Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Finais da primeira década do século XXI. Nun lugar chamado Galicia tras a famosa noite meiga de san Xoán, a noite máis máxica de todas cantas hai, desde tempos remotos, digo, que aquí ocorren cousas que non son normais para os tempos que corren. Ou que semellan ser doutros tempos.
Venres 19 de xuño. 20.10 h. do serán. Por unhas rúas de Compostela discorre unha procesión relixiosa. Por outras discorre outra procesión de tractores protestando pola difícil situación pola que pasa o sector lácteo-gandeiro. Nas súas protestas derraman moito leite. O leite derramado é a súa fábula, para buscar solucións sen chorar sobre del. Sen se laiar diso. A súa situación non lles permite botar as contas da leiteira. Non son ilusións o que piden. Pensar que do leite vendido lles darán tanto diñeiro que con el comprarán un canastro de ovos para deles sacar cen polos, que os rodeen no estío, cantándolles o pío-pío; senón que a realidade os obriga a conseguir un prezo xusto polo litro de leite, para sobrevivir. Non miran o futuro pois non teñen o presente seguro. E prorrogan a folga até a noite.
Coincídeme ver pasar primeiro a manifestación relixiosa, nun día no que as manifestacións sobre o aborto da xerarquía eclesiástica, pronunciadas polo seu voceiro, volven deixarnos abraiados, atónitos.
20.15 horas. Na conversa con dúas persoas coñecidas sobre as devanditas declaracións xorde, inevitablemente, o tema do posicionamento da Igrexa cara ao poder político, da súa pretensión de imporlle os seus dogmas a toda a sociedade, do seu dereito a expresar as súas opinións, dos seus arrebatos, de que pretendían expedientar e facer un comunicado público para censurar a obra e o pensamento do excelente teólogo galego, Andrés Torres Queiruga, por desviarse da liña oficial. E con moito acerto, unha desas persoas pregúntame se lin El hereje de Delibes, un libro que narra a vida dos protestantes naqueloutra Hispania, de andar ás agochadas e de todo aquilo que tiñan que pasar na España católica, coa Santa Inquisición ao mando da Igrexa, onde ninguén podía saír do considerado por eles como cristiamente correcto. Que critica a intolerancia sufrida por tantas e tantas persoas queimadas, encerradas en alxubes, torturadas, en condicións infrahumanas cuxo delito era non compartir ese catolicismo ou ter crenzas diferentes. Sen liberdade de conciencia. Considerando a todos aqueles que tiñan outra idea da relixión cristiá, como herexes.
20.50.Estou nun cruzamento parado agardando a que pase unha longa ringleira de tractores. As rodas de máis de dous metros de diámetro sobre as que van sentados algúns gandeiros fanme sentir moi pequeno ao seu lado. E este día ademais falece Vicente Ferrer.
Entre tanto anacronismo, no en tanto, entre tantas cousas que existen, que perviven e que non se corresponden coa época na que vivimos, hai feitos e persoas que paga a pena coñecer, porque fan posible que se poida crer en que outra realidade, outro mundo é posible.
