Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Do vello franquismo á democracia

Xerardo Agrafoxo recolle a evolución política de Noia

As dúas obras, con 250 fotos e 100 textos, céntranse nos mandatos de Díaz Fornas e Alonso Paz

REDACCIÓN . SANTIAGO   | 15.05.2006 
A- A+

GH
O historiador e escritor noiés Xerardo Agrafoxo gañou o premio García Barros coa súa primeira novela
FOTO: GH

O escritor noiés Xerardo Agrafoxo confeccionou dous libros que recollen, en 250 fotografías, 100 documentos e numerosos testemuños, a evolución política de Noia desde a chegada da democracia ata o goberno de Mari Carmen Abeijón (1979-1995). As publicacións, que forman parte dunha triloxía que se completará o próximo ano, céntranse principalmente nos mandatos de Xesús Díaz Fornas e Pastor Alonso Paz.

Agrafoxo explica que, na súa primeira etapa, o PSOE (1979-1987) realizou unha excelente xestión. "Por primeira vez, a xente sabía que había un goberno democrático e acudía ó Concello sen medo. Realizáronse moitas infraestruturas e fomentouse a participación da cidadanía na política".

O escritor sinala que aínda que os socialistas contaban cun orzamento moi pequeno fixeron un gran labor. "O pobo agradeceullo porque na segunda cita electoral conseguiron a maioría absoluta con 12 concelleiros, pero despois dividíronse".

Agrafoxo indica que en 1986, cando Díaz Fornas foi elexido deputado en Cortes, José Moas tentou ser o alcalde substituto. "Parece ser que os líderes do partido non o querían como tal, e Díaz Fornas, de acordo co partido, seguiu como rexedor, o que provocou que o BNG gañase as eleccións de 1987".

O autor subliña que a etapa seguinte, a de Pastor Alonso, foi moi conflictiva "en parte debido á súa personalidade e en parte ós apoios que tivo". Así, sinala que chegou á alcaldía "porque o PSOE estaba dividido e Alianza Popular non era un partido consolidado".

"O seu populismo", engade o escritor, "e o intento de medrar dentro do partido fixo que realizase actuacións totalmente incoherentes, como foron os enfrontamentos cos funcionarios do Concello, coa Garda Civil, coa Xustiza e as acusacións de narcotráfico que fixo contra dirixentes socialistas e do seu propio partido".

Respecto da época de Bieito González, que sucedeu a Pastor Alonso cando foi inhabilitado, explica que se caracterizou por dous momentos políticos: "No primeiro seguía controlando a política municipal o novo partido que creou Pastor (Alternativa Galega) tras ser expulsado do BNG cunha política continuísta". Entre as decisións curiosas que se tomaron nesta época foi homenaxear o xuíz Falcone, ó que se lle deu unha rúa en Noia. Na segunda época, Pastor foi destituído como asesor do alcalde e Bieito gobernou en solitario. A crise xurdida facilitou o triunfo de Mari Carmen Abeijón.

 

UN REPASO Á SÚA OBRA

Investigador do franquismo

Xerardo Agrafoxo (Noia, 1952), profesor nun instituto de secundaria de Boiro (A Coruña) é un prolífico narrador e historiador, autor de máis de quince obras de investigación sobre o franquismo e a cultura dos castros nas bisbarras de Noia e do Barbanza. A súa primeira novela, Unha viaxe no Ford T, publicada por Galaxia no 2004, gañou o Premio Manuel García Barros que concede o concello da Estrada. Esta obra forma parte dunha triloxía non pechada á que Agrafoxo incorporou o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde. Licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Prehistoria leva publicados numerosos libros ambientados, na súa maior parte, en Noia, Lousame e outros municipios do Barbanza.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS