Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

CADERNO ABERTO

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Antón Patiño fala de Lois Pereiro

11.04.2011 
A- A+

Falou Antón Patiño estoutro día en Monforte sobre a vida e a obra de Lois Pereiro, unindo á súa palabra unha moi interesante mostra fotográfica e documental, e foi quen de desentrañar o pintor e ensaísta monfortino na súa intervención aspectos fulcrais da vida e da obra do poeta amigo, compañeiro nos días de Madrid e implicado en certas liñas estéticas fundamentais na experiencia de ambos. Estanse a dicir moitas cousas estes tempos, é certo, sobre Lois Pereiro, e máis que se dirán (collendo de aquí e de acolá, copiando uns dos outros), mais poucos se achegarán con precisión e con "verdade viva" ao autor de Poemas de amor e enfermidade como o fai Antón Patiño cando fala "dende dentro", despregando ideas e análises sentidas, experimentadas, fornecidas non só de admiración estética e literaria senón tamén de entrañabilidade ou, para precisarmos mellor, de "fraternidade poética", no sentido que a esta expresión lle dan algúns poetas latinoamericanos, tal é o caso de Alfredo Silva Estrada. Antón Patiño non dubida en afirmar que para Lois Pereiro, formado nos Escolapios de Monforte, a cultura era un "hábitat", e que o poeta foi capaz de manter en todo momento unha fidelidade aos antergos, ás súas terras do Incio, ao mesmo tempo que se internaba de cheo nos espazos múltiples da modernidade. Antón Patiño lembra o interese que Lois Pereiro sentía polo cinema (en Madrid ve algunhas mostras do mellor cine europeo) e fai fincapé nunha "película de trens", especialmente admirada polo monfortino Pereiro, aquel filme de David Lean titulado Brief Encounter, interpretado por Celia Johnson e Trevor Howard, unha fita cinematográfica que "impactou" (puro drama romántico) na mente do poeta. E Antón Patiño, un dos mellores coñecedores, xunto con Manuel Rivas, da vida e da obra de Lois Pereiro, fala tamén do pensamento antiglobalitario do poeta, do seu "anarcogaleguismo" (Josito Pereiro) e de cando "Loisón" se atopa nun restaurante de Madrid con outro poeta lugués, Díaz Castro. Dous poetas en corpo e alma..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS