Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Maré

Presidente da Fundación Galiza Sempre

Xosé Manuel Beiras: “Continuamos a estar sometidos ao colonialismo lingüístico”

“O perigo que está a correr arestora a organización política do nacionalismo galego consiste no abandono, ou na hibernación ‘sine die’, do proxecto de emancipación nacional e social para o que esa organización foi deseñada e construída.”

POR MANUEL VIDAL  | 02.06.2008 
A- A+

Xosé Manuel Beiras Torrado é hoxe en día presidente da Fundación Galiza Sempre. Nace en Santiago de Compostela no ano 1936. Licenciado en Dereito comeza o seu labor docente nos anos 60 na Facultade de Dereito da Universidade de Madrid, para logo trasladarse á Universidade de Santiago, onde dende 1970 é catedrático de Estrutura Económica na Facultade de Cienciais Económicas e Empresariais. Foi membro fundador do Partido Socialista Galego na clandestinidade (1963), para participar, posteriormente, no proceso de constititución do Bloque Nacionalista Galego (BNG), na primavera de 1982, formando parte desde entón dos seus órganos de dirección. Na actualidade é membro da Executiva Nacional do BNG.

Foi candidato á Presidencia da Xunta de Galicia entre 1985 e 2001, e Portavoz Nacional até novembro de 2003, e mesmo deputado no Parlamento de Galiza entre 1985 e 2005. O seu liderado contribuíu á unión do nacionalismo e ao seu despegamento político social até converterse en segunda forza política galega. Impulsor da Declaración de Barcelona, é unha das personalidades políticas galegas máis recoñecidas no exterior, e figura clave no nacionalismo contemporáneo. Desde 1996 preside a Fundación Galiza Sempre. No seu traballo de investigación e ensaístico destacan títulos como O atraso económico de Galiza, A Galiza rural na encrucillada, Por unha Galiza liberada, Prosas de combate e maldicer, ou O estado da nación.

 

Comecemos, Xosé Manuel, pola literatura, antes que pola política ‘sui generis’. Na túa nobreza non hai un literato moito antes ca un político; un novelista, filósofo ou algo semellante?

Antes ca un político hai un cidadán inquedo e inconformista. E en todo caso un artista "amateur", un músico malogrado xa na adolescencia. Mais sen nostalxia do que puido ser.

Nacionalismo e nación; dúas cousas ben distintas, pero do mesmo campo semántico, por así dicilo e non. Que pode haber aquí de ‘contradictio in terminis’?

Ningunha, ao meu ver. A consciencia colectiva de ser unha nación non emancipada enxendra o nacionalismo como resposta activa, e "libertaria", a esa condición.

O PSG, do que ti fuches en certa maneira pai, non era entón un pseudoantagonismo do marxismo como que logo de caer, polo que observo hoxe, nas poutas, senón do neoliberalismo, si na deprimente social-democracia–galega, pero parasimpática– no que agora mesmo está a caer e mesmo ser engolida, lonxe dos seus principios fundacionais, o que agora mesmo representa o BNG ou a actual UPG, tan comúns?

O PSG naceu como un proxecto dunha socialdemocracia galega, mais, en poucos anos, os seus militantes convertérono nun proxecto de autodeterminación dunha nación periférica, en clave de socialismo marxista.

Imos retornar outravolta á literatura. Eu imaxino, e mesmo creo que hai un Beiras que ten máis dunha obra teatral, novela, poesía ou ensaio verbo do mesmo que non se atreve a publicar –non se atreve ou non quere-. Entre Albert Camus, Jean-Paul Satre, ti parece evidente que te decantaches polo autor de ‘Calígula’, obra teatral da que ti mesmo fixeches hai anos unha versión en galego, da que falabamos aí atrás, alá en Celanova, se mal non recordo. Esta miña reflexión suxíreche unha resposta nesa secuencia e sintonía?

Ese é o retrato do Beiras que circula por aí. Mais eu fun sempre tan sartrián coma camusián, inda que pareza contraditorio. Non o é. Os conflitos que houbo entre Camus e Sartre nunha conxuntura determinada non impiden nutrírmonos os demais, desas dúas fontes diferentes de pensamento sobre a condición humana, de actitude ética solidaria cos oprimidos e máis de concepción artística da creación literaria.

E a propósito da lingua, do noso idioma. Como ves ti o estado actual da cuestión, tendo en conta as graves eivas (refírome á aberta e mesmo solerte colonización de por parte da miseria do –ao meu ver delirante– "bilingüismo harmónico" ou desoutra miseria lingüística que contraria en calquera caso ao galego se fai chamar Galicia Bilingüe, que tanto bourean por aí adiante, sobre todo nos IES da nosa Nación?

É un novo episodio na inda inacabada historia do colonialismo lingüístico ao que seguimos a estar sometidos como pobo e como cultura. En todo caso pasamos, como toda a periferia do sistema mundo, dun status colonial a outro neo-colonial. As moscas mudan...

Un retorno, se non a Tagen Ata, do noso amigo Méndez Ferrín, si a esa deriva dos principios ou alicerce constitucional o que representa nesta hora o BNG. Nacionalismo "de esquerdas que abandona –sempre ao meu ver, o indepentismo–. De marxismo que xa nin lle falen, e nin sequera de internacionalismo. Cal é a túa resposta a esta miña outra reflexión?

O perigo que está a correr arestora a organización política do nacionalismo galego consiste no abandono, ou na hibernación ‘sine die’, do proxecto de emancipación nacional e social para o que esa organización foi deseñada e construída. De ser así, xa imaxinas as consecuencias: redundaría na inservibilidade desa organización.

Supoño, que ti como estudoso, e polo tanto inveterado lector que sen dúbida es, xa lerías ‘Galicia. De provincia a nación’, de Justo Beramendi González, colega teu na USC, e mesmo ‘Intelectuais marxistas en Galicia’, de Xesús Alonso Montero. Que louvas, ou mesmo que botas en menos destes dous libros?

O libro de Beramendi, que aínda non rematei de ler, é a culminación dun proceso de traballo, de esculca e reflexión que o Justo leva decenios a desenvolver cun enorme talento, unha insólita tenacidade e un exemplar rigor intelectual e máis con moito amor á súa patria de adopción.

Outra. Na disciplina, e mesmo historia do pensamento, estou a me referir á filosofía, historia, e ‘mens sana in corpore sano’, disciplinas das que agora mesmo queren reducir as horas lectivas nos IES galegos, e supoño –non o sei– na totalidade do aínda chamado Estado español (xa anteriormente fixeran algo semellante co latín, co que curiosamente agora, alomenos aquí en Galicia dan reviralvolta, aumentando o tempo, pregunto eu Xosé Manuel, que che parece a ti?

Que me vai parecer? Pensar é perigoso. Formar cidadáns que pensen, entraña un perigo para os poderes imperiais. O ensino é unha fábrica de forza de traballo cualificada. A educación, en troques, é un proceso de formación de seres humanos conscientes, desalienados e libres, capaces de enxendrar e de transmitir cultura. O imperio trata de producir en masa imbéciles, "hanalfabetos sapiens", dotados das destrezas necesarias para o funcionamento e reprodución do sistema, como no ‘Brave New World’, de Aldous Huxley.

Esoutro domingo
(04.05.2008), na túa sección ‘De Catro a Catro’ escribiches un artigo, ao meu xuízo, interesante e certamente revelador. Porén, eu concordo case coa totalidade da túa exposición, pero aínda así, e en gran ou pequena parte o campesiñado galego menos "exposto", e na sala de espera "das sobras do banquete", procurou, ao meu entendemento, máis que o exterminio – que sen dúbida foi así–, coa aquiescencia cínica e certamente descarada e sutil da Administración, e en moitos casos da desta "nacionalidade histórica", un baleiro que non que di hoxe en día absolutamente nada, e que o bipartito parece que non ten intención de cambiar, digan os voceiros das legacións españolas na nación galega, como os autoproclamados nacionalistas que hoxe teñen representación parlamentar no pazo do Hórreo. Poderías emitir o teu xuízo a esta miña longa cavilación?

O exterminio do campesiñado constitúe un auténtico etnocidio, ademais dunha amputación traumática na base económica e na estrutura social do noso país. Está a consumarse en todo o planeta, baixo a direción do poder económico e político do case único país do mundo onde o campesiñado nunca existiu –o seu equivalente aborixe foi exterminado– e nin sequera sabe en que consiste.

Beiras, pode ter longa vida unha nación sen Estado, ou mesmamente é unha solercia dos nacionalismos hexemónicos?

A longo prazo, ningún pobo pode sobrevivir sen poder político propio, é dicir, sen exercer a súa soberanía.

E outra máis, Xosé Manuel, ti cres posíbel e mesmo bo un partido nacionalista de dereitas aquí en Galicia ou Galiza (como ti queiras a nomenclatura)?

Creo necesaria unha forza nacionalista de esquerda que exerza como tal, ou sexa, que loite no seo da sociedade a prol da hexemonía política das clases dominadas nunha nación independente, emancipada.

Como lingüista, que en boa medida es, que poderías ti aportar á Academia Galega na que creo que non estás?

Foime unha honra que Sebastián Martínez Risco, cando presidía a Academia, me propuxese como membro, sendo eu moi novo aínda, e que a institución me admitise. Foi unha fatalidade que, deseguido, o meu descenso aos infernos me impedise ingresar. Foi unha fortuna ter retornado vivo daquel descenso, e unha ledicia escribir e entregar o meu discurso de ingreso e mais a miña louvanza do meu predecesor no escano, don Xesús Carro. Foi unha deshonra para a institución que un seu posterior presidente provocase a anulación dun precepto da lei de normalización lingüística crucial para o noso idioma. E coido que, á vista diso, foi congruente a miña renuncia de entón ao meu escano na Academia. O que podería aportar non o podo saber sen pórme a proba –cousa que non fixen, como ves.

Laico, ateo, ontolóxico, panteísta, ou aconfensional, desculpa esta pregunta; podes?

Agnóstico e laicista. Pódeche valer así?

Todo ou só en parte Marx, Hegel, Engels, Lenin, Mao…?

Son marxista, díxeno abondas veces. Sen ortodoxias, claro. Mais tamén libertario. E tamén rosaliano, e brahmsiano, e ...

Tentouche algunha vez a novela, ou talvez a poesía?

So escribín poemas na adolescencia. Bouza Brey gostaba deles e animárame a perseverar. Afortunadamente non lle fixen caso niso. Si no amor ao noso país e á nosa historia.

Eu, Xosé Manuel nunca crin nin creo no binomio –chamésmolle cultural ou cultura– de dereitas e esquerdas, pois a cultura, para min, xa digo, só florece na esquerda. E non me esquezo dos grandes poetas e novelistas, que houbo nesa destra. Que me contas?

Nisto non concordo contigo, descúlpame. Mais non imos discutir aquí, non si?

Serías mellor músico que disciplinado estudoso da economía en concreto?

Non debe un caer no engado de pensar que faría millor aquilo que non ousou tentar facer.

Saber por saber é o que vale?

Saber sempre vale. Individualmente abonda. Socialmente resultaría egoísta - estéril.

Está o galego en perigo de morte?

Si. Mais non morrerá. Está vivo na xeración dos meus netos. E nunha constelación de mulleres novas que o escriben divinamente, como nunca acontecera até agora na nosa literatura, e de nais que o falan cos seus picariños todos: son as mulleres as auténticas transmisoras do idioma na vida dun pobo.

Cal é, despois de todo, o inmediato?

Sobrevivir con dignidade. E non deixar de loitar, ou sexa de practicar a rebeldía.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS