Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
![]() |
| Finalmente a Xunta non obrigará a que os cabalos teñan microchip identificativo este ano na rapa das bestas |
Medio Rural cedeu e, finalmente, poderanse celebrar os tradicionais curros da provincia de Pontevedra aínda que os cabalos non teñan implantado o correspondente microchip identificativo. O anuncio fíxoo o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, tras unha reunión no Parlamento na que tanto el como o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, trataron a cuestión cos alcaldes de Baiona e Oia -ambos do Partido Popular (PP)- e gandeiros destes municipios. "Como tal práctica que se realiza onde ten lugar a explotación, nós non imos prohibila", sentenciou o director xeral, pero, a continuación, matizou que "cousa distinta" ocorrerá se os donos dos équidos "queren levalo a un matadoiro" sen identificación.
A denominada rapa das bestas, "aínda que se converteu nun tema de interese", entre outros, desde o punto de vista turístico, "en esencia, non deixa de ser unha práctica que hai que facer co cabalo de monte", explicou Robledo. "O feito de que teñas unha campaña de identificación non impide que fagas as prácticas habituais que tes que facer", agregou.
Xa que logo, subliñou, a Administración galega "vai facer a presión necesaria para conseguir que toda a masa de gando se identifique". Este non é un obxectivo que se poida lograr "en 24 horas", asumiu, polo que o Goberno autonómico aposta por "explicar, presionar e falar sobre os temas".
Precisamente, ese foi o obxectivo do encontro cos alcaldes de Baiona e Oia e responsables das asociacións cabalares que ameazan con non organizar os curros ante un custo -o dos microchips- que consideran elevado. "Dixémoslles que, neste momento, as axudas son suficientes", detallou Robledo, quen tamén recoñeceu que o que os donos do gando expoñen é "dúbidas" sobre o valor da medida "nun futuro", no caso de que as subvencións para a adquisición diminúan ou desaparezan -en 2010 foron dun 90 por cento e en 2011 rebaixáronse a un 75 por cento.
Pola súa banda, os rexedores e representantes de asociacións cabalares sinalaron a posibilidade, que prevé o regulamento europeo, de "exceptuar" a algunhas áreas da obrigación de identificar. Esta opción, indicou o director xeral, precisa que se garanta dalgún xeito que estás falando dunha reserva natural ou dun espazo xeográfico onde non haxa riscos de ningún tipo". "Que os animais non poidan saír daquela área", ilustrou.
Respecto diso, Robledo interpretou "moi difícil, por non dicir imposible" que esta posibilidade sexa aplicable en Galicia, "dados os límites xeográficos, as vías de comunicación e o aproveitamento pastable" da comunidade.
