Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Só a partir dos cambios producidos pola Revolución Francesa moitos pobos do mundo reflexionaron sobre a grande inxustiza que supuña a súa marxinación do poder político. Agromou así o ideal democrático moderno, no que o goberno e as leis deberían xurdir do pobo mesmo e estaren controlados por el. A soberanía ou autoridade suprema do estado non podía residir nunha persoa ou grupo privilexiado, senón no conxunto da sociedade. Aparecía desta maneira a nova categoría do cidadán, que desterraba a antiga do súbdito.
Alcanzar unha democracia plena vén constituíndo un ambicioso soño e unha constante tarefa para calquera sociedade madura. Nuns estados máis que noutros callou o ideal democrático. Hoxe en día a maioría dos estados contan por diversos motivos cunha democracia imperfecta. Un deles vén sendo polo mantemento da forma monárquica na xefatura do estado. Non se pode considerar a monarquía como outro modelo, alén do republicano, de representación popular. Outra cousa ben distinta é que os reis do presente non exerzan un auténtico poder e que, no chanzo inferior, os primeiros ministros e os seus gobernos si procedan e se formen a partir dos principios de representación democrática. No mundo contemporáneo a forma monárquica do Estado resulta un vestixio do pasado medieval. O filósofo holandés, de posíbel orixe galega, Spinoza xa dicía no século XVII que se todos somos iguais en canto a que formamos parte da substancia única -Deus sive natura- na democracia todos tamén deberiamos ser iguais.
Calquera demócrata cabal tería que ser republicano, pois só o sistema republicano se constitúe na súa totalidade a partir da representación democrática. E nunha democracia auténtica só hai cidadanía, porque non se distingue entre realeza e plebe. Non se entenden na sociedade actual privilexios como o da inviolabilidade, o de non estar suxeito a ningún tipo de responsabilidades polos actos que se realicen, o de reverencia -pegada de carácter sagrado dos reis do pasado-, o de suntuosidade e o do boato cerimonial. Democracia significa tamén a posibilidade de acceso á máis alta maxistratura estatal do fillo da máis humilde das familias da nación, sempre que conte coa necesaria preparación, cos méritos e capacidades suficientes, e co voto popular.
Co gallo do aniversario primaveral daquel 14 de abril de 1931, convén lembrar a vixencia do republicanismo e manifestar que, sexa república galega, española ou universal, só a forma republicana garante unha coherencia democrática plena en canto á representación popular.
