Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

libro

A xanela escura

A crenza nos vampiros puido servir, ó igual que as acusacións de bruxería, como un xeito de controlar as mulleres e convertelas en "chivo expiatorio" das desgrazas

MARÉ . SANTIAGO   | 01.04.2011 
A- A+

santos-díez/arquivo AELG
Jorge Emilio Bóveda buscou documentación durante varios anos para escribir o seu libro
FOTO: santos-díez/arquivo AELG

A orixe da figura dos vampiros ten unha historia semellante á das meigas. Do mesmo xeito que se acusaba de practicar a bruxería ás mulleres que interesaba apartar do medio ou que desafiaban as convencións sociais, a crenza nas vampiresas permitiu crear chivos expiatorios, botarlles a culpa ás mulleres das desgrazas... O escritor Jorge Emilo Bóveda analizou nun libro que acaba de publicar en Urco, na súa colección Alcaián, os vampiros, xunto co sangue e os zombis, como arquetipos do cinema de terror.

A obra, titulada A xanela escura, afonda nos alicerces destes tres tópicos fílmicos, no que é un dos primeiros ensaios galegos sobre cinema de terror. "A figura dos vampiros xa aparece na cultura mesopotámica. As primeiras concepcións foron máis vivenciais e brutas. Foi co cine o que consolidou a imaxe do vampiro atraínte, sedutor, que o humano ó mesmo tempo repudia e envexa. E esa imaxe, que comezou a formarse no século XVIII, tampouco se iniciou coa novela de Bram Stoker. O secretario persoal de Lord Byron creou esa estética, inspirada tamén nos asasinos da crónica negra inglesa do século XIX. Esa imaxe non é, por exemplo, a do Nosferatu de Murnau, que quedou coa figura máis mitolóxica do vampiro", comentou o autor, que foi moi afeccionado ó cinema de terror, aínda que agora cre que o xénero se volveu repetitivo.

"O xénero fantástico está menosprezado por iso, porque tende a repetirse. En Oriente si se están a facer cousas interesantes; alí teñen menos escrúpulos á hora de amosar, por exemplo, un neno morto. Son máis directos no tratamento do horrible", indicou.

Para escribir o libro, comezou o proceso de documentación polo ano 2005. "En Galicia hai moi pouco escrito sobre o tema, do mesmo xeito que hai pouco cine deste xénero, malia que o folclore e a superstición son un bo caldo de cultivo. Armando de Osorio, por exemplo, traballou en Madrid, e recoñeceu a influencia do noso folclore, ou de Bécquer...", sostivo.

O tema dos vampiros enlaza co do sangue, cos instintos morbosos, relacionados co medo á morte. "Eu creo que esa atracción ten que ver cun fondo psicolóxico, o dos impulsos humanos", reflexionou.

O amosamento explícito do sangue xurdiu "cun produtor americano, Lewis, que dicía que o facía para rebelarse contra Hollywood, aínda que eu véxoo bastante oportunista. Comezou a facer películas "gore", e despois iso introduciuse noutro tipo de cine, como o de acción. Cando non hai conflitos bélicos é cando este tipo de cine ten máis éxito", comentou.

A crenza nos mortos viventes ten a súa orixe en Haití, un rito sincrético de maxia. "Descubriuse que a sustancia que utilizaban no vudú proviña do pez globo, e producía unha apariencia cataléptica. Despois houbo películas que lle deron ó morto vivente a imaxe que hoxe ten", sinalou.

Do mesmo xeito, -di-, que a relixión pode ser o "opio do pobo", segundo a idea marxista, o cine de terror pode funcionar como un xeito de "catarse. Para os adolescentes, por exemplo, pode ser un xeito de demostrar que son máis homes do que son. E, para os adultos, un xeito de exorcizar o que resulta máis desacougante. Ademais, claro, o cine de terror ten unha función de entretemento, e forma parte dunha industria".

MÁIS

"Deus xogando aos dados", de Sotelo

Sotelo Blanco acaba de publicar Deus xogando aos dados de Fernando Méndez, Premio Risco de Creación Literaria 2010. Neste libro, un sacerdote galego deaparecido hai vinte anos, altas xerarquías eclesiásticas implicadas no tráfico de ouro nazi, mafiosos e oportunistas que buscan dar o golpe da súa vida e catro escritores de fama internacional son os protagonistas. Así se constrúe Deus xogando aos dados, que asenta a súa trama no feito histórico de que España recibiu entre os anos 1942 e 1944 máis de 5.000 lingotes de ouro que os nazis obtiveron das moas, as xoias e demais pertenzas dos xudeus. Este ouro serviu para pagar os produtos que España enviaba a Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial, entre eles volframio das minas galegas, que partían do porto de Vigo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS