Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

ventos ábregos

AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Centenario de Camilo Agrasar

04.02.2007 
A- A+

Reconforta volver a Padrón de vez en cando. Inda que sexa un tópico dicilo, unha vez máis, pasear polas rúas e visitar os lugares emblemáticos de Padrón ou a contemplación do Sar, exiguo e letal, restablece os alentos de vivir. Padrón continúa impertérrito na década dos cincuenta. O núcleo urbano segue ostentando rótulos fascistas de forma inulta inda que inocua. A soberanía do Espolón está agora deliberadamente compartida por Rosalía e Cela. Algúns dirixentes de Padrón seguen pensando aínda que, na república das letras, CJC é tanto ou máis que miña señora dona Rosalía. Uns papaleisóns. O Souto, que ía ser o grande aparcadoiro de Padrón, permanece como acovardado e consumido. O convento de San Xosé do Carme, inhabitado e ermo. Andan os operarios munícipes a preparar o Santiaguiño. Os arredores de Padrón son o desastre urbano. A paz do Xardín Botánico está ferida polos axexos incontinentes. A catedral de Iria vive na soidade incorporal.

Non hai memoria de Padrón que non acuda á mente. Os maioría dos próceres contemporáneos de Padrón carecen de silueta no donaire clásico da vila. Houbo tempos nos que Padrón estaba na vangarda dos acontecementos literarios de Galicia. Desde que en 1957 se inaugurara a efixie de Rosalía no Espolón, os "varóns de Padrón", como os cualificara Cabanillas, figuran á fronte das máis nobres iniciativas galeguistas. Octavio San Martín, Camilo Agrasar, Máximo Sar, Beiró Buxán, Uxío Reboyras... Pola rúa Vidal Cepeda percíbense mesmo, suspendidas no ambiente, as conversas da lírica barbería de Camilo. Por ela pasaron milleiros de devotos de Rosalía para pedir as chaves da Casa da Matanza. Eran os portugueses que viñan exprofeso para renderlle culto silencioso: Santos Simões, Santos Júnior, Hugo Rocha, Oliveira Guerra... Eran os italianos. Eran os franceses. Eran os da diáspora galego-americana.

Eis a Camilo Agrasar no centenario do seu nacemento. A saga dos Agrasares resulta absolutamente decisiva na actual historia de Padrón: Camilo, Ángel, Xosé Luís, Carlos... Sobre todos eles, Camilo Agrasar. Dábanlle o adeallo cariñoso de viúvo de Rosalía. El foi a alma e o esforzo persoal na compra da ruinosa casa en que viviu e finou a poeta, antes e despois de 1947. El foi quen convenceu a Mosquera Pérez e a Villar Granxel para a institución do saudosísimo Padroado. El foi o guía e o condutor de visitantes e devotos ao longo de máis de tres décadas en xeira difícil. El foi o depositario e o custodio do escaso legado rosaliano que se foi reunindo lentamente. Por tal motivo, participou tamén na creación da Fundación do Pedrón de Ouro, embebida de rosalianismo nobre e leal.

Os méritos de Camilo Agrasar son incontables. Cronista, historiador, mecenas de Padrón. Biógrafo dunha decena de fillos ilustres de Padrón. Comprometido politicamente con Galicia. Este é o momento de que Padrón lle debería tributar o recoñecemento e a homenaxe do centenario que se cumprirá, xusta e curiosamente, o 31 de decembro do 2007. No centenario terían que participar a Fundación Rosalía de Castro e a Fundación do Pedrón de Ouro. Coincidiría, ademais, co cincuentenario do Padre Aureliano Pardo Villar, de quen Camilo Agrasar foi asiduo e intenso colaborador. ¡Que fermoso sería unir os dous padroneses na conmemoración para saldar vetustas débedas, clamorosas obrigas, públicas emendas! Unha cousa debe quedar nidia e manifesta: ¡ninguén no mundo amou máis a Padrón que Camilo Agrasar!

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS