Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Maré

O CONTRADECRETAZO

Xogando ao despiste

Educación anula por sorpresa a reunión de mañá da Mesa Sectorial para debater sobre os equipos de normalización

MARÉ . SANTIAGO   | 18.03.2010 
A- A+

AXENCIAS
Anxo Lorenzo durante a presentación do novo programa de Política LIngüística
FOTO: AXENCIAS

A Consellería de Educación anulou onte, por sorpresa, a reunión da Mesa Sectorial prevista para hoxe, onde se ía debater o Regulamento Orgánico de Centros (ROC) dos equipos de normalización lingüística. A reunión fora acordada o martes tras encontrarse os sindicatos que o departamento de Jesús Vázquez levaba os ROC das escolas de idiomas e mais dos conservatorios, pero non os destes equipos aos que o novo anteproxecto do Decreto de plurilingüismo despoxa do termo "normalización".

Xosé Cabido, representante do STEG, amosou onte a súa estrañeza pola repentina anulación, notificada mediante un correo electrónico. Cabido agarda que a cuestión sexa tratada na convocatoria para debater o anteproxecto do decreto do galego, que se celebrará o próximo 25 de marzo, un día antes de comezar as vacacións de semana santa. "Como nós anunciamos", ironizou o sindicalista, "de novo aproveitan as vacacións para enfrontarse ás cuestións polémicas".

Na consellería, causou onte tamén sorpresa o anuncio, por parte do xuíz Luís Villares no Consello da Cultura Galega (CCG), de que no anteproxecto se dan "bases para que poida ser declarado ilegal". Neste sentido, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou que o texto é "absolutamente legal" e instou os sectores críticos para esperar á opinión do Consello Consultivo ou, "se chega aos tibunais, o ditame dos xuíces".

"Creo que as dúbidas deberían resolvelas o organismo ou organismos correspondentes", matizou Lorenzo a preguntas dos xornalistas. De feito, defendeu que a proposta "se enmarca no marco normativo" galego, estatal e "desenvolve a Lei de normalización lingüística".

Malia iso, considerou "benvidas" as críticas vertidas sobre o anteproxecto do idioma impulsado pola Consellería de Educación: "Que cada quen argumente o que teña que argumentar". Lorenzo lembrou que se trata "dunha cuestión para valorar no eu momento", que será cando o Consello Consultivo analice a legalidade da norma ou "nos tribunais", en caso de que algunha entidade decida presentar recurso.

INICIATIVA DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA

O galego no Camiño de Santiago

Un programa de congresos con especialistas e exposicións itinerantes fomentará a "diversidade lingüística" a través do Camiño de Santiago durante o período 2010-2011 e coa lingua e a cultura galegas "como eixe fundamental".

En rolda de prensa, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, explicou que a iniciativa se enmarca no programa da Comisión Europea Cultura 2007-2013 de "fomento de redes culturais" e cooperación. Baseándose niso, Camiño das culturas e das linguas buscará a proxección exterior do galego "en colaboración con diferentes institucións doutros países" e doutras linguas como o catalán, o éuscaro, o bretón, o aragonés ou o occitano.

Lorenzo situou o Camiño de Santiago como o "elemento vertebrador" para "poñer en valor" a lingua e a cultura dende "unha perspectiva transnacional" e a partir da unión da "innovación e da creatividade".

Así, as principais liñas de acción serán o establecemento dunha rede europea de axentes de promoción e difusión das linguas, a organización de encontros e congresos con especialistas ou o impulso a unha exposición itinerante sobre diversidade lingüística e baseándose nun discurso positivo sobre as linguas. Impulsarase un portal multilingüe, que recompile textos, datos ou imaxes en relación cos idiomas das diferentes rexións europeas.

O programa de actividades, que aínda falta concretar, estará organizado en colaboración coa Consellería de Cultura, cun presuposto de 373.000 euros e financiado pola Comisión Europea nun 50 por cento deste.

Lorenzo asegurou que a iniciativa "empezará xa" e a partir dunha primeira reunión de "todas as institucións deste proxecto europeo", que se celebrará a "principios do mes de abril".

Negreira di que o texto é transparente

O presidente provincial do PP da Coruña e voceiro desta formación no Concello da cidade, Carlos Negreira, instou onte o PSdeG a sumarse ao anteproxecto de decreto do galego promovido polo Executivo Núñez Feijóo a elixir entre "un monolingüismo emprobrecedor" ou un "plurilingüismo enriquecedor" neste debate.

Negreira defendeu o anteproxecto polo seu "nivel de transparencia" e a "participación importante", indicou ao argumentar que o seu contido se fixo chegar, antes da súa presentación oficial, a "varias institucións".

Así mesmo, insistiu en que o "escenario" respecto do anteproxecto de decreto do galego "está bastante claro". "O BNG pide un modelo de inmersión lingüística, o PP o 50 por cento de equilibrio entre as dúas linguas e a introdución dunha terceira lingua", afirmou en alusión neste último caso ó inglés, "e o PSdeG non sabe o que quere", engadiu ao denunciar a postura dos socialistas galegos respecto disto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS