Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 30.04.2017 Actualizado 18:10
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

A chave

25.04.2011 
A- A+

A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, comeza as súas actividades con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Na propia xornada do 17 de maio realizaranse concentracións expansivas en diferentes localidades de todo o país, para denunciar o desamparo autonómico que vive o noso idioma, chamar a atención social sobre a necesidade de actuarmos para revitalizalo e -xa que estaremos en plena campaña para as eleccións municipais- sinalar tamén a importancia de que os concellos sexan motores da defensa e promoción do noso idioma. Todas as persoas interesadas en participaren ou botaren unha man poden dirixirse á plataforma. Fai moita falta movérmonos na defensa da lingua que nos une como galegas e galegos.

Quince días antes, o vindeiro sábado 30 de abril, estamos convocados a unha festa da nosa lingua e cultura, que usa como lema un coñecido verso do noso poeta nacional Manuel María: "O galego é a chave coa que abrimos o mundo".

O escenario para este acto lúdico e reividindicativo será a Sala Capitol de Santiago de Compostela. Durante o mesmo, alternaranse no escenario as actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado, ás que se sumaran as palabras do actor Ernesto Chao, presidente de Escena Galega; a profesora e ensaísta Pilar García Negro; a escritora Teresa Moure; o escritor e académico Manuel Rivas; o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), e quen isto escribe como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz nacional de Queremos Galego. O encontro conducirao o humorista e artista gráfico Xosé Lois González O Carrabouxo, creador do "himno oficioso" da plataforma: o "Mamá, eu quero galego", que milleiros de persoas corearon nas multitudinarias mobilizacións convocadas desde que Alberto Núñez Feijóo comezou a desmantelar, pola vía dos feitos, a oficialidade da nosa lingua.

O mundo dos libros

No acto do día 30 achegarannos a súa enerxía unha escritora e un escritor de ficción moi recoñecidos polo público e pola crítica, tanto dentro como fóra de Galiza. Sirva isto para nos determos a pensar que podemos facer, mesmo a nivel individual, para vitalizarmos o mercado editorial no noso idioma e dármoslle forza así á nosa propia cultura.

O fundamental é o máis evidente: escollamos e leamos con frecuencia obras en galego. Tentemos ler tamén volumes en portugués, para coñecermos as outras variedades do noso mesmo sistema lingüístico.

Se a nosa libraría habitual non distribúe novidades en galego, solicitémosllo. É importante que saiban de primeira man que teñen unha clientela potencial para un mercado que sabe e quere ler no idioma de Galiza. Se quixermos comprar un libro e non o vermos en galego, preguntemos nas librarías que distribúen novidades no noso idioma. Aínda que son unha minoría no que di respecto ao conxunto da xeografía galega, temos algunha como mínimo en cada cidade e en moitas vilas. Ademais, todas elas son accesíbeis a través de internet. Apoiemos a quen apoia a nosa cultura!

Se o volume que quixermos non o houber traducido para o galego, pidamos na libraría que nolo consigan en portugués. A través de internet é moi fácil conseguirmos os datos da editora para que poidan contactar coa distribuidora.

Ademais, se un libro traducido ten un prezo maior en galego do que en castelán, sendo do mesmo formato, podemos escribir á editora para protestar.

O mundo da música

O último disco de Mercedes Peón, SÓS, foi durante varios meses número un da World Music Charts Europe (WMCE), a máis prestixiosa lista musical das radios estatais europeas. Publicacións como Songlines escolleron o seu traballo para o Top of the World. E aínda poderiamos pór moitos outros recoñecementos máis que recibiu este traballo. Porén, fagamos un pequeno inquérito ao noso redor. Quen sabe tan sequera cantaruxar algunha canción deste disco? En cantos medios de comunicación puidemos escoitala?

A música galega continúa a ser, como ben dicía o verso de Rosalía de Castro, estranxeira na propia patria. Porén, é moito o que podemos facer, tamén individualmente, para axudar a mudar a situación:

- Tentemos superar a actual infrarrepresentación da música galega nos medios de comunicación facendo un consciente esforzo voluntarista para sabermos que é o que se coce na actualidade musical do país. Levarémonos gratísimas sorpresas!

- Non o dubidemos. Compremos música galega e vaiamos ás actuacións que ofrezan as súas creadoras e os seus creadores.

- Escribamos aos medios de comunicación, especialmente ás radios e televisións, tanto públicas como privadas e tanto de ámbito galego como estatal, para que nos informen da actualidade musical no noso idioma. Parece mentira que a Mercedes Peón, por exemplo, lle sexa máis fácil encabezar unha lista musical europea que pechar unha lista musical a nivel de Estado. Son os prexuízos contra a diversidade lingüística e cultural os que levan a que aconteza isto.

A principal responsabilidade desta promoción está, sen lugar a dúbidas, na Xunta de Galiza, na Radio Galega e na TVG. Fagamos que sintan a nosa voz!

Ademais, é bo que tentemos estar ao día tamén da actualidade musical do conxunto dos territorios do noso sistema lingüístico. Non fai moito sentido que só coñezamos os músicos portugueses, brasileiros ou caboverdianos cando triúnfan en Madrid.

Abrimos o mundo!

Tiña toda a razón Manuel María cando escribiu ese verso que nos convoca para o vindeiro 30 de abril: "O galego é a chave coa que abrimos o mundo". A través da nosa lingua e da nosa cultura, en diálogo co universo todo. Porque cremos nas nosas forzas e nas nosas capacidades. Porque queremos seguir sendo..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS