Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

CONVERSAS CONTEMPORÁNEAS

Xoán Ignacio Taibo: “É anómalo que só terme do futuro da lingua unha minoría activa”

“Que Feijóo conte que mudar o decreto de uso do galego no sistema educativo é un mandato electoral é falaz”

MANUEL VIDAL VILLAVERDE  | 28.06.2010 
A- A+

AXENCIAS
Xoán Ignacio Taibo gañou premios como o Carvalho Calero ou o da Crítica Española
FOTO: AXENCIAS

Xoán Ignacio Taibo naceu en Madrid en 1949 e vive en Galicia desde 1976. Licenciado en Socioloxía pola Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense, é catedrático de Lingua e Literatura Galegas no I.E.S. Xosé Neira Vilas de Perillo (Oleiros). Ten publicado as novelas Homes de ningures, que recibiu o Premio da Crítica Española, na súa sección de narrativa en galego, en 1978; A semancia, Doncos, o Pacífico, A ponliña irlandesa, Por tras dos meus ollos, Salvador de Occidente. Tamén escribiu os libros de relatos Os Inmortais, O fotógrafo, que recibiu o Premio ‘Mesón do Labrego’ en 1976, Calendario, Informe Bestiario, Primeiro Premio ‘Carvalho Calero’ do Concello de Ferrol en 1990, A Odisea segundo Nacho, Viaxe atrás no tempo e Flor do grelo.

 

Nacho, chegas a Galicia xa mozo, aínda que sempre tiveches en pé os teus vínculos e orixes coa nación, e polo tanto o compromiso coa lingua: este é o motivo e a esencia fundamental. Por aí chegas a ser profesor de Lingua Galega e Literatura, e tomas aínda maior conciencia e compromiso coa cultura in extensum da nación, e polo tanto a obriga na loita de liberación nacional galega e contra o fascismo?

Non retornei a Galiza tan mozo, que xa fixera os 27; iso si, desde moito antes falaba galego. Lamento dicirche que esta profesión, moito máis que á acción directa, tende a aburguesar as persoas. Chega con ver de que vivían os escritores galegos antes do 75, Celso Emilio, Blanco--Amor, Fole, Antón Tovar, Daniel Cortezón, recentemente desaparecido... Compárense cos actuais, na maioría profesores do ensino público. Cotexemos o que escribían aqueles co que se crea hoxe. Falo en termos xerais, que as excepcións son meritorias e numerosas.

 

Chega á nosa nación negada un goberno como o de Núñez Feijoo, os seus "independentes", e o Decreto de normalización lingüística, ben de mínimos, múdase por este que nos venden como o mellor para o galego en inferioridade fronte ó castelán, ao xuízo de moitos de nós, un auténtico disparate que coloca o noso idioma en situación subsidiaria fronte ao dominante e imposto por múltiplas vías. O normal, aínda que non gusto do vocábulo discriminación e o que leva, neste caso sería lóxica a discriminación positiva a favor do galego fronte ao asoballamento do español… Cal é a túa reflexión verbo desta miña non curta pregunta?

O señor Núñez gañou as eleccións á conta de moita mentira e por moi estreita marxe. Que conte que mudar o Decreto de uso do galego no sistema educativo é un mandato electoral é falaz. Presenta as eleccións como referendo sobre o galego no ensino, e referendo sería, si, mais todos sabemos que versaba sobre outros temas, se os votantes preferían Audi ou Citroën, se os muíños de vento debían ser das Caixas ou de Fenosa... Na cuestión da lingua enganchouse á campaña orquestrada polos consabidos catro gatos, a microplataforma minoritaria que non é submarino do PP, senón de Rosa Díez, e o de ‘Díez’ dígoo no peor sentido da palabra... Agora Galicia bilingüe –o mesmo nome é impostor– finxe estar en contra das decisións do goberno Núñez. É a táctica dos extremistas que ben aplicou o franquismo cos Guerrilleros de Cristo Rey: se eu estou no extremo, que outros aparenten ir máis alá do meu fanatismo, e así aparecerei como minimalista, ponderado e de centro...

O galego non precisa discriminación positiva ningunha: chégalle con que o poder o trate igual que tratou o español nos últimos cincocentos anos.

 

Hai algo que está próximo ou semella unha contradición nos termos, é dicir, que a xente, en xeral le máis en galego, porén, os galegofalantes diminúen. Como se entende isto?

As novas xeracións len máis que as vellas. Antes de entrar o galego no sistema educativo, poucos galegofalantes lían a súa lingua, por non estaren escolarizados máis que en español: os últimos cincocentos anos antes citados. Agora ese abismo non desapareceu, mais diminuíu moito, porque os novos saben ler o galego. A caída de falantes a lectura mitígaa, mais non a amaña. Esa caída ten que ver con outros factores complexos, e un dos fundamentais é a falta de autoestima colectiva. Iso non o resolve a lectura. Non a lectura soíña.

 

Como autor, o ensaio e a narrativa, parecen ser os teus xéneros preferidos… Coa poesía, que tal te levas?

Mal: son un tipo moi prosaico. Se te refires ás lecturas permanezo nos clásicos e mergúllome nas vangardas dos inicios do XX. Logo... o que teño que explicar profesionalmente. Se te referías á creación, non escribo poesía. E tampouco ensaio. Como moito, algún libro de divulgación, facer de publicista chámalle o meu amigo Xosé Devesa.

 

A literatura galega en liñas xerais está a vivir un momento esplendoroso, ou pola contra abondan as luces e as sombras?

Non teño unha resposta clara nin doada. Publícase moitísimo máis que hai trinta anos. Claro que abundan os textos incidentais, destinados a un mercado de fácil rendemento comercial, pero se a cantidade é tan crecida é razoábel pensar que unha cota significativa do resultado teña moito interese e elevada calidade. Si, o momento é esplendoroso.

Con todo, eu intúo algún factor de distorsión: teño arreo a sensación de que ficou todo atado e ben atado. É curioso: para a miña amiga Teresa Moure, iso que chaman sistema literario galego sería un invento de críticos e profesores para se perpetuaren, e outra analista –Loreto F. Loureiro?, cito de memoria– molestouse en preguntar ao google por sistemas literarios, e atopou que en galego o termo ten recorrencia moitísimo maior que en español, catalán, francés, italiano, inglés e... portugués. Aínda que aparece nos estruturalistas rusos, resulta como se fose un invento gozoso das universidades galegas. Daquela, como se alguén o puxera todo atado e ben atado.

 

Que as matemáticas, física e química se impartan en castelán e non en galego non é
unha sintomatoloxía propia da idiotez e desprezo polo noso idioma xa coñecido pola mediocridade dos que habitan na autocolonización, no auto-odio e na diglosia mesmo dos "señoritangos" en masculino e feminino que van por aí de "cultos" e mesmo "intelectuais"… Non é, xa que logo, unha farsa que pon de manifesto a súa precariedade cultural propia dos colonizados que digo?

En relación con eses rexeitamentos, eu identifícome cun artigo que Manolo Rivas publicou cando comezaba a reacción contra a extensión do galego no ensino: en verdade non extensión, apenas aplicación da lei de 1983. A tese contrastaba como lle ía ao catalán e como ao galego, que tipo de presuntos prexudicados aparecían nun lugar e no outro, para concluír que contra a nosa lingua se opoñen os que se lle opoñen porque é fala de obreiros, de labregos, dos vulgares: unha lingua de clase. Non, o poema ‘Deitado frente ao mar’ de Celso Emilio non alude a outra época, lingua proletaria do meu pobo, aí a tes, labregos, mariñeiros da linguaxe, xusto, non falo para os soberbios, ruíns e poderosos, nada diso é cousa do pasado. Todo ese espectro que caracterizas na túa pregunta está xa naquel poema, con provecta precisión.

 

Consideras mesmamente dramática a situación actual do noso idioma?

Indiscutíbel e netamente dramática. Mais non terminal. A caída no uso constátase de xeración en xeración. Claro que existe unha minoría resistente moi concienciada e non pequena, pero sempre minoría, e con iso o galego non está ferido de morte. Mais nunha sociedade é anómalo que só terme do futuro da lingua unha minoría activa que non cede. A medio prazo implicará unha disociación social nada saudábel. Doutra banda, certa disociación social xa leva tempo aquí: é esa segregación que asigna o galego aos vellos, aos labradores e a determinada ideoloxía política. Tampouco nada diso é saudábel. Nin xusto.

 

Que sentido ten a chamada monarquía parlamentar coa democracia. A unha coa outra non son antagónicas entre si?

Se contemplamos a democracia desde a etimoloxía estrita, os reis, os patrucios e os papas son incompatíbeis con ela. Por iso as monarquías europeas levan apelido, parlamentares. As primeiras destas, a británica, as do XIX, tiñan pouquísimo de democráticas no concepto de hoxe. No Estado español púxose unha monarquía que sucedese ao franquismo porque sería o que máis se lle parecese, visto que Franco, na súa proverbial humildade, non consentiu ser coroado. Na Transición, a monarquía serviu para conter moitas cousas, para contentar a dereita troglodita que quería continuar perpetuamente no franquismo. Esa dereitaza ultramontana, tridentina, acaparadora, antieuropea e vendepatrias segue aí, con monarquía ou sen ela. A democracia non é un estado de graza nin algo que ou se posúa enteiramente ou do que se careza por completo, senón un ideal ao que cómpre tender. Para min, a democracia española actual dista moito dese modelo ideal. Pregúntome se iso non terá que ver coa xénese pecaminosa deste réxime, coa histórica falta de hábitos, cultura e modais políticos, coa intolerancia que disque caracteriza os habitantes...

 

A relixión, calquera que sexa ela, non é un cravo ardendo e altamente nocivo para as persoas que conforman a sociedade… Non é usada para alienación dos individuos polo poder capitalista e a súa barbarie e voracidade insaciábel?

En Europa foi a pílula alienante exclusiva, pero xa antes do capitalismo, no Antigo Réxime. Claro que esa mensaxe da resignación dedicada só aos que padecen a Historia, logo non a aplicaba a Igrexa cando non conviña: na guerra contra o Francés mal chamada da Independencia, na Guerra Civil española pero, sobre todo, na súa primeira posguerra... Desde logo espántame a sistemática intromisión da Igrexa Católica nas conciencias, a farisaica –por tardía– defensa das liberdades, pero só dalgunhas, o afán por violentar os espíritos máis débiles, a teima en adoutrinar as nenas e os nenos antes de que sexa demasiado tarde, antes de que pensen por si mesmos.

Con todo, para min o moderno opio do pobo é outro, non en pugna coa relixión: son os espectáculos de masas propiciados, estimulados e premiados sempre desde o poder, calquera que este sexa. En moitos países, o fútbol: para el non hai crise económica, a ninguén lle preocupan as subvencións que chucha nin o disparate que cobran os seus artistas... Para fabricar deliberadamente fanáticos, tamén se adoutrina os nenos antes de que medren.

Retornando á relixión, respéctoa profundamente cando se reconcentra mística na interioridade do individuo. E da individua.

 

Unha República Socialista e Galega, solidaria e internacionalista é unha utopía inalcanzábel, un soño, ou unha realidade que podemos chegar a acadar?

Non sei se é alcanzábel, pero todos os logros da humanidade comezaron véndose como utopías. Utopía non é aquilo ao que non se dará chegado, senón iso ao que cómpre achegarse. Ora ben, estamos moi lonxe de aí. As aspiracións máis xerais dos cidadáns de Galiza marean outros océanos, paréceme a min.

 

Hai algún texto ao que sempre retornas, algún libro de cabeceira?

No pasado si, sobre todo Borges, Cunqueiro. Hoxe raramente: teño demasiadas cousas pendentes para andar repetindo. Porén, estou relendo a Pasternak, O Doutor Zhivago, do que repaso a tradución portuguesa de Augusto Abelaira.

 

O capitalismo renunciará á súa presenza por métodos pacíficos, ou antes provocará violencia, guerra e morte, como anunciaba o propio Marx?

Non renunciará a nada. Non se ve motivo ningún para que o faga, e menos un motivo altruísta. Igual que o león non pode facerse vexetariano, o capitalismo non pode renunciar á súa esencia, ao móbil que o creou, que é a acumulación. Con todo, son moi contrario ao uso e abuso de Carliños Marx como futurólogo.

 

Galicia está en condicións de esixir o dereito á autodeterminación?

Todo o mundo debería estar en condición de esixir dereitos: calquera, de calquera tipo. A Constitución Española non di iso, xa sei. Mais nas condicións sociais e culturais presentes e nas previsíbeis a curto termo, na nosa Galiza eu non vexo demasiada xente interesada nesa festa. Ti si?

 

Cal sería a túa descrición ou retrato do tempo con palabras?

Non quería falar máis de relixión! O tempo é o castigo da Biblia, o inferno, a orixe de todos os pecados. Se non hai tempo non hai causa-efecto, culpa, diñeiro nin acumulación, maldades nin ruindades...

 

Recordas as primeiras cousas que escribiches?

Comecei facendo teatro infantil en español. Logo unha peza socio-política, que supoño moi demagóxica. Consérvoa, mais aínda non me deu por relela, case cincuenta anos despois: pode ser un experimento interesante, que o Nacho que escribiu aquilo por 1965, claro, non son eu, é outro, e ver como respiraba politicamente daquela... Logo veu un relato en galego, de meigas chuchonas.

 

Cal é o teu libro co que máis satisfeito estás, ou cada un é fillo do seus camiños?

Teño excesivo cariño por ‘Salvador de Occidente’, novela que non mereceu unha soa crítica impresa, nin a favor nin en contra, e si un par de desaires. Tamén lle teño moita lei a ‘Homes de ningures’. Pero a que máis quero neste momento é a que estou facendo. Ben, ninguén é bo crítico de si mesmo.

 

A felicidade é un estado de graza próximo á estolidez, un soño imposíbel como indicaba Manuel Vicent na súa novela ‘Balada de Caín’?

Non o creo así, mais todo depende de como definamos a felicidade, dos requisitos que lle poñamos á vida para considerarnos felices. Eu non o vexo tan difícil. Nada difícil. Unha vez copiei a citación «escribimos porque non somos felices»: moi filosófica, moi esencial, pero no meu caso moi falsa.

 

Cando pensas publicar os inéditos que tes?

Depende dos ventos. Nos actuais ninguén se interesa por publicar nada meu. Se te refires aos que puxen na bibliografía, ‘Rauvenabarécé’ é un texto de mocidade e non debe resucitar. ‘A folla continental’ tampouco, porque a dei por imposíbel: insinuáronme que non hai quen a entenda...

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS