Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

fiestra aberta

MANUEL CENDÁN

Agrupémonos

28.01.2011 
A- A+

Escribo esta columna un día antes da convocatoria de Folga Xeral por parte da CIG en Galicia. Á marxe do resultado concreto desta convocatoria, é obvio que teñen dereito a decidir a liña de actuación que queiran; pero as actuais negociacións entre UGT, CCOO e o Goberno Zapatero -alén dos resultados que poidan traer- son produto do éxito da Folga Xeral do 29 de setembro do ano 2010 e son necesarias. Tamén, é certo que ninguén sensato poderá manifestar discrepancias cos motivos da convocatoria da central nacionalista (a reforma das pensións).

Tamén somos testemuñas de como en cada centro de traballo a falta de unidade de acción da CIG con UGT e CCOO, provocou entre os traballadores unha enorme impresión de falta de rumbo; uns traballadores que teñen claro que a única saída progresista á crise virá dada da nosa unidade ou non será.

Resulta necesario e procedente o debate sindical que se está a dar dentro dos tres sindicatos. Nin sequera o ámbito de mobilización estatal é suficiente. Cando a dereita financeira está a actuar no eido europeo e internacional, resulta imprescindible unha maior confluencia, cando menos, no ámbito da Europa Occidental. O que tamén implica ir alén da simple unidade de acción ou limitada a unha nación sen estado.

Sería un grave erro que a convocatoria da CIG fose un freo ao reagrupamento sindical. Un amigo, o fotógrafo e debuxante Suso Pazos graficamente presentaba esta central sindical, xunto con UGT e CCOO, como tres pirámides, cuxas bases se xuntan pero as súas cúpulas non son quen de facelo. Hoxe, o movemento obreiro galego, alén deste desencontro, necesita dunha unidade sindical profunda. Unha soa clase traballadora, un só movemento obreiro..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS