Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

couso e arca

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Comedia costumista de Ricardo Frade

02.10.2010 
A- A+

É ben coñecido que no ano 1916 comeza a súa andaina un movemento de reivindicación, defensa e dignificación do idioma que coñecemos como Irmandades da Fala. Arredor delas foron nacendo ideas e iniciativas entre as que tivo unha enorme importancia, transcendencia e proxección o feito de promocionar o teatro na lingua do país como recurso fundamental para chegar ao pobo e ofrecer cultura dramática desde unha precariedade de medios moi xeneralizada. Aínda así, foi nos inicios do século XX cando algúns nomes, que se demostrarán fundamentais no futuro, xa estaban a traballar en tarefas pioneiras no labor da escenificación, da teorización e da escrita teatral. Rexionalismo, identidade e costumismo conviviron á par na orixe da Escola Rexional de Declamación (1903) e os nomes de Manuel Lugrís, Sánchez Niño e Galo Salinas comparten os criterios, e mesmo discrepancias, nun mesmo tempo e nas mesmas publicacións periódicas. Precisamente, nunha delas -Revista Gallega- dirixida por Galo Salinas atopamos algunha colaboración (un poema e unha narración breve en castelán, de tema amoroso, ateigada de tópicos) do escritor Ricardo Frade Giráldez. No traballo literario, e no eido teatral, deu ao prelo dúas pezas dramáticas que, aínda non acadando grandes éxitos, terían un certo recoñecemento: O Rey d"a Carballeira (1917) e ¡Vaites... vaites! (1925) obra esta que mesmo formaría parte das emisións de Radio Galicia na década dos anos 30.

Esta publicación que recolle aquela primeira "comedia dramática" está datada no ano 1932 e nela incorpóranse asuntos moi coñecidos no mundo teatral do tempo: costumismo, a temática do indiano, a cuestión amorosa... O libriño inclúe unha pequena achega que é o Pórtico (en castelán) de Ortiz Novo, escrito para a ocasión e titulado La aportación de Frade Giráldez al Teatro Regional, un limiar encomiástico arredor do autor e a obra que o prologuista explica para o lector antes de que se erga o pano. Un comentario arredor da estrutura, do contido e dos personaxes que nos sitúan diante desta comedia que ten un remate moi "hábil e humano"..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS