Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

O goberno conservador do PP (como outros gobernos anteriores, non nos enganemos), accedeu ao poder cun único obxectivo político: servir aos intereses das clases dominantes, desmobilizar a clase traballadora e someter o pobo. Evidentemente, ese obxectivo no seu programa político quedou disimulado baixo o discurso da defensa da liberdade, do esforzo individual e da utilidade no marco da economía de libre mercado e da redución do gasto público e da privatización dos servizos sociais e públicos como mecanismo para ofrecer a mellor calidade e atención á cidadanía usuaria deses servizos. Ese programa político trasladouse axiña en acción de goberno na precarización das condicións laborais e na criminalización dos colectivos sociais máis combativos (como demostrou durante o conflito do metal en Vigo), en recortes orzamentarios para servizos sociais imprescindibles nun estado do benestar (como vén de anunciar na presentación dos orzamentos anuais da Xunta)... e, como non, nun intensivo ataque contra o idioma galego (dinamitando o consenso democrático alcanzado polas diferentes forzas políticas galegas e apoiado por un amplo conxunto da sociedade galega).
Fronte ao ataque lingüicida do goberno conservador, que se manifesta na intención de derrogar o Decreto que regula o emprego do galego no ensino e de revisar o Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza, na modificación dos criterios ao respecto do uso e promoción do galego no acceso á función pública e noutros ámbitos (decreto de infantil...), na retirada de subvencións para a promoción da lingua e da cultura galega en diferentes departamentos da Administración autonómica (subvencións ás aulas de galego en contextos castelanfalantes...), no emprego indiscriminado do español nos actos nos que a dirixencia do PP está a representar o pobo galego..., nos últimos meses foron xurdindo diferentes plataformas cidadás en defensa da lingua galega.
Unha destas iniciativas foi a que culminou coa mobilización dun importante sector da sociedade galega, aquel que, independentemente das súas posturas ideolóxicas saíu á rúa a responder á agresiva e regresiva política lingüística do goberno do Partido Popular, as máis de 50.000 persoas que acudiron á manifestación do pasado día 18 de outubro, mostrando unha actitude de compromiso na defensa da nosa lingua.
Non obstante, fronte ás agresivas políticas do actual goberno conservador, que están a ameazar seriamente a supervivencia do galego coa súa actitude galegófoba inspirada no odio multisecular que as clases dominantes (agás honrosas excepcións ben coñecidas na nosa historia recente), senten polo pobo galego e apoiada no autoodio que as clases dominadas (e colonizadas) senten polos seus propios sinais de identidade, considerando que desa forma poderán medrar socialmente.
Cómpre, xa que logo, intervir tanto fronte aos ataques contra o galego como fronte ás causas que orixinan o sentimento de autoodio entre as clases dominadas pondo fin á explotación de clase, de xénero e nacional.
