Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

XABIER PÉREZ IGREXAS

Da 'refundación' e outros mantras

05.07.2011 
A- A+

Trala reiteración até a extenuación do mantra da 'renovación' e 'apertura' da esquerda, e tras comprobar o fracaso reiterado destas formulacións propias do postmodernismo progre (baste observar os resultados recentes nas eleccións lexislativas en Portugal), desta volta o novo becerro de ouro é o da 'refundación', sexa da esquerda en xeral ou do nacionalismo galego en particular. Vese máis unha vez que determinados sectores seguen a esforzarse máis no significante, na formulación aparente, que no significado ou no contido concreto da súa proposición política. Ficamos pois, perante unha nova vaga de fermosas palabras que malia nacer -nalgúns casos mais non en todos- da boa intención acaban por ser simple envoltorio estético de discursos baleiros.

A estas alturas xa non hai nada máis vello que a teima pretendidamente 'anovadora', trala que se agocha as máis das veces unha deliberada intención de moderar discursos, de atenuar proxectos e de dulcificar perfiles por puro posibilismo electoralista. Quen sustenta este tipo de discursos na 'modernidade' obvia que non hai nada máis antigo que o reformismo.

Falaba antes das intencionalidades destes procesos que agroman ciclicamente, e nese senso non podemos obviar que nalgunhas ocasións estes encerran unha innegábel funcionalidade sistémica, favorábel ás teses que lle son funcionais ás clases dominantes e ao poder político e económico. O contributo de moitas iniciativas 'ben intencionadas' deste signo ten sido de entrada distraer, desviando a atención das cuestións centrais (p.ex. nesta volta as radicalizadas contradicións do propio capitalismo) a través da simplificación cara asuntos de carácter secundario ou lateral, e tamén axudar a desvalorizar as propostas políticas netamente transformadoras xa existentes, en lugar de as apuntalar, afondando no discurso desmobilizador e antipolítico do propio sistema.

Mais con todo, o máis grave é que esta caste de proposicións -que acadan de xeito non casual unha ampla focaxe mediática-, chámense 'Mesas pola Converxencia Social', chámese manifesto 'Unha ilusión compartida' ou 'Iniciativa Ben Común', parten, ao meu xuízo (malia as diferenzas evidentes entre elas) dunha mesma xénese errada. Todas están construídas a partires do falso axioma de que os proxectos políticos da esquerda transformadora vixentes -que os hai- fallan no seu cerne discursivo-programático. Porque non nos equivoquemos, hai quen cando sostén a 'necesidade' de mudar as formas do discurso o que propón de feito é unha emenda á totalidade do contido do mesmo. A súa análise conclúe dunha derivación inexacta: dado que o apoio popular (electoral) ao proxecto X ou a organización Y non se ten incrementado ou mesmo ten minguado, é preciso unha reformulación do mesmo. Pode parecer un razoamento lóxico e razoábel, mais este inclúe a deliberada omisión dun elemento capital no plano político: o problema da conciencia.

Eu son dos que acredita en que o noso pobo, o galego, non ten o que merece. Tampouco adhiro ás teses do sadomasoquismo que explicaría a decantación electoral dalgúns segmentos das clases populares a favor de alternativas antisociais como o Partido Popular. Operamos nunha realidade sociopolítica marcada por unha correlación de forzas entre as diferentes concepcións da realidade, entre as diferentes concepcións ideolóxicas, que podemos sintetizar na contraposición entre as alternativas antisistémicas/emancipadoras e as opcións sistémicas/conservadoras coas que se enfrontan as diferentes contradicións (de clase ou nacional p.ex.). E nese escenario o elemento que decanta a correlación non é nin máis nin menos que o estado de conciencia social. O feito de que amplos sectores populares que serían obxectivamente beneficiados de pular por determinadas forzas políticas de signo transformador, aposten pola contra polas que coas súas políticas os prexudican non se debe nin á falencia dos proxectos transformadores (inda admitindo as súas deficiencias e insuficiencias) nin coa 'vontade' libre de ninguén. Ninguén é libre de decidir baixo o xugo do alienante pensamento único que a todas horas nos proxectan os media do sistema. Senón que este tipo de resultados son sintomáticos da falta de conciencia, e consciencia efectiva, encol dunha realidade ás máis das veces desdebuxada cando non directamente disfrazada.

Ou non é resultado do discurso do sistema que unha parte representativa da clase traballadora, que só é posuidora do seu precario salario -cando o ten-, se autoubique socioloxicamente como clase media? Ou non o é tamén que se siga a colocar no espectro ideolóxico da esquerda a forzas políticas de claro signo social-liberal como o PSOE, que non pasan obxectivamente dun imposíbel centro-reformista? Acaso non tivo nada a ver coa aceptación aparentemente acrítica e sen grande resposta social das políticas do neoliberalismo durante as fases económicas expansivas a queda das experiencias socialistas no Leste?

Obviar o problema da conciencia, e máis aqueles elementos que interveñen estrutural e sistemicamente na súa conformación, só nos pode levar a formulacións inxenuas ou interesadas a respecto do devir da esquerda.

Descúlpenme os gurús vellos e novos, mais a cousa non está en inventar non se sabe que fórmula maxistral e sobre todo moderna, senón en aplicar con coherencia as análises -o máis axustadas e precisas posíbel- e as propostas que delas emanan en base a principios ideolóxicos que malia a súa antigüidade non perderon ápice de vixencia. Porque a cuestión non é que o rabaño social entre na nosa cerca, senón que se libere deixando de ser rabaño. E para iso o fundamental é introducir socialmente (a través p.ex. dos movementos sociais que algúns invocan formalmente pero que obvian nos feitos) o noso discurso propio para convencer a quen inda non o subscribe, non adaptar a nosa oferta política a non se sabe que demanda electoral á carta. Porque ademais sucedáneos reformistas e experimentos postmodernos xa houbo arreo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS