Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Opinión

HENRIQUE ALVARELLOS

crónica da semana invisible

Chegar antes

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti

MARTES, 23


Ao sur do mapa


de Europa

 

Diríxome cara a onde o mapa de Europa perde -polo sur- o seu nome, ou sexa, á costa da milenaria Gadir, a Zahara de los Atunes. No voo de Spanair no que me sento, neste treito primeiro da viaxe, de Compostela a Barcelona, dan a benvida en castelán, en inglés e logo en catalán. En ningún momento o galego, malia termos despegado da capital de Galicia. Si o catalán, insisto. É un verdadeiro insulto este trilingüismo tan retorto que volve mancar unha vez máis no noso. Íallo dicir á tripulación, pero hoxe principio unha semana de lecer e non quero iniciar o descanso -antes de chegar ao último sur- cunha discusión. Haberá momento para facelo máis a xeito.

Agora toca chegar antes. Neste final de xuño. Cando aínda non puxeron as ondas do verán e os parasois de agosto non teñen memoria. Seremos os primeiros en expremer o zume estival todo. Un privilexio concentrado en sete días.

 

MÉRCORES, 24


"Viaxar é exiliarse


do centro"

 

"Viajar es andarse por las ramas, exiliarse del centro, rotar en torno de un interior que nos reclama", leo na Obra poética (1981-2001) de Francisco Umbral que acaba de ser publicada por Seix Barral, en edición -poemas inéditos a carón do recuperado Crímenes y baladas de 1981- de Miguel García-Posada. E porque viaxar quizais sexa o que di Umbral, un detense a mirar o núcleo no mar, debuxado de África na liña do horizonte, e procura mover pouco o corpo (cousa imposible -é só teoría- pois hai nenos arredor). Deterse trala viaxe, no destino elixido, é chegar directamente ao centro dun mesmo. Vou peneirando poemas pola tardiña baixa e nos ocos luminosos do día. Trazo a fronteira entre dous mares e deixo que o vento do oeste me ceibe as súas mensaxes: La tristeza ha venido -escribe o poeta- y me golpea despacio/ como el agua golpea/ en los acantilados./ Soy un acantilado de muertos sucesivos. As metáforas de Umbral son intensas nestes versos, verdadeiros achados. Mais un le, estes días, dende o corazón relaxado e lúdico, e afastado, dun ser ledo nunha semana de ocio.

 

XOVES, 25


Os espazos


baleiros...

 

Os espazos baleiros dos derradeiros días de xuño son o anuncio sentenciado das marés populosas do estío. Pousan os gatos o acougo no medio da rúas detidas e ollan os nativos que pintan as casas de verán. As últimas brochas de xuño cos brancos do lecer máis puro. Conta atrás para o negocio que principia e anulará este aberto de tempo adiado. Xuño é un pano novo sobre as terraciñas de verán, un ensaio de músicas no pub La Ballena Verde, unhas cortinas abertas e un cartel de Alúgase que se esvae.

Os últimos días de xuño, canda o mar, no sur, son unha pre-existencia. Un sabe, a un tempo -oh, paradoxo-, que todo está por chegar mais tamén que as cousas rematarán de contado. E tomo unhas fotos na estrada que vai de Vejer a Medina Sidonia. Aparteime por unha pista á dereita para nos deter pé dun campo enorme de mirasoles (na imaxe). Que luz do xuño serodio portan no seu cumio virado, no seu porte altaneiro.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS