Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| O disco fala do contexto sociocultural galego a partir da metáfora da tradición musical negra |
"Xogar na segunda división non é intrinsecamente malo. Axuda en todo caso a relativizar os problemas e a ver a vida con outros ollos. Ás veces, ante os problemas, prodúcense momentos de estraña euforia colectiva, a alegría de quen ten xa ben pouco que perder. Desa felicidade sarcástica dos oprimidos nacen os ritmos que máis nos prestan". Así explican Ataque Escampe no seu blog a primeira canción do seu novo disco, que acaba de chegar á plataforma A Regueifa.
E palabras coma esas poden definir a cerna de todo o álbum, no que o grupo olla a música do sur americano. Violentos anos 10 é o título deste traballo, que se rebela, con humor e unha actitude positiva, contra a violencia estrutural e sistémica que nos asolaga, ás veces pouco visibles pero sempre eficaz. "Quixemos poñernos do lado da negritude, como unha metáfora dos perdedores, dos que están en segunda división como di a primeira canción", explicou un dos integrantes da banda, Roi Vidal.
A partir de aí, as reivindicacións ramifícanse. A opresión cultural e o autoodio agromado dela protagonizan, por exemplo, A cabana do Tío Tom, que modifica uns versos nos que Rosalía protesta contra o trato dos casteláns ós traballadores galegos. "Falamos do contexto socio-cultural galego, desde unha postura crítica pero non vitimista. Cunha actitude positiva e construtiva. Pero poderiamos estar falando doutros pobos oprimidos, e en xeral de toda opresión de raza, xénero, condición social... Non creo que a metáfora da negritude teña que resultar chocante: aí está o racismo lingüístico, xa dicía Beiras que somos unha colonia... e ademais esta idea do Far West xa a utilizou Carlos Negro, ou Antón Reixa... Está na nosa tradición cultural, aínda que se cadra de xeito máis velado...", indicou.
O disco está zarrapicado de referencias ó cinema, á música sureña ou á literatura. "Sempre se fala da influencia literaria. En realidade bebemos da cultura popular, en xeral", apuntou. "Sempre nos movemos na tradición da música americana, o country, o neo-folk... É onde nos sentimos cómodos. Só que esta vez concretamos máis xeograficamente: no sur, na música negra. Queriamos facer un disco de soul, pero tampouco somos uns virtuosos...", lembrou.
Violentos anos 10 amosa, porén, unha evolución con respecto ós discos anteriores no aspecto musical. "Pois o certo é que as nosas letras sempre funcionaron ben, e tiñamos un pouco o trauma de a ver se nos dicían que tamén eramos bos músicos. E si cremos que demos un paso adiante nisto. Foi un disco pensado, pero non tan conceptual como A grande evasión. O proceso de creación foi máis espontáneo: nun principio iamos facer un E.P.", subliñou.
Hai unhas semanas, o grupo publicou no seu blog un texto no que anunciaba o seu "decremento", e que adiantaba en parte o sentido deste disco, responde a tempos duros nos que todo é precario. "No contexto de crise global, as cousas están mal pero temos que miralas de fronte, e tirar para diante. Non é chorar, é tentar facer as cousas dou- tra maneira. Se non hai o ambiente cultural que houbo, buscar outros medios: non depender dos organismos públicos... Co bipartito había máis facilidades: os grupos galegos saían na radio, e agora a maioría dos medios non amosan interese na cultura galega..", asegurou.
Alzar a voz, desde o humor
Violentos anos 10 apunta ás "violencias sistémicas, estruturais, fronte ás que as persoas non temos moita marxe de manobra, só alzar a nosa voz. O que nós dicimos é, coidado, que se están aproveitando de nós.... Tamén hai unha referencia moi clara á película Violentos anos 20, ese mundo suburbano, violento, de opresión... A precariedade laboral está así, claro, en parte se non estivesemos no paro teriamos menos tempo para facer este disco...", comentou. O humor, a ironía, seguen a estar presentes neste disco, como nos anteriores. "Se cadra refinamos o sentido do humor. Usamos o ariete do ataque, desde a retranca... Aínda que este disco é se cadra máis directamente reivindicativo, contestario", opinou.
