Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 19.10.2017 Actualizado 18:44
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Opinión

O RODicio do tempo

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ

O coto de San Trocado

26.02.2011 
A- A+

Érguese a curta distancia do castro ou cidade de Las, coroado por unha ermida deste santo, non só considerado un dos primeiros evanxelizadores da Península, senón que ata segundo a piadosa tradición foi discípulo do apóstolo Santiago. A el acoden para que protexa a casa, os animais e os froitos das treboadas e mais cando son con descarga eléctrica, por iso ten un raio na man. Esta representación concorda coa de Xúpiter que preto, no alto da cidade de Lambrica, aínda se conserva unha inscrición dedicada a IOVI, nome da principal deidade do panteón romano, feito que testemuña que aquí contou con culto e que foi substituído por San Trocado.

Lambrica chegou a ser unha impresionante acrópole romanizada, das máis grandes de Galicia, grazas ao ouro e a outros minerais que se extraían nos xacementos da contorna, coma o de Barbantes e o Lago.

O coto constitúe un impresionante miradoiro dos vales dos ríos Miño e Barbantiño, xusto onde o segundo desemboca no primeiro. Pola súa estratéxica situación, dende sempre debeu ser un lugar de vixía e defensa dos dous vales, e aínda máis do do Miño, que se divisa dende preto de Ourense ata a presa do encoro de Castrelo.

No mesmo emprazamento da ermida con seguranza que os devanceiros prehistóricos tiveron algún santuario, logo tamén os poboadores dos castros e os romanos, ata, por último, os cristiáns. Estes non se sabe dende cando, pero é de supoñer que dende os primeiros tempos da chegada aquí do Cristianismo, malia que a construción actual non sexa moi antiga, reformada quizais na primeira metade do século XVIII, a teor do ano que se le nunha das pedras, 1739.

Co gallo da data en que se festexa, a mediados de maio, pode estar relacionado co lume (téñase en conta que o santo, coma o deus Xúpiter, ten os raios na man), sobre todo coas fogueiras que antes se acendían nos montes e campos para librar os froitos de perigos, como as do alumar o pan, ben documentadas ata comezos do século pasado, das que actualmente quedan restos nos concellos coruñeses de Rois e Outes.

O coto non é moi alto visto dende a acrópole de Lambrica, pero resulta moi diferente se se fita dende o fondo dos vales do Miño e do Barbantiño, sobresaíndo entón entre todos os montes da contorna. O territorio repártese entre os concellos de Punxín, Santo Amaro e Cenlle, mais a cima só é dous primeiros, e, en particular a ermida, do segundo, da parroquia de San Cibrao de Las.

A romaxe ten lugar o 15 de maio e, en tempos pasados, os devotos aproveitaban para mercar alí as cebolas de plantar, tradición agora perdida pero que viña de antigo.

Visite as ruínas de Lambrica se lle interesa a arqueoloxía e a historia; vaia a San Trocado pola paisaxe e, como lecer e reconfortante, conclúa a xornada nas augas caldas do balneario de Laias, frecuentadas polo romanos hai dous mil anos.

Non quero rematar sen darlle un consello de amigo: teña moito coidado no coto de San Trocado, pois xa non é o primeiro que foxe ao atopar no medio do camiño unha enorme serpe cun caravel na boca. Se isto lle ocorre, non se asuste, pois trátase dunha moura enfeitizada que leva vivindo neste monte dende hai moitos séculos e que quere volver ser muller. Achéguese a ela sen medo e atrévase a coller a flor polo outro extremo cos seus beizos. Nese intre desaparecerá o encanto e o ofidio converterase nunha fermosa moza. Así llelo contaron hai anos os veciños a López Cuevillas e a Bouza Brey. .

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS