Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Abertos ao galego

28.06.2010 
A- A+

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a semana pasada o certificado Abertos ao Galego, que a asociación formula como un dos seus "proxectos estrela" para os vindeiros anos. Ese distintivo concederase a empresas ou asociacións (non teñen por que ser só de natureza comercial ou industrial, senón de todo tipo) que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego.

A pretensión é ir creando e consolidando, aos poucos, unha nova rede de dinamización do uso do noso idioma no ámbito socioeconómico, que sirva de apoio, de estímulo e de referencia. De apoio ás empresas que xa utilizan o galego; de estímulo ás industrias, comercios, fornecedoras de servizos e entidades que aínda non usan o idioma de Galiza ou que non fan con el ou por el todo o que poderían facer; de referencia para o conxunto da sociedade, que pode e debe sustentar a idea de que nun consumo responsábel e sustentábel tamén ha de ter un papel crucial o respecto aos nosos dereitos lingüísticos.

Todos os estudos de mercado elaborados en Galiza tendo en conta a variábel idiomática conclúen que a inmensa maioría da sociedade galega ve con bos ollos o uso da nosa lingua propia no ámbito comercial e empresarial. Ademais, é significativa a existencia dun segmento social que demanda de forma expresa este uso do noso idioma. Este proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística quere aproveitar e darlle saída a estas potencialidades tan escasamente exploradas.

Abertos ao Galego naceu constituído por 62 empresas, que van desde xoiarías até pubs, pasando por tendas de roupa, librarías, xestorías, editoras, adegas etc. Estas conformadoras iniciais de Abertos ao Galego son a fornecedora de equipos de seguridade A-1; os pubs 14! e o Patachim (da Coruña); as tendas de comercio xusto A Cova da Terra (Lugo) e Amarante (Santiago), as editoras A Nosa Terra e Xerais (as dúas de Vigo), A Peneira (Ponteareas), Positivas e Urco (ambas de Santiago), Novos Vieiros (A Coruña) e a publicación Tempos Novos (Compostela); as xoiarías A Picota (Ourense) e Alume (Santiago); as tendas de roupa A Reixa (Santiago) e Nicetrip (A Coruña); as produtoras culturais Berrogüetto (Mos), Emedous, Escena Galega e Nordesía, Abada (estes catro últimos, de Santiago de Compostela); a distribuidora de Livros Portugueses (Santiago); as Adegas Durán - Vento Mareiro (Cambados); os estabelecementos de interiorismo Andrómenas e Nanube (ambos de Santiago); as entidades de educación ambiental Ardora (Vigo), Alvarella (Vilarmaior) e Ventos (Poio); as xestorías IPR Xestión (Cerceda), Neves (Ponteareas), Compostela Xestión (Santiago) e Inicia Xestión (Oleiros); a casa de turismo rural Budiño de Serraseca (Oia); as creadoras e distribuidoras de camisolas Caramuxo (Vilagarcía) e Reizentolo (Ponteareas); as fornecedoras de servizos informáticos, tecnoloxía ou instalacións eléctricas Ceroseuns (Ponteareas), Coa Innovación (Vigo), INGAECC (Ponteareas), Meigasoft e Viplaro (estas dúas últimas en Compostela); as librarías Como Unha Novela (A Laracha), Torga e A Nova (ambas de Ourense), Cartabón (Vigo) e Pedreira (Santiago); deseñadores Deseño e Cores SLL (Lugo); tradutores Eureco (Santiago); fabricantes de parques infantís Galopín (Cerceda); a produtora audiovisual Ignacio Benedetti (A Coruña); a empresa de subministros profesionais Laborgal (Ames); as centradas na alimentación Larpeiradas Anxo (Arteixo), Lugar da Veiga (Chantada), Arcobaleno (Ponteareas) e Xamóns A Paradanta (na Cañiza); a imprenta Litonor; o estabelecemento de reparación do calzado O Zapateiro (Betanzos); a cooperativa Pegadas (Arteixo); a Sala Nasa (Santiago) como organizadora de espectáculos, e Xeneme (Santiago), como dinamizadora de actividades sociais. Vai aí unha boa listaxe para termos presente, mais que sabemos que non fará máis que crecer nos vindeiros días e semanas.

Calquera entidade interesada en formar parte do proxecto só ten que cumprir tres requisitos: ter unha disposición favorábel ao uso do galego, analizar a súa situación lingüística (a través dunha ficha que fornece A Mesa) e proporse obxectivos de mellora, así como pagar a cota mínima (de 48 euros anuais) para ostentar o certificado. Todas as cotas recadadas irán destinadas de xeito íntegro á xestión e ao desenvolvemento do proxecto Abertos ao Galego (edición de soportes, mantemento do catálogo web na páxina www.amesanl.org/abertosaogalego etc) e ao obxectivo de promover a extensión do uso do idioma de Galiza no ámbito socioeconómico. Para máis información, as entidades interesadas poden dirixirse á Mesa pola Normalización Lingüística a través do correo electrónico abertosaogalego@amesanl.org ou do teléfono 981 563 885.

Dado que a restauración ou extensión da lingua galega para todos os ámbitos é un proceso que imos andando pouco a pouco, o certificado Abertos ao Galego nace con catro graos diferentes, que tamén podemos ter presentes á hora de exercermos este consumo responsábel co galego:

NIVEL UN

Adoptaron e están a desenvolver medidas para a normalización do galego. Están aínda a dar os primeiros pasos.

No caso das empresas, estabelecerase como mínimo para este nivel o uso non deturpado da toponimia e o cumprimento da lexislación lingüística.

No caso das organizacións, o estabelecemento de medidas concretas para o uso do galego será suficiente para este nivel, malia que tales medidas aínda non se concretasen. A Mesa realizará un seguimento específico da aplicación das medidas nos prazos acordados coa entidade correspondente.

NIVEL DOUS

Empresas e entidades que ofrecen toda a súa información exterior en galego.

No caso de facer uso tamén doutros idiomas, o galego será a lingua de opción positiva e que apareza salientada ou en primeiro lugar.

NIVEL TRES

Ofrecen toda a información exterior en galego e, ademais, utilízano como lingua interna de traballo: nóminas, xestións administrativas, contabilidade, etc.

NIVEL CATRO

Ademais de realizaren un uso sistemático do galego tanto interna como externamente, solicitan a información e a documentación en galego a provedores e administracións.

Son entidades e empresas que dinamizan de xeito especial o uso e a extensión social do galego.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS