Mércores 08.09.2010  | Actualizado 17.28      Hemeroteca web  |  RSS  RSS

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Google
[Noticia 1 de 1] Opinión  |  RSS - Opinión RSS

MANUEL VIDAL VILLAVERDE

fai fume

Alba de gloria en primavera

26.03.2008

2.0/5 [1 Voto/s]

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter | Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

MANUEL VIDAL VILLAVERDE

In foro conscientae, podería eu comezar esta miña columna para xustificar a miña alegría, ou mellor dito o enunciado desta alba de gloria que escribo e digo, a propósito de dous recentes poemarios do talento e as mans amigas, cal é o caso de Chus Pato e o meu vello e entrañable Bernardino Graña, para este caso, pero sen me esquecer desoutra travesía ou singradura de Pepe Cáccamo, da cal falaremos noutra próxima ocasión. Transcorridas eleccións para o Parlamento español no cal a Nación galega está representada polo BNG e non polo PSOE e polo PP, aínda que eles, que sempre serán outros, digan outra cousa, pasadas digo as últimas horas do inverno, entrou en nós un recendo de gloria e certa primavera, e neste nós que grafo agora en cursiva, non teño necesidade de engadir outra palabra, adxectivo ou pronome. Daquela estou a me referir a dous dos máis significativos dos nosos poetas, da nosa lírica deste XXI, xa no pailebote (Manoel Antonio), con ou sen o "ademán políglota das bandeiras", pero si co mar roubado, arrebatado aquí en Vigo e en tantos outros lugares da xeografía nacional galega. Quería entón o cronista falar de Hordas da escritura, un libro que forma arte e parte da pentoloxía que Chus Pato vén elaborando (será o vocábulo adecuado?) dende hai uns anos, pero non tantos que a memoria caia sobre o esquezo para que este ince coma flor que eu quero cal lirio silvestre se é que houber, cómo non, porque dígolles que se, tal que nela existe para evocar o Método, que nada ten que ver (ou si?) co discurso de Descartes.

A poesía, ou talvez a poética de Chus, sempre na vangarda e menos críptica do que cren os iletrados, a voz da nosa poeta digo, libérase de por si do metro que é métrica, pero non do ritmo, da música, pois ela é unha investigadora da palabra en fermosas hipérboles ou metáforas, en mestura atenta de compromiso e denuncia que un anima a ler a calquera home ou muller atento a algo máis ca á beleza da sintaxe coa que a poeta constrúe e reconstrúe camiños, congostras, resíos, searas, vilas, cidades e movementos de reivindicación nacional marxista e sempre galega: "A destrución en Galicia non atinxe o inorgánico, por iso non/ podemos dicir que teñamos ruínas; a destrución en Galicia/correspóndese coa desarticulación do tecido social e con/parámetros morais por iso non podemos soster que teña-/mos ruínas (as ruínas lingüísticas, a ruína de unidades pro-/dutivas e mentais non son avaliábeis). Noutros países a des-/trución abrangue tamén o inorgánico (bombardeos). Non/podemos afirmar que un infarto sexa unha ruína do corazón, un corazón arruinado". Alba de gloria, pois esta prímula altamente expresiva de Chus Pato, que chega canda ela, estoutro libro de Bernardino: Acendede as almearas, despois de non ver Vigo nin Cangas, despois do Poema do home que quixo vivir, ou Profecía do mar. En tempos xa afastados de Compostela un recorda ao Bernardino aínda baril e mozo con aqueles versos de flor no corazón e na boca: "Ouh Marías, donas de corazón decote namoradas"; as horas adormecían entre os gatos do frío e a noite daquel novembro cando entrabamos no Derby por se se achegaba alí a pálida figura amortallada de Valle-Inclán cun feixe de divinas palabras. Nunca chegou don Ramón de Boisaca, só na nosa imaxinación, no nobre imaxinario; porén, si chegan agora os versos limpos do amigo: "Nado arriba, fanático,/coma un bosque de peixes que alimento,/mentres me quedo, dentro, case seco,/mentres vou descubrindo en soño e dedos/a primavera-brotes dos teus peitos/coma rosados gromos aurorados,/un albor no sangue que me impulsiona,/leve luz suficiente,/cerne exacto".

E namentres agardamos receñidos doutrora; namentres agardamos outras palabras para outras eleccións na Nación, sabemos xa que Galicia non se vende.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS