Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

"A vida é paixón inútil"

Julio Llamazares publicará en febreiro o seu segundo libro de contos nos que o autor reflexiona sobre a melancolía e o escepticismo

RUBÉN ARRANZ/EFE . LEÓN   | 09.01.2011 
A- A+

Julio Llamazares publicou o seu primeiro libro de relatos en 1995

Publicará en febreiro o seu libro de contos Tanta pasión para nada, composto por trece historias nas que os seus protagonistas obteñen a mesma lección, a que dá nome á obra, pois para o escritor leonés Julio Llamazares as paixóns adoitan conducir á melancolía e ó escepticismo.

Llamazares reúne no libro, que será editado por Alfaguara, doce relatos e un microrrelato escritos durante os últimos quince anos, e algúns xa publicados, nos que describe as experiencias de xente que pon moita paixón na súa vida e que finalmente se decata de que esa vivacidade non lle serve para nada.

"Á fin e ao cabo, niso consiste vivir, en pór paixón en todo sabendo que as paixóns non solucionan nada", afirma este escritor e xornalista, natural do pobo leonés de Vegamián (1955), hoxe desaparecido baixo as augas do encoro de Porma, ao norte da provincia.

Detrás da aplicación deste sentimento, e a propósito de que conduce á desilusión, atópase para Llamazares o intento do ser humano de sobrevivir a base de paixóns á realidade, "ao que supón o paso do tempo, as perdas e o sen sentido da vida".

"Todo iso substituímolo con paixóns que poden ter moitos nomes como o amor, a amizade e o éxito", engade. A historia dun vello napolitano que reencontra o amor da súa mocidade antes de morrer, a dun condutor que se perde voluntariamente para fuxir da súa familia e do traballo ou a do futbolista que falla o penalti máis importante da súa vida forman parte da obra.

Esta última, en concreto, xa publicada na antoloxía Cuentos de fútbol, relata as sensacións do ex futbolista serbio Miroslav Djukic cando se enfrontou, sen éxito, á difícil tarefa de marcar o penalti que podía darlle ó Deportivo da Coruña a súa primeira Liga.

Foi o 14 de maio de 1994, fronte á Valencia, cando fallou no lanzamento, parado polo porteiro José Luis González, e iso supuxo que o F.C. Barcelona gañase o campionato na última xornada.

Para o autor, seguramente a vida sería inhabitable sen paixón, o problema é que, no caso dos protagonistas dos seus contos, todos chegan a un momento no que se dan conta de que a paixón non xustifica a vida ou de que, "a vida é unha paixón inútil. Entre a paixón e a ilusión hai unha liña moi sutil que seguramente determina a inocencia, cando un cre que as paixóns son soños realizables. E eu creo que o que diferencia a paixón da ilusión é a maior ou menor inocencia" da persoa na que brotan estes sentimentos, apuntou.

Pouco prodigado no conto, o autor de La lluvia amarilla explica que a diferenza entre crear un relato curto e compor unha novela é como a existente entre "facer pequenas casas ou un edificio de doce plantas", aínda que manifesta que en ambas as situacións ó escritor tenlle que interesar o que escribe. Tanta pasión para nada será é o segundo libro de contos do autor tras En mitad de ninguna parte, que publicara en 1995.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS