Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

ESTRAÑOS, RAROS E ESQUECIDOS

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

"Anaquiños": lecturas galegas para escolares no 1942

05.04.2008 
A- A+

Este foi un libro escolar aprobado pola Autoridade, segundo consta no inicio, que levaba impreso o nihil obstat, que formaba parte dun método de pedagoxía activa e que pasara o filtro da censura do seu tempo sempre á espreita da corrección, a orde, a unidade.... Anaquiños publicouse por vez primeira no ano 1942 cando a posguerra máis dura e o control máis férreo imperaban como arma de ataque e defensa do franquismo. Un libro escolar de lecturas gallegas editado naquel ano non foi entón, nin é hoxe, un asunto menor, e menos a súa reimpresión oito anos máis tarde. Cento vinte e cinco páxinas impresas no branco e negro, metafórico do tempo que transcorría, só ofrece en cores a cuberta -que amosa unha imaxe tópica do eido rural onde salienta o libro nas mans dun dos nenos- encadrada nun amplo marco vermello. Fotografías costumistas (labores, xentes?), de cidades e vilas galegas ao abeiro de múltiples debuxos de lugares, espazos e personaxes (onde non faltan Franco, Concepción Arenal, Montero Ríos?) adornan este interesante e chamativo libriño de lecturas para os máis novos. Unha imaxe de Rosalía representa o pórtico destas páxinas que inclúen unha breve achega biográfica da autora e dous poemas: en castelán Los robles e en galego Calade. Tampouco debe pasar inadvertido o feito de que, xunto a Eduardo Pondal, apareza unha breve explicación de Curros e un comentario sobre A Virxe do Cristal.

O volume foi publicado pola casa Editorial Miguel A. Salvatella de Barcelona, un selo editor que ofrecía, entre outras textos, diferentes libros con lecturas xeográficas, históricas e da literatura española. O autor de Anaquiños era Manuel Fernández Novoa (que escribe no manual escolar un umbral explicativo sobre a intención destas lecturas galegas e dos seus destinatarios), un mestre de orixe viguesa nacido no ano 1908 e que faleceu na súa vila no ano 1984.

Se rechamante é a inclusión de Curros Enríquez -poeta anticlerical e denunciado diante da xustiza por mor dos seus poemas contrarios aos dogmas da igrexa- nun libro escolar de 1942 (que, dixemos, pasou o filtro censor xa eclesiástico, xa civil), non menos sorprendentes son outros dous trazos que, conscientemente claro está, Manuel Fernández incorporou na parte final como anacos das súas lecturas: por unha banda as catro frases derradeiras do capítulo dedicado aos cruceiros nas que cómpre reparar: "En la región de Bretaña (Francia) se encuentran, como en Galicia, innumerables cruceros. El gran caricaturista gallego, Castelao, ha dado a la publicidad una obra sobre los mismos". Lembremos que "As cruces de pedra na Bretaña" fora editado no ano 1930 polo Seminario de Estudos Galegos e que Castelao pasaba, no intre da publicación de Anaquiños, os anos finais da súa vida no exilio. O segundo elemento de interese é a aparición na penúltima páxina (entre o capituliño dedicado á raza e o dedicado a Galicia) dunhas estrofas do poema de Pondal Os Pinos que Fernández Novoa titula Himno Gallego. Quizais as palabras de Alonso Montero deiten luz sobre isto: "Creo que Fernández Novoa non era, en 1942, un galeguista que disimulase a súa simpatía con calquera forma de galeguismo político ou reivindicativo, pero era un galego non insensible a certas realidades do seu país, sen excluí-la lingua galega e a personalidade dos seus poetas".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS