Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

CADERNO ABERTO

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Bombardeos humanitarios

22.03.2011 
A- A+

Xa se están a producir os bombardeos humanitarios occidentais sobre Libia. E eran de esperar, porque todo estaba cantado. Até o presidente Zapatero -"quién te ha visto y quién te ve"- dixo que as accións bélicas contra Libia comportaban "un compromiso terminante cos dereitos humanos e contra os crimes contra a humanidade". Amr Musa, secretario xeral da Liga Árabe, ao mellor caeu da burra e agora di que os ataques da "alianza internacional" sobre Libia "exceden a zona de protección aérea para os civís rebeldes". É dicir, o máximo representante dunha organización fundada no ano 1945 e composta por 22 países árabes, denuncia agora que as misións aéreas de ataque contra tropas leais a Gadafi non recibiron a autorización da comunidade internacional. ¡Hai que ver que despistado anda este señor! Convénzase, señor Musa, de que estamos diante dunha guerra humanitaria para protexer o pobo libio, e se no primeiro día de bombardeos humanitarios resultan mortas máis de 60 persoas e hai máis de 150 feridos, todo isto se debe -repare ben, señor secretario xeral-, ao que se entende no mundo civilizado por danos colaterais. ¿Entende vostede? Son danos non intencionais, son accidentes que se producen en toda operación militar de paz. Fágalle caso, por favor, a Trinidad Jiménez, ministra española de Asuntos Exteriores, que ben sabe ela que as accións bélicas da comunidade internacional -un clube de mercaderes, banqueiros e guerreiros, segundo Eduardo Galeano, outro despistado- son levadas a cabo en Libia para defender os civís, para protexer á poboación. E os bombardeos humanitarios, por suposto, tamén inclúen, por que non, algún centro hospitalario -así o informou a canle de televisión Russia Today-, algo que figura en calquera manual de guerra humanitaria. ¿Por que advirte agora o Comité Internacional da Cruz Vermella que a vida dos civís libios está en risco? Pois non señor. ¿Vai alguén pór en cuestión os fins humanitarios de persoas como Obama, Sarkozy, Cameron e Zapatero? Pura grandeza de espírito..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS