer unha Igrexa á marxe da gran Igrexa, non o creo. Por iso precisamente, os movementos reformadores de base das últimas décadas reivindican o feito de "ser Igrexa", non unha "Igrexa paralela"; queren ser Igrexa tanto como esa xerarquía que semella ter a patente de propiedade da Igrexa, a posesión da identidade, a pesar de descubrir cada día nela mentiras, e abusos sen fin. A realidade da Igrexa é moito máis ampla e boa que as súas xerarquías, tantas veces corruptas. Hai en Galiza a expresión particular dun cristianismo que quere ser fiel ás raíces galegas: o movemento Irimia coas "Romaxes de Crentes Galegos"; un encontro anual moi "priscilianista", itinerante, que busca lugares particularmente hierofánicos (ríos, montes...) por Galiza adiante. Eles son conscientes de que o factor cristián foi configurador de Galiza desde moi antigo, e pode tornar a ser dinamizador da conciencia galega.

 

O teu libro ‘Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario’ esgota o tema ou aínda quedan cousas que contar…?

Sería unha pretensión absurda pola miña banda crer tal cousa e, con toda seguridade queda aínda moito que estudar sobre Prisciliano; particularmente, unha achega sistemática e rigorosa ao seu pensamento. Saíu o ano pasado un magnífico estudo que creo complementa o meu; é o froito da tese de doutoramento na Universidade da Sorbona-París dun autor co que estou moi en contacto e que intercambiamos graciosamente os nosos libros: Sylvain Jean Gabriel, Priscillien, un chrétien non conformiste. Espero que o meu libro sexa unha achega valiosa á xa longuísima bibliografía priscilianista; unha achega seria que axude a un coñecemento de Prisciliano e o priscilianismo tras da súa morte; sobre todo a nivel dun lector culto, que, non obstante, descoñece gran parte desa bibliografía por estar en francés, inglés ou alemán, e está preso de tópicos que son pouco fieis á realidade. Ademais, particularmente, quixen facer unha achega algo máis exhaustiva –que non completa– ao que Prisciliano e o priscilianismo representaron na cultura galega, que ese é un dos intereses fundamentais do libro.

 

Cal é dende o punto de vista historiográfico a importancia e a presenza de Prisciliano, e cal a súa contribución á historia política de Galicia?

Como queda reflectido no meu libro, desde a Galiza dos séculos IV-V ata a do século XXI, Prisciliano tivo unha presenza mobilizadora na historia galega. Sobre todo desde o XIX, con Manuel Murguía; logo no XX Portela Valladares di del que "resplandece como o noso Cebreiro de galeguidade"; Otero Pedrayo cualifícao como "a maior personalidade que Galiza xerou", e Castelao chámalle a Prisciliano "símbolo da Galiza", e pono en ‘Alba de gloria’ á fronte dos inmortais galegos que construíron a nosa historia e a nosa identidade. Logo, axudaron a isto achegas contemporáneas históricas (López Caneda, Terán Fierro, Xosé Chao Rego, Romero Pose, López Pereira, José M. Blázquez...) e literarias; estas últimas van desde os dramas de Cotarelo, Cortezón e Millán Picouto, e as novelas de Mª Xosé Queizán, Ramón Chao ou João Aguiar, ata os magníficos poemas de Manuel María e Ferrín, que reivindican a importancia da súa memoria para os galegos.

 

Non tes dúbidas con respecto á proclamación da nación galega, o dereito a autoderminación, a independencia, etc.?

Non teño dúbidas sobre o dereito do pobo galego a ser dono de seu, do seu destino, a defender a súa identidade, a súa cultura e a súa lingua, ao seu autogoberno. Pero non teño claro como ha ser o seu futuro no conxunto dos pobos de Europa e do mundo. Con todo, creo que estados plurinacionais profundamente centralistas como o español ou o francés, deberán cambiar profundamente no futuro para solucionar satisfactoriamente os seus conflitos internos; moitos deles nacidos precisamente do non recoñecemento dos dereitos dos pobos e culturas que aglutinan no seu seo, ás veces pola forza, como parece ser o caso de Euscadi e outros.

 

Con relación ao idioma non cres que sufrimos a invasión e colonización castelán?

Evidentemente. Moitos esquecen que o galego xa se falaba e escribía antes de que o castelán compuxera as primeiras letras, aínda que logo se impuxera aquí pola forza.

 

Coñeces a postura oficial da Igrexa a propósito do noso idioma?

Non hai unha postura uniforme. Os mesmos bispos non pensan todos igual: Miguel-Anxo Araúxo e Xosé Gómez defendían claramente o uso do galego, tal como escribiron en máis dunha ocasión, e tamén Xosé Diéguez, bispo emérito de Tui-Vigo; o resto dos bispos actuais non teñen unha postura tan clara, nin sequera os galegos. Os curas están moi divididos, pero desgraciadamente a maioría fan pouco polo labor... E no pobo, hainos desde posturas claramente pro galego ata seareiros de "Galicia bilingüe"...

 

Cal é o teu libro ou libros de cabeceira?

A Biblia, sobre todo o ‘Novo Testamento’, e o Tao te king de Lao-Tse.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS