Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Denuncia internacional

19.04.2010 
A- A+

www.carloscallon.com

 

A semana pasada unha delegación da plataforma Queremos Galego conformada por Bieito Lobeira, Anxo Louzao e quen isto asina desenvolveu unha intensa axenda en Bruxelas para denunciar a política lingüística do actual goberno da Xunta. Tal acción -para a que foi crucial a axuda da futura eurodeputada galega Ana Miranda- foi só un capítulo dunha denuncia internacional que se prolongará no tempo con novos pasos nas institucións da Unión Europea e que se estenderá tamén á UNESCO e ao Consello de Europa.

O esforzo desta plataforma cidadá impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística en denunciar internacionalmente o que nos está a acontecer foi motivo de inquietude no Goberno galego. Saben que están a vulnerar normas internacionais de obrigado cumprimento no Estado español, como a Carta Europea das Linguas; saben que están a facer un uso bastardo do termo "plurilingüismo" para camuflar xusto a antítese: unha perda planificada da diversidade cultural con proxectos tan lesivos como o decretazo. Por iso molestou nos gabinetes da Xunta que Queremos Galego actuase e tivese encontros en Bruxelas, dentro das súas humildes limitacións humanas e económicas, aínda que coa inmensa forza simbólica da súa demostrada capacidade de mobilización social.

Espionaxe made in na casa

Tanto foi así este tremor en San Caetano, que desde a Consellaría de Educación parece que non teñen cousas mellores a facer que encargar relatorios sobre a actividade desta plataforma cidadá, como ben demostrou hai uns días unha información exclusiva de El Correo Gallego. O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberían aclarar a Queremos Galego e ao conxunto da cidadanía que obxectivos perseguía a elaboración dese dossier que parece máis propio das persecucións detectivescas do PP madrileño que da tradición política galega. De verdade nunha semana coma esta, na que soubemos que os comedores dos centros públicos non reciben a asignación da Xunta desde hai meses, os gobernantes non teñen mellor afán que encargar aos funcionarios que elaboren relatorios coma estes? Debería haber luz e taquígrafos sobre esta cuestión.

Por riba, os datos que trascenderon deste relatorio son falaces. Desde a Consellaría quixeron xogar á espionaxe, mais o dossier que lles saíu de tal tentativa parece redixido por Mortadelo e Filemón ou por Maxwell Smart. Ben, se é que a súa intención era redixir algo veraz e non elaborar unha información terxiversada para filtrar como auténtica.

Polo que se soubo, no informe reducían a acción desta delegación a unha entrevista cun eurodeputado (!). En fin, nin tan sequera consultaron o perfil no facebook de Queremos Galego, onde poderían ver cos seus propios ollos as fotografías dalgúns dos múltiplos encontros realizados pola delegación desta plataforma en Bruxelas. Mesmo, como poderían constatar graficamente se quixesen, houbo algúns contactos adoptados a maiores da axenda inicial, que foron aproveitados para dar a coñecer a nosa situación e que darán froitos ben axiña en novos pasos destas denuncias internacionais. Só falta que digan que na realidade nunca saímos de Galiza, que tal viaxe non existiu e que todas as imaxes son produto do photoshop...

Que defende a Xunta?

A Xunta mente conscientemente cando fala de escasa interlocución de Queremos Galego coas institucións comunitarias. Aínda que por unha reunión fóra de Bélxica non puido recibirnos a actual comisaria de Multilingüismo, Educación, Cultura e Mocidade, quen isto subscribe, como presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, foi, hai un ano, o primeiro representante dunha organización galega en entrevistarse cun comisario de Multilingüismo, nese momento Leonard Orban. Ese alto cargo comunitario trasladárame xa daquela o seu apoio á existencia dunha rede de escolas infantís en galego e á implementación de modelos educativos de acordo cos tratados internacionais subscritos a nivel europeo.

O alto cargo que recibiu nesta ocasión a delegación, por indicación da comisaria, comprometeuse a trasladarlle os informes á titular da área, que desculpou a súa ausencia e manifestou o seu interese en axendar un futuro encontro para abordar a problemática que se lle presentaba, previo ao cal se enviarán novos relatorios. Por respecto institucional cara á comisaria, e como agradecemento aos xestos e á importante información (que abre novas vías de traballo) proporcionada polo seu gabinete, a plataforma Queremos Galego non respondeu nin responderá a máis críticas falaces por parte da Xunta e este respecto. Iso si, Queremos Galego anima a Xunta a que defenda a lingua e cultura galegas nas institucións comunitarias e que non actúe como un lobby de presión contra os intereses de Galiza.

Que plurilingüismo é ese?

Ademais, como puntualmente informou Queremos Galego e demostran diversos testemuños gráficos, a delegación desta plataforma mantivo encontros non só cun eurodeputado liberal de Finlandia, como di o informe da Xunta, senón con representantes de varios grupos do Parlamento Europeo, membros do Intergrupo de Linguas. A ese respecto, é significativo que o Intergrupo de Linguas se reunise por vez primeira na súa historia en Bruxelas, de forma extraordinaria, e por solidaridade coa grave situación da nosa cultura, para acoller a delegación desta plataforma cidadá que agrupa a máis de 700 entidades do máis diverso tipo.

Tal encontro tivo os seus froitos xa inmediatos, pois varios eurodeputados e varias eurodeputadas, dos Grupos do Partido Socialista Europeo, do Grupo Liberal e Demócrata (ALDE) e do grupo Verdes-Alianza Libre Europea/ALE ofrecéronse a tramitar unha pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea denunciando a actual política da Xunta en relación co galego.

Hai que subliñar que todos e cada un dos encontros que mantivo a delegación, tanto con representantes das institucións comunitarias como dos diferentes grupos do Europarlamento, consideraron que o plurilingüismo que di defender o Goberno galego con ese decreto para o ensino non se corresponde con ningún modelo de plurilingüismo recoñecido ou amparado polas institucións comunitarias, senón que mesmo contraría acordos do Parlamento europeo e boas prácticas para a diversidade lingüística e cultural nos sistemas educativos.

Cómpre lembrar que o Parlamento Europeo, en 2009, elaborou un informe sobre o Multilingüismo que recolle moitas das teses que nuclean o traballo de Queremos Galego e que contradín os eixos deste decretazo que a Xunta de Núñez Feijóo quere impor de forma unilateral.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS