Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

rede

A Wikipedia da Cultura

Manuel Gago impulsa unha web para catalogar de xeito colectivo o patrimonio galego, que entrará en funcionamento logo do Día das Letras

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 05.05.2011 
A- A+

patrimoniogalego.net
Os petróglifos de Fonte Sobreira en Boiro están abandonados
FOTO: patrimoniogalego.net

O proxecto de instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro suscitou nos últimos meses un movemento social de oposición a que os intereses económicos acaben coa riqueza patrimonial e xeolóxica deste enclave natural no que se encontran os concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui. Ante o descoñecemento e, nalgúns casos, o abandono no que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural galego -castros, mámoas, dólmens, petróglifos, cruceiros, muíños, pazos...- creouse en Facebook un grupo no que unhas 200 persoas debatían sobre a posibilidade dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia. Froito deste intercambio acaba de nacer a web patrimoniogalego.net, un proxecto capitaneado por Manuel Gago para crear unha "Wikipedia" do Patrimonio Cultural do país.

"En Galicia temos un patrimonio cultural inmenso que non está coidado como debería e do que a opinión pública só coñece unha parte moi mínima", afirma Gago. A idea da web é crear un "catálogo social" deste patrimonio para saber "en tempo real que é o que temos, e como o temos", explica o responsable do proxecto, unha información "global" que, ao seu ver, "é o primeiro paso para evitar a súa destrución".

O proxecto contempla que cada cidadán poida converterse en "catalogador" e rexistrar na web os Bens Culturais así como valorar o seu estado de conservación. "O Rexistro de Catalogadores abrirase despois do Día das Letras Galegas e a partir dese momento, o Catálogo comezará a funcionar, partindo de cero. Ata agora, estamos traballando no deseño da ficha e en cuestións técnicas. O proxecto non ten data de finalización porque o traballo é inxente. Ter inventariados e xeolocalizados 10.000 bens culturais sería un éxito. E iso só será unha pequena parte de todo o total!", remarca Gago, que conta cun equipo formado até agora por Xurxo Salgado (responsable de comunicación), Franjo Padín e Xosé Gago (editores) mais Soledad Felloza (produción).

"A resposta de cidadáns e asociacións é espectacular"

Segundo Manuel Gago, a resposta colectiva de cidadáns e asociacións que se ofreceron como catalogadores do patrimonio cultural galego está a "abraialos". "Hai colectivos que dispoñen dunha abundantísima información sobre os bens culturais das súas áreas e participar no Catálogo Social fará moi visibles os seus esforzos e traballos. Hai que ter en conta que esta pode ser a primeira vez que cidadáns e colectivos de defensa do patrimonio de toda Galicia van traballar conxuntamente nun proxecto", destaca.

Unha das seccións que incluirá a web á volta do 17 de maio é como denunciar unha agresión ao patrimonio cultural do país. Agresións que moitas veces son o único que adoita transcender sobre estes bens.

"Para unha parte da opinión pública e dos medios de comunicación o patrimonio é unha fonte de conflito, no canto de ser unha fonte de riqueza", advirte Gago. "Eu creo que o gran problema que hai co patrimonio galego é o descoñecemento", asegura.

A web tamén colgará para a súa consulta unha "Lista Vermella" cos bens culturais "que estean en grave perigo de desaparición ou de ruína. Irase formando conforme se vaian engadindo elementos ao catálogo", informa Gago.

Tres exemplos de diferente estado de conservación

Para que a xente poida ver como funciona o sistema, os responsables da web colgaron tres exemplos: os petróglifos de Fonte Sobreira en Boiro, e o Mosteiro de Corenza en Noia, ambos en mal estado de conservación, mais os petróglifos de Auga da Laxe en plena Serra do Galiñeiro, en Gondomar, que se atopan en mellor estado.

Patrimoniogalego.net vai xogar así un papel -catalogar os Bens Culturais galegos- do que, en realidade, debería ocuparse a Xunta. "A Administración é a responsable final da protección dos bens culturais en Galicia, pero o certo é que malia ser un importantísimo eixe de desen- volvemento social e económico de Galicia, o seu orzamento estase a ver reducido continuamente", indica Gago.

A maiores, tamén é a Xunta a titular do Inventario do Patrimonio Cultural, "pero non o fai público, e non sabemos por que motivos nin se nos dá aos cidadáns unha explicación respecto disto". O catálogo que queren empregar as tecnoloxías "para chegar máis alá que ese mesmo inventario: a un corpus vivo e activo de todo o noso patrimonio cultural, moi conectado coas comunidades locais", asegura Gago. Un primeiro paso "absolutamente necesario para encontrarnos e coñecernos todos" .

De aí que a web recollerá nunha sección as asociacións e entidades en defensa do patrimonio así como a lexislación vixente.

UNHA FONTE DE RIQUEZA

"O patrimonio ten que ser máis que unha ficha e un trámite burocrático"

"O Patrimonio Cultural de Galicia é o legado dos nosos devanceiros pero tamén unha das principais fontes de riqueza do noso país. Por iso, o que buscamos é unha ferramenta que nos permita visibilizar a situación e o estado de conservación de todos estes bens de valor incalculable e que ata agora non existe", explica Manuel Gago sobre o proxecto.

En opinión do responsable, os cidadáns teñen demostrado dabondo a súa conciencia co patrimonio cultural do país. "Desde hai décadas, boa parte da defensa do patrimonio cultural de Galicia débese aos cidadáns, a xente que dedica tempo libre e esforzo a protexer os bens da súa comunidade fronte a todo tipo de agresións. Pero tamén é certo que hai moitos cidadáns que descoñecen a riqueza cultural do seu contorno. Ferramentas como esta poden inverter a situación. Para Gago, resulta imprescindible transmitirlle á xente que "o que teñen é valioso" para que eses bens culturais, "ás veces esquecidos, se reintegren á vida da comunidade".

Pero para iso, engade, "o Patrimonio ten que ser máis que unha ficha e un trámite burocrático. Ten que ser parte da sociedade." 

De aí que a repercusión da web dependa da participación social que consiga. "Na medida en que é un Catálogo Social, o seu éxito dependerá de que os cidadáns o vexan como unha ferramenta útil. Esperemos que sexa así e entre todos poidamos sacar adiante este proxecto, cada vez máis necesario en Galicia", conclúe Gago.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS