Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

lembranza

A voz máis popular do país

Morre Ana Kiro, a muller que cantou á "Galicia meiga"

FOTO: X.L. BLANCO
FOTO: X.L. BLANCO

F.P. LORENZO . SANTIAGO   | 25.09.2010 
A- A+

Seguramente non houbo un verán galego, desde os anos setenta até a presente década, na que a voz de Ana Kiro non ecoara no escena­rio dunha festa ou dunha romaría. A cantante máis prolífica e querida da mú­sica galega finaba onte ó mediodía na súa casa de Mera (Oleiros), aos 68 anos. Desde 2006 combatía con afouteza os azoutes do can­cro. Ingresos hospitalarios, sesións de quimioterapia - "a quimio galega", dicía ela este agosto pasado, men­tres recibía un tratamento co fármaco Yondelis- que ela sobrelevou con serenidade e valentía, acompañada sempre do seu home, o res­taurador Carlos Rivero, da súa filla Mari Carmen e dos seus netos, Iñaki e Eva.

No auditorio Gabriel Gar­cía Márquez de Mera, onde tivo lugar unha das súas úl­timas actuacións, eran onte velados os seus restos mor­tais, e até alí achegáronse centos de persoas para lle daren o derradeiro adeus a unha figura que integra, por dereito propio, o pan­teón simbólico da cultura popular galega, aquela que tivo na emigración unha das súas permanentes fon­tes de vida e alimento.

María Dolores Casanova González, naceu en 1942 na parroquia de Castañeda, en Arzúa. Filla predilecta do concello coruñés, o alcal­de desta vila do Camiño lamentaba onte a "perda" dunha "persoa moi huma­na, natural e íntegra", da que salientou as súas fa­cetas de cantante, comu­nicadora e actriz, loando a súa capacidade para "con­seguir todo aquilo" que se propuña.

Ana Kiro vinculou o ini­cio da súa carreira musi­cal á colectividade galega emigrada en Cataluña. A Barcelona chegara coa súa familia e desde alí coñe­ceu a face dunha morriña e dunha saudade que sabe­ría, co tempo, cifrar nunha letras enchoupadas de nos­talxia labrega e mariñeira.

Casada moi nova e ta­mén moi nova separada, xa cunha filla, Ana Kiro participou como vocalista no programa Galas del sá­bado, de Televisión Espa­ñola, que presentaban, na altura, Joaquín Prat e Lau­ra Valenzuela e fixo dúo con mitos da música lixei­ra como José Guardiola. Da man da discográfica Belter sumouse a aquela onda de voces femininas que tenta­ban importar algunhas das sonoridades do pop británi­co e francés dos finais dos sesenta, con selo yeyé. Era o tempo dos festivais de verán, dos 45 rpm e o Kiro do seu apelido semella un­ha concesión ao necesario exotismo que daquela se lle esixía ás cantantes.

Os primeiros rexistros do seu catálogo reco­llen, sobre todo, letras en castelán, moitas delas co­vers de éxitos españois ou internacionais: Ma­rionetas en la cuerda, El ro­sario de mi madre ou Paco Paco Paco.

A primeiros dos anos se­tenta, nas súas primeiras viaxes a Galicia, coñece o compositor Manuel Muñiz, que adapta un tema popular e llelo cede a ela para que o inter­prete. Trátase do Galicia, Terra Meiga, un dos seus máis rotundos éxitos, gra­vado co selo Olimpo, que acollía rexistros de música galega e en galego. Daquel tema, casette de ouro, ven­déronse máis de 100.000 copias e permaneceu tres meses nas listas de vendas. Desde entón, a simbiose de Ana Kiro coa lingua gale­ga -apoiada tamén na co­laboración co seu amigo, letrista e cronista infatigá­bel, Xosé Luis Blanco Cam­paña-, foise estendendo a traballos como Viva Galicia (1974) ou Así canta Galicia (1975), un disco conxunto con Andrés Dobarro, Pepe Domingo Castaño e Ber­nardo Xosé. Así até gravar máis de trinta traballos dis­cográficos.

Ela mesma recoñecía, na derradeira entrevista que lle concedeu á Televisión de Galicia, o título oficioso de "cantante dos emigrantes". Tanto tiña o lugar. Unha vi­venda de obreiros galegos en Barakaldo, o piso dunha familia de Touro no bairro do Carmel, en Barcelona, un centro galego de Bos Ai­res ou Montevideo, en No­va York, en Suíza, Francia ou en Alemaña. Alí onde houbera un galego, estaba Ana Kiro. Prodigouse nos escenarios onde ese pú­blico a reclamaba e, como nunha viaxe de ida e volta, a rapariga de Arzúa que tiña o engado na voz e nos ollos estendeu os seus retrousos pícaros e melancólicos po­lo aire de todas as festas de Galicia. Á beira dun palco ou dunha orquestra, até que a enfermidade llo im­pediu, Ana Kiro percorría os escenarios da Galicia ex­terior e interior aquelando o ritmo dunha muiñeira, un pasodobre ou unha ran­cheira.

A última homenaxe foi en agosto

Ana Kiro retirouse do mundo da canción no 1998, aínda que anteriormente (1995) lle fixeron unha homenaxe na Coruña que se retransmite pola Televisión de Galicia e que consegue unha grande audiencia. A partir dese momento comeza a súa relación coa televisión, que empeza co talk-show Toda unha vida e continúa con Tardes con Ana, un dos máis exitosos programas da TVG e, probablemente, o único éxito verdadeiramente popular da grella da canle na sobremesa. Posteriormente participa como actriz protagonista na serie A miña sogra e mais eu. Estaba casada con Carlos Rivero e tiña unha filla. En 2006, detectáronlle un cancro de ovarios, do que foi intervida cirurxicamente. En 2007, no programa Volver ao rego, de Xosé Luís Barreiro Rivas, fai a súa reaparición como invitada. A súa última aparición pública, xa visiblemente afectada pola enfermidade, foi o pasado doce de agosto nunha homenaxe que lle tributaron en Vedra.

CONDOLENCIAS

Ana Kiro cantou sempre en ga­lego e ese feito -aínda que nela respondera á natura­lidade da súa expresión ou mesmo a razóns de estra­texia comercial- adquire hoxe, en tempos difíciles para o idioma de Galicia, a categoría de exemplo. Así o manifestaba onte, nun comunicado A Mesa pola Normalización Lingüísti­ca, quen lle agradecía "o firme compromiso amosa­do sempre coa nosa lingua e a nosa cultura da mellor maneira posíbel: isto é, a través do seu uso, popula­rizando un amplo reperto­rio musical desde o galego nun contexto ben difícil". Segundo a Mesa, Ana Kiro empregou "sempre o gale­go na súa música, mesmo a pesar do tópico interesado que sitúa o feito en galego como incompatíbel co éxito comercial". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, envioulles tamén o pésame á familia da cantante, mentres a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, falaba da "gran dama da canción popular galega". O Goberno municipal da Coruña mostrou o seu "fondo pesar" polo falecemento de Ana Kiro, á que cualifica como "unha figura clave" na música popular de Galicia. O soterramento dos res­tos mortais de Ana Kiro te­rá lugar hoxe, ás 19 horas, no cemiterio parroquial de Serantes, en Mera, cabo da que foi a súa casa. A esa despedida, segundo confir­mou onte a Xunta, asistirá o conselleiro de Cultura e Turismo, Rober­to Varela.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS